Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 20 de marzo de 2018 Páx. 16316

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 32/2018, do 8 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Conexión do saneamento de Tameiga coa rede de colectores do Louro, concello de Mos.

O Concello de Mos en sesión celebrada o día 20 de novembro de 2017, aprobou o proxecto denominado Conexión do saneamento de Tameiga coa rede de colectores do Louro, concello de Mos, e acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada o 7 de febreiro de 2018 na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello mediante un informe do técnico municipal, a urxencia vén motivada pola necesidade de ampliar e mellorar a rede municipal de saneamento, dando servizo á parroquia de Tameiga coa execución de novos colectores. Nesta parroquia existen infraestruturas de saneamento fóra de servizo por falta de conexión coa rede existente. Ademais, na zona sitúase unha estación de servizo que, ao non existir saneamento, realiza as verteduras de augas residuais a un regato que hai na zona (regato innominado nº 21). Ao realizar a obra permítese a conexión das emisións de augas residuais da estación de servizo á rede de saneamento e, polo tanto, acádase unha mellora das condicións ambientais e de salubridade para as persoas ao evitar verteduras ao dominio público hidráulico (regato innominado nº 21).

Por último, o Ministerio de Fomento está a realizar obras de adecuación e mellora na seguridade viaria na autovía A-55, de modo que acometer a obra do saneamento de forma simultánea coas proxectadas polo Ministerio evita unha ineficiencia construtiva evidente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de marzo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Conexión do saneamento de Tameiga coa rede de colectores do Louro, concello de Mos; unha vez ocupados os terreos necesarios deberanse obter, se é o caso, as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza