Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 5 de abril de 2018 Páx. 18904

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de marzo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre a revisión do bosquexo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal Garradiña, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra, do concello de Salvaterra de Miño.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao Acordo do 26 de febreiro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, ao respecto da revisión do bosquexo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal Garradiña, clasificado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra, concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Feitos:

Primeiro. O 4.12.1984, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (en diante XPMVMC) de Pontevedra emite resolución de clasificación dos montes Cabanas ou Cabada, Ramallos, Garradiña, Coto dos Mos e Monte Castelo, a favor dos veciños da parroquia e Concello de Salvaterra de Miño: «que debe clasificar e clasifica como monte veciñal en man común o monte denominado Montes de Salvaterra, tal e como se describe no plano bosquexo adxunto, como de propiedade dos veciños da parroquia de Salvaterra de Miño no mesmo Concello, por reunir os requisitos establecidos pola lei e o Regulamento de montes veciñais en man común».

O último considerando da resolución de clasificación establece:

– Nome do monte: Montes de Salvaterra (Cabanas ou Cabada ou Ferreiros, Ramallos, Garradiña, Coto dos Mos e Monte Castelo).

– Cabida: 24 ha.

– Estremas:

Norte: termo e montes de Pesqueiras.

Sur: río Miño.

Leste: termo e montes de Fiolledo e Oleiros.

Oeste: río Tea.

Segundo a información que consta no Rexistro de MVMC de Pontevedra, a resolución de clasificación adquiriu firmeza ao non ser recorrida na vía contencioso-administrativa nin na vía xurisdicional ordinaria.

Segundo. O estudo previo de clasificación do monte Cabanas ou Cabada, Ramallos, Garradiña, Coto dos Mos e Monte Castelo establece no seu punto 3.2: «a superficie total dos montes da parroquia de Salvaterra é de 24,5 ha obtidas por planimetrado sobre un plano a escala 1/10.000. Esta superficie analizada por montes é a seguinte: Cabanas ou Cachada ou Ferreiros: 6 ha; Ramallos: 4 ha; Garradiña: 10 ha; Coto dos Mos: 1,5 ha; Monte Castelo: 3 ha».

No seu punto 3.5: a estrema destes montes cos predios particulares non é tan preciso ao non estar estes montes deslindados. En caso de que estes montes chegasen a ser cualificados veciñais en man común, talvez fose necesario un deslindamento parcial na condición de estremeiro destes cos predios particulares, seguindo os criterios tidos en conta en tal cualificación».

Neste estudo previo consta o bosquexo destes montes que finalmente foron clasificados a favor dos veciños da parroquia de Salvaterra.

Terceiro. Segundo os datos do Rexistro de MVMC de Pontevedra, na actualidade os montes de Salvaterra, entre os que está o monte Garradiña, non se atopan deslindados, polo que a cartografía existente para a descrición do monte Garradiña é o bosquexo que existe no estudo previo de clasificación.

Non constan resolucións xudiciais, nin actos de disposición nin posúe proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia.

Cuarto. O 28.2.2017, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra de Miño solicita a revisión parcial do esbozo do monte veciñal clasificado, polos limitados medios que ten para facer a revisión total de todos os seus montes. En concreto, solicita a revisión do bosquexo do monte chamado Garradiña por advertir importantes discrepancias na localización e superficie do monte do esbozo. Coa solicitude presenta informe técnico e planimetría en soporte papel e dixital da revisión solicitada.

Quinto. O 19.4.2017, a CMVMC de Salvaterra de Miño presenta novo informe técnico coa planimetría e informe de validación gráfica alternativo positivo da Dirección Xeral de Catastro. Da documentación presentada dedúcese que a revisión do monte Garradiña, segundo a solicitude, coincide integramente coas parcelas catastrais: 36050A00500166 e 36050A00500167.

Sexto. O 5.5.2017 a sección de topografía informa:

«Segundo a resolución do Xurado de Montes de Pontevedra do ano 1984 esta comunidade ten clasificadas 24 ha descrita do seguinte xeito:

– Nome do monte: Montes de Salvaterra (Cabanas ou Cabada ou Ferreiros, Ramallos, Garradiña, Coto dos Mos e Monte Castelo).

– Cabida: 24 ha.

– Estremas:

Norte: termo e montes de Pesqueiras.

Sur: río Miño.

Leste: termo e montes de Fiolledo e Oleiros.

Oeste: río Tea.

– Esta solicitude reflicte só a revisión do bosquexo dunha delas, a denominada Garradiña cunha medición de 11,10 ha (1,00 ha + 1,10 ha).

– Esta revisión correspóndese integramente coas parcelas catastrais 36050A00500166 e 36050A00500167. Presentan informe de validación catastral positivo.

