Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17961

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2018, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada reforma LMT SCV809 polígono de Barreiros, no concello de San Cibrao das Viñas (expediente IN407A 2017/28-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas de referencia, que se desagregan no seu proxecto de execución asinado o 10 de xullo de 2017 por Miguel Ángel Bernal López, enxeñeiro industrial colexiado nº 2901 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. A petición someteuse a información pública mediante a Resolución do 26 de setembro de 2017, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense, publicada no DOG do 23 de outubro, no BOP de Ourense do 27 de octubro, no xornal La Voz de Galicia, edición Ourense, do 13 de outubro, no taboleiro de anuncios do concello afectado e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización das instalacións de enerxía eléctrica.

De igual xeito, para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, foi publicado anuncio de notificación a titulares descoñecidos ou de domicilio ignorado no BOE do 21 de novembro de 2017 e no DOG do 2 de outubro de 2017.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas alegacións pola propietaria do predio nº 7, segundo as numeracións do plano parcelario de proxecto, que se refiren a erros de titularidade nesta parcela afectada. Destas alegacións déuselle traslado, para os efectos oportunos, á empresa solicitante.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 136.323,36 euros, son as seguintes:

– LMT aerosubterránea a 20 kV de 1.375 m en aéreo en condutor LA110/116,2 mm e 248 m en subterráneo en condutor RHZ1, e con orixe no poste de formigón existente código CT-CT-28 da LMT SCV809 entre os CT estrada de Zamora p.q. 232 (32AM22) e rúa C do polígono de Barreiros (32CGZ1) e remate en apoio de celosía proxectado nº 14 (treito aéreo), con PAS, e na cela de liña do CT existente (32CGZ1) (treito subterráneo).

– LMT subterránea a 20 kV de 9 m en condutor RHZ1 con orixe na cela de liña existente do CT polígono de Barreiros (32CU19) e remate na conexión con punto de acceso coa LMT (SCV809) tramo que leva ao CT Louzán y Bertólez (32CAU2).

– LMT subterránea a 20 kV de 353 m en condutor RHZ1 con orixe no punto de acceso da LMT SCV809 procedente do CT polígono de Barreiros, 4 (32CHD6) e remate no apoio de celosía existente, código CT-CT-28-14 da LMT (SCV809).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000; polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do citado Real decreto 1955/2000.

Terceiro. Con relación ás alegacións presentadas, cómpre indicar que por parte da empresa eléctrica xa se terán en conta, para próximas notificacións, os datos achegados en relación coa titularidade do predio nº 7, considerando tamén como afectado a José Marcial Díaz Manso, como cotitular.

Cuarto. O proxecto de execución, que recibiu informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución e efectuouse a comprobación sobre o terreo do trazado da infraestrutura eléctrica, na cal non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás cales se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar de utilidade pública, en concreto, o proxecto e concederlles a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto antes sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente. Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Segundo. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procemento administrativo común das administracións públicas, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 8 de marzo de 2018

Santiago Álvarez González
Xefe territorial de Ourense