Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 20 de marzo de 2018 Páx. 16318

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 7 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se abre a súa convocatoria para o ano 2018.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación.

Dentro das funciones e dos obxectivos previstos do Instituto Galego da Vivenda e Solo está a promoción pública de vivendas de protección, así como garantir os dereitos dunha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.

Co fin de fomentar a mellora dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, faise necesario incentivar actuacións de reparación, rehabilitación e adaptación, mediante subvencións ás súas comunidades de propietarios/as, con que poidan acometer as obras necesarias para a súa adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e accesibilidade.

Neste marco, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co establecido na normativa correspondente, aproba a presente orde de bases e convoca as citadas axudas. Esta orde estrutúrase en tres capítulos: o capítulo I (artigos 1 ao 8) regula as disposicións xerais que rexen as axudas; no capítulo II (artigo 9 ao 34) regúlanse as bases desta subvención, as actuacións subvencionadas, os requisitos que han de ter os beneficiarios, as súas obrigas, a documentación que deben presentar e o procedemento para a concesión da axuda. Finalmente, no capítulo III (artigo 35 ao 37) realízase a convocatoria destas axudas para o ano 2018.

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia,

ACORDO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da orde

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, rehabilitación e adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), correspondente ao código VI420A.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para o exercicio económico de 2018.

Artigo 2. Normativa aplicable

A tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG) e no seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (en adiante, RLSG). Así mesmo, axustarase á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP), á Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP) e á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, Lofaxga).

Artigo 3. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da LSG, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses, contado desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, norma reguladora, relación de beneficiarios, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e poderá substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

Artigo 5. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades. O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao: sx.igvs@xunta.gal.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

– Documento nacional de identidade (DNI), número de identidade de extranxeiro (NIE) ou número de identificación fiscal (NIF) da persoa representante.

– Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

– Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Xunta de Galicia.

2. No caso de que as comunidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás comunidades interesadas a presentación destes documentos.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. En todo caso, o IGVS poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Capítulo II
Bases reguladoras

Artigo 9. Ámbito da subvención

1. O ámbito de aplicación desta subvención está constituído polos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS que teñan máis de 10 anos de antigüidade e que non estean descualificados.

2. As subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.

Artigo 10. Beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean contemplados no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que sexan seleccionadas conforme a prelación das puntuacións obtidas en aplicación do baremo previsto no artigo 14 da orde de bases destas axudas e en virtude da disposición orzamentaria existente.

c) Que non teñan iniciadas as obras das actuacións para as que van solicitar axuda no momento de presentar a solicitude.

d) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta orde que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, e mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais como rede de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, que incluirán os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

Artigo 12. Orzamento subvencionable

O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos, e o custo das licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións.

En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da Base de datos da construción de Galicia vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e, para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos ou a aqueles que debidamente se xustifiquen e sexan conformados polos servizos técnicos do IGVS.

O acceso á dita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través do seguinte enlace: http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/588.

Artigo 13. Contía da subvención

A contía da subvención consistirá nunha porcentaxe do orzamento subvencionable, conformado polos correspondentes servizos técnicos do IGVS, cun importe máximo por vivenda. Esta porcentaxe, así como o importe máximo por vivenda, establecerase en cada convocatoria.

Artigo 14. Criterios de baremo

1. Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a continuación se sinalan:

I. Tipo de actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade, ata un máximo de 8 puntos.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade, ata un máximo de 7 puntos.

c) Adecuación das condicións de funcionalidade, ata un máximo de 6 puntos.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade, ata un máximo de 5 puntos.

Nas actuacións a), b) e c), as obras declaradas urxentes, segundo os informes técnicos, incrementarán a súa puntuación en 2 puntos.

Se as obras son relativas á actuación d) e no edificio viven persoas discapacitadas, con mobilidade reducida ou maiores de 65 anos, incrementarase a súa puntuación en 2 puntos, sempre que o solicitante acredite tal circunstancia mediante documentos ou certificados oficiais.

II. Antigüidade do edificio desde a data da cualificación definitiva:

– Ata 20 anos, 1 punto.

– Máis de 20 anos, 2 puntos.

2. Non se valorarán como actuacións de seguridade estrutural aqueles traballos que, como consecuencia da realización de actuacións de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade, requiran de obras de adaptación estrutural.

3. No caso de empate, terase en conta o número de vivendas dos edificios, terá prioridade a actuación que afecte a máis número de vivendas; de continuar co empate, a prioridade virá por orde da data de presentación da solicitude no rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por cubrirse na forma correcta e acompañarse da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 15. Inicio do procedemento

O procedemento de concesión iniciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

Artigo 16. Órganos competentes

1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se atope o edificio.

2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Co obxecto de realizar a selección dos beneficiarios, constituirase unha comisión de selección, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS e da que tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, quen realizará as funcións do/da secretario/a.

– Dirección Técnica de Xestión do Patrimonio, Finanzas e Inspección.

– Servizo de Calidade.

– Oficina Técnica.

– Xefaturas territoriais.

4. O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na LRXSP e na Lofaxga.

Artigo 17. Solicitude e documentación que se debe presentar

1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberá presentarse xunto coa seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade en que conste a relación de propietarios/as e os acordos adoptados pola xunta de persoas propietarias de solicitar a axuda, de executar as actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención.

b) Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuacións, de acordo co artigo 11. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

c) Orzamento das obras, desagregado por cada actuación, así como dos demais gastos que se consideren necesarios para as actuacións e sexan subvencionables.

d) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

2. Calquera outro documento que a comunidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese teráselle por desistido, previa resolución ditada para o efecto.

Artigo 18. Forma de presentación da solicitude e da documentación complementaria

1. As solicitudes, así como a documentación complementaria, deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. Se a solicitude e/ou a documentación complementaria se realiza de forma presencial, requiriráselle á comunidade interesada para que a presente de forma electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa atendido o requirimento.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As comunidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Artigo 19. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes virá establecido na convocatoria correspondente.

Artigo 20. Admisión das solicitudes

1. Unha vez admitidas as solicitudes, as unidades de xestión patrimonial das correspondentes áreas provinciais do IGVS emitirán un informe para cada unha delas, en que constarán a identificación do edificio, o número de vivendas, a relación de propietarios/as e a data da súa cualificación definitiva.

2. En calquera momento, a correspondente xefatura de área do IGVS poderá requirir aos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 21. Preavaliación

1. Á vista da documentación técnica presentada, os servizos técnicos elaborarán un informe para cada unha das solicitudes admitidas. No dito informe definirase a tipoloxía das actuacións e a súa consideración como subvencionables, de acordo co artigo 11, a necesidade das obras solicitadas, a súa viabilidade, a aptitude da solución técnica elixida, o prazo máximo de execución e o orzamento subvencionable, de acordo coas actuacións procedentes. No caso de que as obras se consideren de realización urxente, o citado informe emitirá un pronunciamento motivado ao respecto.

2. Así mesmo, o citado informe establecerá unha preavaliación das actuacións subvencionables, obtida en aplicación do baremo establecido no artigo 14 desta orde. No caso de que unha solicitude comprenda varias actuacións, deberán preavaliarse separadamente, e poderá concederse axudas soamente para algún tipo das actuacións solicitadas.

Artigo 22. Selección de beneficiarias

1. A comisión de selección, á vista dos informes dos servizos técnicos e de xestión patrimonial, determinará o resultado da selección final. Na acta redactada polo secretario indicarase o total das solicitudes presentadas, as solicitudes non admitidas, así como a listaxe das solicitudes seleccionadas, por orde de prelación, segundo as puntuacións obtidas, e a dispoñibilidade de crédito orzamentario.

2. As persoas titulares da xefatura de área, á vista da acta da comisión, requirirán as comunidades beneficiarias seleccionadas para que no prazo de 2 meses, contados desde a recepción da correspondente notificación, acheguen a seguinte documentación:

a) Copia da solicitude de licencia e do proxecto de execución das obras, redactado por técnico/a competente. No caso que pola natureza ou características das obras non sexa preciso proxecto nin licencia, deberán presentar a copia da comunicación previa presentada ao concello.

b) Orzamento das obras aprobadas, emitido pola empresa construtora encargada da execución.

De acordo co artigo 29.3 da LSG, cando o importe do gasto subvencionado supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público vixente para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar e presentar tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da obra ou servizo.

c) Declaración responsable da persoa que ostenta a presidencia da comunidade, respecto si se solicitou ou non ao IGVS a derrama correspondente para estas actuacións. En caso afirmativo, deberá achegar a copia do acordo da comunidade respecto a ela e indicar a data da súa solicitude.

3. De non presentarse a documentación requirida no prazo indicado, considerarase que o solicitante desiste da súa solicitude.

4. Os servizos técnicos do IGVS, unha vez analizada a documentación achegada emitirán un informe ao respecto, onde se indiquen o orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo das obras e a anualidade correspondente do seu pagamento.

Artigo 23. Propostas de resolución

As persoas titulares das xefaturas de área, á vista dos acordos da comisión de selección, proporán as resolucións de concesión, que indicarán, no caso de que sexa estimatoria, o orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo de execución das obras e a anualidade correspondente do seu pagamento.

Artigo 24. Resolucións

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.

2. As resolucións de outorgamento da subvención comprenderán orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo de execución das obras e a anualidade correspondente do seu pagamento.

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2.a) e b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As persoas titulares das xefaturas de área notificarán aos interesados tanto as resolucións estimatorias de concesión como as resolucións de desistencia, renuncia e denegación.

Artigo 25. Prazo da resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.

Artigo 26. Recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS.

2. O citado recurso poderase interpoñer no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 27. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das comunidades de propietarios/as beneficiarias:

a) Realizar as obras e acreditar a súa execución de conformidade co disposto na resolución de concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais en relación coas actuacións que solicita.

e) Se no edificio houbese vivendas titularidade do IGVS e sexa preciso atender derramas relacionadas coas actuacións para as que se pediu a subvención, só poderá solicitar ao citado organismo a contía correspondente ao seu importe non subvencionado. Para o caso que a comunidade xa recibise polo IGVS a contía correspondente da derrama da totalidade do importe das actuacións, deberá devolverlle, antes do pagamento, a cantidade correspondente cuberta pola subvención.

f) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Inicio das obras

1. A comunidade de propietarios/as non poderá iniciar as obras das actuacións para as que se solicita subvención ata que se lle notifique a resolución de concesión, non obstante, poderanse comezar as obras logo da presentación da solicitude, sempre que se comunique previamente ao IGVS o seu inicio. De ningún xeito esta circunstancia dará dereito a concesión da subvención, nin creará obrigas para o IGVS.

2. O prazo máximo para iniciar as obras, unha vez notificada a resolución de concesión, será de 3 meses, no caso de comunicación previa, e de 6 meses, no caso de precisar licenza municipal.

Artigo 29. Execución das obras

As obras executaranse previa licenza municipal ou comunicación previa, de acordo co caso, e deberán suxeitarse estritamente á memoria ou ao proxecto de execución redactado, así como as instrucións do/da facultativo/a director/a das obras contratado para o efecto, se fose procedente. Calquera modificación introducida durante a execución deberá ser comunicada ao IGVS.

Artigo 30. Prazo de finalización das obras

1. O prazo para rematar as obras será o que se indique en cada caso na resolución de concesión.

2. As comunidades beneficiarias poderán solicitar prórrogas respecto do prazo de execución das obras por un prazo non superior á metade do inicial, sempre que o prazo de finalización non supere a anualidade prevista para solicitar o pagamento. As solicitudes deberán facerse ante a xefatura de área correspondente, antes do remate do prazo inicial e requirirán informe favorable do servizo técnico correspondente. Excepcionalmente, poderase conceder un prazo que supere a anualidade de finalización prevista na resolución en función da dispoñibilidade dos orzamentos do IGVS.

3. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditar a correspondente resolución sobre a proposta de modificación.

Artigo 31. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da LPACAP.

Artigo 32. Pagamento da subvención

1. Unha vez finalizadas as obras e dentro da anualidade indicada na súa resolución de concesión, a comunidade de propietarios/as beneficiaria poderá solicitar o pagamento da subvención mediante a presentación do modelo de solicitude de pagamento (anexo II) debidamente cuberto e asinado, xunto coa seguinte documentación:

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Cando proceda, certificado das instalacións tramitado ante o organismo correspondente.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura/s do contratista polo importe total das obras realizadas.

– Factura/s dos honorarios facultativos, se procede.

– Licenza e xustificación das taxas e tributos satisfeitos.

– Xustificantes de pagamento do importe total do orzamento subvencionable, de acordo co artigo 42.2 do RLSG. Non obstante, no caso que a comunidade de propietarios/as cedese o dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/s para realizar as obras obxecto desta axuda, excepciónase a presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

2. Logo de informe favorable do servizo técnico e á vista da documentación presentada, o xefe de área remitirá a proposta de pagamento ao órgano competente, pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 33. Cesión do dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/s

1. As comunidades de propietarios/as poderán ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda. Nestes casos, deberán achegar, no momento da presentación da solicitude de pagamento, o anexo III, o certificado do/da secretario/a da comunidade en que se recolla o acordo de cesión deste dereito de cobramento, así como a documentación prevista no artigo anterior.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as facultades do IGVS respecto do beneficiario, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

Artigo 34. Reintegro da subvención e sancións

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte da comunidade beneficiaria dos recursos achegados, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da mesma lei.

Capítulo III
Convocatoria para o exercicio 2018

Artigo 35. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude será de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 36. Contía das subvencións desta convocatoria

A contía das subvencións será de ata o 60 % do orzamento subvencionable, cun máximo de 4.000 euros por vivenda.

Artigo 37. Aplicación orzamentaria

O importe máximo das subvencións reguladas nesta orde instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 08.80.451A.781.0 dos orzamentos do IGVS, é será de 10.000,00 euros para o ano 2018 e 990.000,00 euros para o ano 2019.

Excepcionalmente, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas por concorrer algunha das causas establecidas no artigo 31.2 da LSG e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional única. Información aos interesados

En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación e información adicional a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da Xunta: https: //sede.xunta.gal ou na páxina web oficial do IGVS: www.igvs.gal.

b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file