– Non existen afeccións sobre montes de utilidade pública nin patrimoniais. Tampouco sobre Rede Natura.

– Xunta montaxes sobre o esbozo de clasificación, ortofoto e catastro».

Sexto. O 18.1.2018, o presidente do XPMVMC de Pontevedra solicita ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Salvaterra (Salvaterra de Miño), expediente: 01/2017, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 23 de xullo, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décima terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

A Dirección Xeral de Ordenación Forestal ten establecido que a disposición transitoria décimo terceira se aplique de xeito preferente cando o monte veciñal sexa estremeiro con propiedades particulares. Pola súa vez, cando exista condición de estremeiro entre montes veciñais en man común aplicarase o establecido no artigo 53 da Lei de montes de Galicia.

Segunda. A Lei de montes de Galicia recolle no punto 10 do artigo 8: «Couto Redondo: superficie forestal continua, entendendo que a dita continuidade non se verá interrompida por límites naturais (ríos, lagos, encoros, etc.), artificiais (vías de comunicación), nin administrativos (concellos, provincias, etc.)».

Terceira. O artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989 (DOG núm. 186, do 23 de setembro), establece: «a resolución firme de clasificación dun terreo como monte veciñal en man común deberá conter os requisitos necesarios para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade, de conformidade co disposto na Lei hipotecaria e no seu Regulamento, e virá acompañado de planimetría suficiente que permita a identificación do monte. A citada resolución, unha vez firme, producirá os seguintes efectos:

– Atribuír propiedade.

– Servir de título inmatriculador suficiente para a inscrición do monte no Rexistro da Propiedade.

– Estará exento dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e será gratuíto...».

Cuarta. A Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946 (BOE núm. 151, do 25 de xuño), prevé a coordinación gráfica das inscricións do Rexistro da Propiedade co Catastro:

«1. A base de representación gráfica dos predios rexistrais será a cartografía catastral, que estará ao dispor dos rexistradores da propiedade.

2. Nos casos de incorporación da representación gráfica xeorreferenciada conforme o disposto na letra b) do artigo 9, deberá achegarse xunto co título inscritible, certificación catastral descritiva e gráfica do predio, salvo que se trate dun dos supostos regulados no punto 3 deste artigo.

O rexistrador incorporará ao folio real a representación gráfica catastral achegada sempre que se corresponda coa descrición literal do predio na forma establecida na letra b) do artigo anterior, facendo constar expresamente no asento que na data correspondente o predio quedou coordinado graficamente co Catastro. Así mesmo, o rexistrador trasladará ao Catastro o código rexistral dos predios que fosen coordinados.

No suposto de que a correspondencia non quedase acreditada, o rexistrador dará traslado desta circunstancia ao Catastro por medios telemáticos, motivando, a través dun informe, as causas que impedisen a coordinación, para os efectos de que, se for o caso, o Catastro incoe o procedemento oportuno».

Por todo o exposto, o Servizo de Montes informa que:

Primeiro. A revisión do bosquexo realizarase só dunha parte dos montes clasificados á CMVMC de Salvaterra de Miño, en concreto do monte Garradiña.

Segundo. A revisión do esbozo do monte Garradiña proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola Comunidade, que cumpre cos requisitos establecidos no artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989 e da Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma de Lei hipotecaria de 1946.

A liña proposta inclúe integramente as parcelas catastrais a nome da Comunidade de Salvaterra:

– 36050A00500166 de superficie catastral 99.997 m2.

– 36050A00500167 de superficie catastral 11.010 m2.

Terceiro. Proponse a revisión parcial do bosquexo do MVMC Cabanas ou Cabada, Ramallos, Garradiña, Coto dos Mos e Monte Castelo, clasificados a favor dos veciños de Salvaterra, Concello de Salvaterra de Miño, en concreto proponse a revisión do esbozo do monte Garradiña, formado polas parcelas catastrais 36050A00500166 e 36050A00500167, cunha cabida de 11,10 ha e de acordo coa seguinte descrición e cos planos en soporte papel e dixital que son parte inseparable deste informe.

«Nome do monte: Garradiña.

Cabida: 10 + 1,1= 11,10 ha.

Estremas norte, sur, leste e oeste: predios particulares.

En canto á totalidade do monte clasificado queda coa mesma cabida e as mesmas estremas xerais de clasificación».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Garradiña, na parroquia e Concello de Salvaterra de Miño, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a proposta de adaptación de esbozo do Monte Veciñal Garradiña, da CMVMC de Salvaterra, do Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra) segundo a proposta do 1.2.2018 e a planimetría que o acompaña.

Pontevedra, 20 de marzo de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra