Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 20 de marzo de 2018 Páx. 16340

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 7 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se abre a súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 389789.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean recollidos no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras polo mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que sexan seleccionadas conforme a prelación das puntuacións obtidas en aplicación do baremo previsto no artigo 14 da orde de bases destas axudas e en virtude da disposición orzamentaria existente.

c) Que non teñan iniciadas as obras das actuacións para as que van solicitar axuda no momento de presentar a solicitude.

d) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, rehabilitación e adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), correspondente ao código VI420A.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para o exercicio económico de 2018.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Orde do 7 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación dos orzamentos do IGVS 2018 08 80 451A 781.0. A contía será de 1.000.000,00 euros. Destinaranse para tal fin 10.000,00 euros con cargo ao ano 2018 e 990.000,00 euros con cargo ao 2019.

A contía nas subvencións será de ata o 60 % do orzamento subvencionable aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude será de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2018

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda