Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 6 de febreiro de 2018 Páx. 8385

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2018.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, pola que se regulan o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, expresa a necesidade de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, tanto en mans públicas coma privadas, así como a responsabilidade de fomentar a adecuada formación do persoal técnico de arquivos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio cultural e, dentro delas, correspóndenlle as actuacións en materia de patrimonio documental e arquivos, e concretamente a súa conservación, coidado, promoción e difusión, así como velar pola accesibilidade aos documentos custodiados nos arquivos como garante dos dereitos e deberes dos cidadáns e das administracións públicas.

Un elemento fundamental no funcionamento dos arquivos é a cualificación e formación técnica do seu persoal. A existencia de estudos universitarios dedicados a esta especialidade corrobora a súa importancia. A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico.

Trátase dunha formación titorizada por profesionais con coñecementos e experiencia neste ámbito. Polo seu carácter formativo, é preciso pór un límite no desfrute das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posibles, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras das concesións destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria correspondente ao programa 2018 de bolsas de formación en arquivos de Galicia (código de procedemento CT110A).

2. As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Os bolseiros realizarán a súa actividade nos arquivos aos cales sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

4. A formación comprenderá unha parte teórica impartida polo persoal técnico designado pola Secretaría Xeral de Cultura.

Artigo 2. Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as destas bolsas os/as solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) na cal predomine a formación en historia e/ou arquivística.

2. Ter acreditado dominio da lingua galega co nivel de iniciación mediante título oficial.

3. Non se ter beneficiado anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin ter renunciado a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Artigo 3. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de prazas convocadas será de vinte (20), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 5 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración máxima de seis meses (6), contados a partir da data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura de acordo co centro de destino.

3. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe total de cento sete mil catrocentos seis euros (107.406 €).

4. A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 2018.

5. A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda, do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. O día 19 de outubro de 2017, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; neste proxecto existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

6. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 4.567,20 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.484.0, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por continxencias comúns e profesionais, a razón de 38,06 € por bolseiro/a e mes.

7. O importe bruto mensual de cada bolsa será de oitocentos noventa e cinco euros con cinco céntimos (895,05 €).

8. As bolsas poderán ser prorrogables automaticamente ata outros seis meses (6) en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018 e 2019.

9. A Secretaría Xeral de Cultura poderá autorizar a interrupción temporal do desfrute da bolsa nos casos de descanso por maternidade ou paternidade debidamente acreditados. O período interrompido poderase incrementar á data prevista de finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Curriculum vitae.

b) Copia do certificado académico do expediente coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

c) Copia do documento acreditativo do curso de iniciación ou equivalente de lingua galega no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

d) Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos cales se achegue proba documental.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Documento acreditativo do curso de iniciación ou equivalente de lingua galega expedido pola Xunta de Galicia.

c) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de valoración

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

1. Titulación académica:

– Especialidade ou orientación universitaria en Arquivística ou Patrimonio Documental: 3 puntos.

– Mestrado en Arquivística: 3 puntos.

2. Formación complementaria:

a) Cursos de arquivística, diplomática, paleografía, historia das institucións e informática aplicada aos arquivos, organizados por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de arquiveiros:

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 por curso ata un máximo de 0,75 puntos.

b) Congresos, xornadas e seminarios:

– Asistencia a congresos, xornadas ou seminarios de arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50 puntos.

Aos cursos e congresos non específicos que se acrediten deberáselles xuntar o seu correspondente programa.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

3. Formación en lingua galega:

– Curso de perfeccionamento ou Celga 4: 0,50 puntos.

En caso de empate, terase en conta a nota media do expediente académico.

Artigo 10. Instrución e avaliación

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida, poderáselles reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, outorgándoselles un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, se non o fan se terán por desistidos da súa solicitude, de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A avaliación das solicitudes será efectuada por unha comisión técnica composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Arquivos que a presidirá, e actuarán como vogais dous técnicos de arquivos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo do Sistema de Arquivos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Secretaría Xeral de Cultura nomear un suplente. A comisión formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A Secretaría Xeral de Cultura, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. A proposta de resolución provisional farase pública no Portal de Arquivos de Galicia http://arquivosdegalicia.xunta.gal/portal/arquivos-de-galicia/index.html. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación e durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

4. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva seguindo o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 11. Resolución e recursos

1. A Secretaría Xeral de Cultura elevaralle o informe, xunto coa proposta de resolución definitiva, á/ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá sobre a concesión das bolsas.

2. A/o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.

3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas; poderanse designar, ademais, os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se poida formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

4. Esa resolución, así como os actos que se lles deban notificar de forma conxunta a todos os interesados e, en particular, os requirimentos de emenda e de trámite de audiencia, publicaranse no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas xefaturas territoriais, e nos demais outros medios de comunicación que se sinalen, de ser o caso. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

5. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da data da súa notificación aos interesados, ou recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data da notificación.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución da concesión.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

A relación de centros en que se realizarán as actividades publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

2. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 13. Aceptación das bolsas

1. Os bolseiros que resulten adxudicatarios dunha das bolsas convocadas elixirán o seu destino por orde de puntuación.

2. A Secretaría Xeral de Cultura poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que poidan acaecer.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes ao da publicación de resolución da concesión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nos das súas xefaturas territoriais, os beneficiarios das bolsas deberán comunicar á Secretaría Xeral de Cultura a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non presentarse no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Secretaría Xeral de Cultura procederá ao chamamento de suplentes para cubrir estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 14. Pagamento das bolsas e xustificación

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación e repartirase en seis (6) mensualidades, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, logo da certificación da Secretaría Xeral de Cultura e unha vez que o beneficiario presentase a documentación fixada no artigo 11.d).

2. Aos adxudicatarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da dita bolsa.

3. Así mesmo, os beneficiarios das bolsas están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15. Obrigas dos bolseiros

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, os bolseiros seleccionados quedan obrigados a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado dentro do prazo que estipule a Secretaría Xeral de Cultura. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida.

b) Asistir aos centros onde resulten destinados de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido polos servizos técnicos da Secretaría Xeral de Cultura de acordo co centro de destino.

c) Seguir as indicacións técnicas dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente informe da actividade realizada e, ao finalizar a bolsa, memoria explicativa de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de desfrute da bolsa.

e) Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 16. Carácter das bolsas

1. Por petición dos/das interesados/as, ao remate da bolsa, a Secretaría Xeral de Cultura, logo do informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e a entrega dos informes e memorias da actividade realizada, expedirá certificación acreditativa desta.

2. A condición de bolseiro non supón en ningún caso prestación de servizos nin relación laboral ou funcionarial coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non asume compromiso ningún respecto á incorporación do bolseiro ao seu cadro de persoal unha vez finalizada a bolsa.

3. A inclusión dos bolseiros no réxime xeral da Seguridade Social rexerase polo disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

4. Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, os/as bolseiros/as deberán contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do centro onde estiveron destinados.

Artigo 17. Devolución e expurgación das solicitudes

Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 18. Renuncias, revogación e reintegros de cantidades

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Secretaría Xeral de Cultura polo menos con sete días de antelación á data en que solicite que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non realizada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Secretaría Xeral de Cultura a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime xurídico

Para todas aquelas cuestións non previstas nestas bases aplicaranse a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa vixente que resulte de aplicación.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a servizodearquivos.cultura@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file