Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 6 de febreiro de 2018 Páx. 8402

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2018.

BDNS (Identif.: 383654).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios/as

1. Licenciados/as universitarios/as ou titulación equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) na cal predomine a formación en historia e/ou arquivística.

2. Acreditación de dominio da lingua galega co nivel de iniciación mediante título oficial.

3. Non se ter beneficiado anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin ter renunciado a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Segundo. Obxecto

As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Os bolseiros serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión das bolsas destinarase un crédito total de 111.634,48 euros coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

• 10.20.432A.480.1: 107.406 €.

• 10.20.432A.484.0: 4.567,20 €.

Número de bolsas: 20.

Duración máxima: seis (6) meses. Poderanse prorrogar ata outros seis meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018 e 2019.

Importe bruto mensual de cada bolsa: 895,05 €.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 38,06 € por bolseiro/a e mes en concepto de cotizacións á Seguridade Social.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria