Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 5 de abril de 2018 Páx. 18915

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de marzo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Fixón, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Negros, parroquia de Negros, do concello de Redondela.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 26 de febreiro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Fixón a favor dos veciños da CMVMC de Negros, da parroquia de Negros, no Concello de Redondela, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 14.6.2017, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra aproba unha resolución que denega a clasificación como veciñal en man común da parcela Fixón solicitada pola Comunidade de Montes da parroquia de Negros, pertencente ao Concello de Redondela.

Segundo. Juan José Cabaleiro Balado, como presidente e en representación da Comunidade de Montes de Negros, o 5 de setembro de 2017, presenta recurso de reposición contra a citada resolución, consistente nun escrito con varias alegación con argumentación de tipo xurídico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición contra as súas resolucións en virtude do establecido no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto pola Comunidade de Montes da Lagoa por cumprir cos requisitos exixidos nos artigos 123 e 124 da antedita Lei 39/2015.

Terceiro. O recurso presentado pola Comunidade de Montes de Negros contén alegacións xurídico-administrativas, pero non achega ningunha documentación que incremente a carga probatoria de que a parcela Fixón ten actualmente un uso veciñal, motivo esgrimido na resolución impugnada para a non clasificación da citada parcela. O escrito alega que «o aproveitamento veciñal da amentada parcela aparece debidamente acreditado no expediente» e remítese ao informe do Servizo de Montes que reflicte que «a parcela está poboada con pés de piñeiros, salgueiros e bidueiros, plantas ornamentais, matogueiras de silveira e herbal» (alegación segunda).

Deseguido alude á xurisprudencia para defender que «o aproveitamento dos montes veciñais en man común... non se pode reducir ao meramente forestal» e que «non existía especificación legal ningunha respecto das características físicas que han de concorrer nos montes veciñais en man común e que a lexislación reguladora... ofrece un concepto amplo acerca das características e dos posibles destinos da explotación deles» (alegación terceira).

A continuación recoñece que a xurisprudencia acepta a exclusión da clasificación das parcelas «dedicadas a usos incompatibles cos que responden á modalidade de explotación comunal», pero que neste caso «a existencia dunha construción realizada polos propios veciños sobre a parcela para aloxar algún veciño necesitado» non é incompatible co uso comunal nin proba que non haxa uso veciñal actual.

Finalmente, nunha última alegación, o recorrente aduce que o presentado pola Comunidade de Montes de Cabeiro «arredor da titularidade do terreo exceden o obxecto do expediente... ao limitarse este á constatación do aproveitamento veciñal, polo que tampouco poderían supoñer un obstáculo para a clasificación...».

Como xa se indicou na resolución agora impugnada, o de servir de morada provisional a veciños sen recursos é un dos usos tradicionais do monte veciñal, polo que se debe aceptar que os usos privativos poden ser compatibles co aproveitamento comunal cando son temporais e pretenden atender unha necesidade dalgún veciño, pero tal compatibilidade non se pode establecer coa documentación presentada. Non se achega ningún documento que acredite a situación do veciño, nin o carácter temporal da ocupación. Nin sequera está acreditada a edificación da construción polos veciños, que a CMVMC de Negros aduce que foron veciños desa parroquia, pero a CMVMC de Cabeiro alega que tamén participaron veciños desa outra, punto non desmentido pola Comunidade de Negros.

A CMVMC de Cabeiro tamén afirma que son veciños da súa parroquia (a través da asociación de veciños e da comunidade de montes) os que pagan os recibos de auga e luz da vivenda, o que por si mesmo xa constitúe un acto de posesión; e aínda que a Comunidade de Cabeiro non achegou documentación que acredite estes feitos, a Comunidade de Negros non cuestionou tales afirmacións, polo que debemos establecer que a intervención dos veciños na edificación e xestión da vivenda existente está insuficientemente acreditada e aínda menos a procedencia (Negros e/ou Cabeiro?) dos que a construíron.

Unha gran parte da parcela Fixón está ocupada pola vivenda e unha construción auxiliar, e rodeada cun valado diáfano metálico que a separa do resto da parcela. A este resto refírese o informe do Servizo de Montes cando recolle que «está poboada con pés de piñeiro, salgueiro e bidueiro, plantas ornamentais, matogueira de silveira e herbal», o que permite deducir que esta parte pode ter aproveitamento forestal, pero non contén elementos que permitan deducir un uso comunal. Unicamente tal uso está recollido en dúas declaracións xuradas asinadas polas propietarias de parcelas estremeiras, pero o escaso valor probatorio destes documentos e as pequenas dimensións desta parte en proporción coa ocupada pola vivenda desaconsellan a súa clasificación independente.

En consecuencia, á vista dos feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición presentado pola Comunidade de Montes de Negros, confirmando en todos os seus termos a resolución impugnada.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo con disposto nos artigos 114.c) e 123-2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 20 de marzo de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra