Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2018 Páx. 17954

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración a Viana do Bolo, promovido pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2016/29-0).

Logo de examinar o expediente instruído por petición da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.), con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes,

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 17 de xuño de 2016 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Viana do Bolo, na provincia de Ourense (expediente IN627A 2014/65-0); que se publicou no Diario Oficial de Galicia o 3 de agosto e no Boletín Oficial da provincia do 1 de agosto de 2016.

O proxecto que serviu de base para esta autorización administrativa recolle a instalación do módulo de regasificación de GNL na parcela de referencia catastral 32087A01801312 sita dentro do termo municipal de Viana do Bolo, así como a súa conexión, para o seu abastecemento de gas natural coa rede de distribución.

Segundo. O 18 de novembro de 2016 Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución para a planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración a Viana do Bolo (Ourense). Trátase dunha localización diferente ao previsto no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa á cal se fai referencia nos antecedentes.

Esta solicitude vai acompañada do correspondente proxecto de execución titulado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para subministración a Viana do Bolo (Ourense), asinado polo enxeñeiro industrial José Luis Sousa López (colexiado nº 489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG)), as características básicas das instalacións son as seguintes:

• Módulo de regasificación:

A planta satélite situarase na parcela de referencia catastral 32087A018013600000HX, polígono 18, parcela 1360. Trátase dunha parcela de 27.056 m2 de uso agrario en Cercado, Viana do Bolo. A superficie ocupada polo módulo de regasificación é de 1.088 m2.

Proxéctase unha planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL cunha capacidade total de 10 m3.

A planta satélite proporcionará gas natural para alimentar a rede de distribución, nas seguintes condicións:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 10 m3.

– Presión normal de servizo de almacenaxe de GNL: > 4 bar.

– Capacidade de regasificación: 417 m3(n)/h (cunha capacidade total de regasificación de 500 m3(n)/h).

– Recalentador: Pmin = 3,56 kW.

– Presión de subministración de GN: 0,4 bar.

– Temperatura de subministración de GN: 0-20 ºC.

• Rede de distribución:

A rede principal de distribución de gas natural construirase en polietileno DN 160, DN 110, DN 90 e DN 63 (MOP = 0,4 bar).

Construiranse 2.721 m de rede de distribución de gas natural en polietileno tipo PE-100 e SDR 17,6/SDR 17. Instalaranse 10 válvulas para a sectorización da rede de distribución de gas natural.

Este proxecto de execución, tramitado baixo o número de expediente IN627A 2016/29-0, someteuse non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa porque a infraestrutura gasista difire da establecida no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A. para a distribución de gas natural no termo municipal de Viana do Bolo.

Terceiro. O 20 de decembro de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas requiriu a documentación técnica relativa ao proxecto a Gas Galicia SDG, S.A. que foi respondida nas datas 3 de xaneiro e 15 de febreiro de 2017.

Cuarto. O 6 de abril de 2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para subministración a Viana do Bolo presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello de Viana do Bolo, Deputación Provincial de Ourense, Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España, S.A., Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada instalación e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

As entidades que contestaron, presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ou fixando o seu condicionamento técnico, dos cales se deu traslado á empresa promotora da instalación eléctrica proxectada, quen presentou a súa conformidade.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e a Deputación Provincial de Ourense non contestaron a petición de informe, nin a súa reiteración, entendéndose en consecuencia a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; todo isto, sen prexuízo da autorización que, se é o caso, lle corresponda outorgar.

Quinto. O 6 de abril de 2017 a Dirección Xeral de Enerxía y Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para a subministración ao termo municipal de Viana do Bolo (expediente IN627A 2016/29-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 15 de xuño, no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 10 de xullo e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 2 de xuño de 2017, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Viana do Bolo desde o 21 de abril ata o 22 de maio de 2017.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Sexto. O 28 de agosto de 2017 a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe sobre o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural e planta satélite de almacenamento e regasificación (GNL) de Viana do Bolo, no cal se informa de maneira favorable o proxecto e considera que non existen inconvenientes para a súa autorización.

Sétimo. O 30 de xaneiro de 2018 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas que pasou a denominarse Nedgia Galicia, S.A., mantendo o mesmo domicilio fiscal e o mesmo CIF.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

• Outorgar a Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa para a instalación da planta satélite de almacenamento e subministración de gas licuado (GNL) e a rede de distribución en MOP 0,4 para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Viana do Bolo (Ourense).

• Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A autorización administrativa que se outorga afecta o termo municipal de Viana do Bolo, na provincia de Ourense, e recolle a instalación da planta satélite de almacenamento e subministración de gas licuado (GNL) e a rede de distribución en MOP 0,4 para a distribución de gas natural canalizado do núcleo de poboación de Viana do Bolo de acordo coas especificacións e planos que figuran na documentación técnica seguinte, presentada por Gas Galicia SDG, S.A. e asinada polo enxeñeiro industrial José Luis Sousa López (colexiado nº 489 do COEIG):

Proxecto de autorización administrativa e de execución de planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para subministración a Viana do Bolo (Ourense) xaneiro 2017.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os desenvolven, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Una vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condiciones estipuladas, pola entrega de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas