Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 5 de abril de 2018 Páx. 18910

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de marzo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación dos montes denominados Sebelo e outros, solicitados a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Lagoa, na parroquia de San Miguel do Campo, do concello de Campo Lameiro.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de febreiro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes denominados Sebelo e outros a favor dos veciños da CMVMC da Lagoa, da parroquia de San Miguel do Campo, no concello de Campo Lameiro, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 8.2.2016, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra aproba unha resolución que clasifica como veciñais en man común as parcelas Agrelo, Casteliño, Agrelo de Abaixo, A Cheda, Baladoiro e Portadiz, e non clasifica as parcelas Sebelo, As Brañas, Campiño, Encibano e Peineto, a favor da Comunidade de Montes da Lagoa, da parroquia de San Miguel do Campo, pertencente ao concello de Campo Lameiro.

Segundo. Ramón Amador García Fontenla, como presidente e en representación da Comunidade de Montes da Lagoa, o 29.3.2016, presenta recurso de reposición contra a citada resolución no referente á non clasificación das parcelas As Brañas, Campiño, Encibano e Peineto. En apoio ás súas alegacións, presenta nove declaracións xuradas de veciños dos lugares de Carballeira, Baladoiro, Congostra e Casteliños, próximos ás citadas parcelas, afirmando o seu aproveitamento comunal polos veciños da Lagoa. Tamén presenta copia do Plan de xestión forestal da comunidade elaborado en 2009 e visado polo Colexio de Técnicos Forestais, que inclúe as parcelas Campiño e Peineto, así como do proxecto de valorización integral dos recursos do monte veciñal da Lagoa, elaborado ao abeiro da Orde de axudas para programas de valorización integral e promoción de multifuncionalidade do monte da Xunta de Galicia, que tamén inclúe estas dúas parcelas. Presenta tamén cartografía corrixida da parcela A Braña e certificación catastral da titularidade da parcela Encibano a favor da Comunidade da Lagoa.

Terceiro. O 20.5.2016, Belén Raposo Pérez, en representación da Comunidade de Montes de Lameiro, presenta alegacións contrarias ao recurso da Comunidade de Montes da Lagoa; reitera a súa delimitación de barrios da parroquia contida no informe pericial presentado anteriormente, que establecería a pertenza das parcelas Campiño, Encibano e Peineto ao barrio de Lameiro e considera escaso o carácter probatorio das declaracións xuradas dos veciños e da inclusión das parcelas citadas en plans de xestión e valorización, por seren realizadas pola propia comunidade.

Cuarto. O 2.5.2016 e, xa fóra de prazo, presenta alegacións o Concello de Campo Lameiro sobre a resolución de clasificación do 8 de febreiro. Alega a inclusión no inventario de bens municipais de diversas vías asfaltadas estremeiras coas parcelas clasificadas e un pendello situado nun extremo da parcela Agrelo de Abaixo, ademais de dúas parcelas que afectan parcialmente a parcela Agrelo.

Quinto. Contra as anteriores alegacións, a Comunidade de Montes da Lagoa o 14.11.2016 presenta, pola súa vez, novas alegacións. Sobre o alegado polo Concello afirma que as vías públicas do inventario municipal non están afectadas pola resolución de clasificación, agás a que atravesa a parcela Casteliño. Sobre esta vía, a Comunidade de Montes aduce que a súa inclusión no Inventario de Bens Municipais non acredita a titularidade deste. Idéntica argumentación alega á inclusión do pendello, que non está na parcela de Agrelo de Abaixo, senón na de Casteliño. Verbo do alegado pola Comunidade de Montes de Lameiro, reitérase nas súas alegacións anteriores presentadas o 20.3.2016.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición contra as súas resolucións en virtude do establecido no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto pola Comunidade de Montes da Lagoa por cumprir cos requisitos exixidos nos artigos 123 e 124 da citada Lei 39/2015. Igualmente procede admitir as alegacións da Comunidade de Montes de Lameiro.

Non procede admitir as alegacións do Concello de Campo Lameiro por seren presentadas fóra de prazo, pois consta a súa entrada no rexistro o 2.5.2016, 46 días despois de ser publicada a resolución no Diario Oficial de Galicia (17.3.2016) e excedendo claramente o prazo dun mes recollido na dita resolución. O atraso é aínda máis inescusable tendo en conta que o Concello de Campo Lameiro recibiu a comunicación da resolución de clasificación o 25.2.2016, segundo consta na documentación do expediente. Na resolución de clasificación indicábase que o prazo para interpoñer o recurso de reposición será dun mes (artigo 124 da LPAC), contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, e neste sentido, o artigo 116 da mesma lei determina que será causa de non admisión, entre outras, o ter transcorrido o prazo para a interposición do recurso.

Terceira. Sobre as alegacións presentadas pola Comunidade de Montes da Lagoa, admítense como elementos de proba do aproveitamento veciñal as declaracións xuradas dos veciños, aínda que no monte Peineto se debe excluír a parcela situada no extremo sur e ocupada por unha instalación municipal. Admítese tamén a planimetría corrixida da parcela As Brañas, que xa acreditara anteriormente o aproveitamento veciñal. Sobre a tramitación ante a Consellería do Medio Rural de diversos proxectos técnicos sobre o seu monte veciñal, no Servizo de Montes consta a presentación dunha solicitude para a elaboración dun Plan de xestión forestal do monte veciñal pola CMVMC da Lagoa e que recibiu a aprobación dunha subvención o 13.1.2009. Aínda que finalmente a subvención non foi aboada porque a Comunidade non xustificou no prazo establecido na convocatoria o pagamento da realización do traballo, o proxecto foi elaborado e visado posteriormente polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos. Este proxecto incluía as parcelas Encibano e Peineto, o que constitúe un acto de disposición sobre elas pola Comunidade de Montes da Lagoa.

Ao respecto do manifestado polo promotor do expediente en relación coa inclusión na parte dispositiva dunha parcela denominada Borna, procede estimar as alegacións por canto se trata dun erro de transcrición.

Deste xeito, advertido un erro na parte dispositiva da resolución de clasificación do 8.2.2016 e publicada no DOG núm. 53, do 17 de marzo de 2016, en virtude do disposto no artigo 109.2 da LPAC, onde di: «(...) O Xurado acorda por unanimidade dos seus membros: clasificar como veciñais en man común as parcelas denominadas Agrelo, Casteliño, Agrelo de Abaixo, A Cheda, Baladoiro e Portadiz, Borna por reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989 (...)», deberá dicir: «(....) O Xurado acorda por unanimidade dos seus membros: clasificar como veciñais en man común as parcelas denominadas Agrelo, Casteliño, Agrelo de Abaixo, A Cheda, Baladoiro e Portadiz, por reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989 (...)».

Cuarta. No tocante ás alegacións presentadas pola Comunidade de Montes de Lameiro, reiteran as xa presentadas durante a tramitación do expediente de clasificación, baseando a súa argumentación en defender que as parcelas de Campiño, Encibano e Peineto pertencen ao barrio de Lameiro e non ao da Lagoa. En defensa da súa posición, amosa diversas divisións entre os dous barrios, incluída a que utiliza o Concello de Campo Lameiro, pero tamén recoñece que a división contida na carpeta-ficha de Lameiro sitúa as tres parcelas en disputa no barrio da Lagoa. En todo caso, o establecemento das estremas administrativas de barrios, lugares ou parroquias non é relevante á hora de determinar o carácter veciñal das parcelas.

En consecuencia, á vista dos feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Non admitir por extemporáneo o recurso de reposición presentado polo Concello de Campo Lameiro.

Desestimar as alegacións presentadas pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lameiro polos motivos anteriormente expostos.

Estimar o recurso de reposición presentado pola Comunidade de Montes da Lagoa no sentido de clasificar como monte veciñal as parcelas As Brañas, Campiño, Encibano e Peineto (nesta parcela a excepción da superficie ocupada pola instalación municipal) a favor da CMVMC da Lagoa, confirmando en todos os demais termos a resolución impugnada, tendo en conta a corrección de erros realizada na consideración legal e técnica terceira.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123-2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 20 de marzo de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Mano Común de Pontevedra