Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2018 Páx. 3808

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Lugo

ANUNCIO de ratificación definitiva do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, para a construción dun novo CEIP no sector de solo urbanizable delimitado Lugo S-5.R (barrio do Sagrado Corazón) do vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM).

En cumprimento do establecido no artigo 403.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, faise público que:

A Xunta de Goberno Local, en sesión que tivo lugar o día 11.10.2017, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Ratificar como definitivo, dentro da competencia propia da Xunta de Goberno Local, ao non ser obxecto de alegacións durante o período do seu sometemento a información pública, o texto do borrador do convenio asinado, con data do 7 de xuño de 2017, entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, para a construción dun novo CEIP no sector de solo urbanizable delimitado Lugo S-5.R do vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente pola Orde do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) con data do 29.4.2011 (barrio do Sagrado Corazón). Significando a súa natureza de convenio urbanístico para a execución do planeamento (artigo 167 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, LSG, artigo 400 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, RLSG e artigo 127.1.d) da LBRL) e sen prexuízo da súa ratificación polo Concello Pleno, dentro da súa propia competencia, dada tamén a súa natureza xurídica de convenio urbanístico de planeamento (artigo 166 da LSG, artigo 399 do RLSG e artigo 123.1.I) da LBRL).

Segundo. Proceder á súa sinatura polas dúas partes, Concello e Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en cumprimento do establecido no artigo 168.4 da LSG e 402.2 do RLSG, unha vez fose ratificado o seu texto por ambos os dous órganos competentes (Xunta de Goberno local e Concello Pleno).

Terceiro. Proceder á publicación deste acordo co texto íntegro do convenio no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do establecido no artigo 403.1 do RLSG.

Cuarto. Contra este acordo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo (artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, segundo redacción dada pola disposición adicional décimo cuarta da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial), no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación (artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa). Non obstante o anterior, e con carácter previo, contra a devandita resolución poderán interpoñer o recurso potestativo de reposición previsto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ante o órgano que o ditou e no prazo dun mes, contado, así mesmo, desde o día seguinte ao da notificación deste acto. No caso de que se interpuxese o recurso de reposición, non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación do devandito recurso de reposición tal e como establece o artigo 123 da Lei 39/2015.

Así mesmo, o Concello Pleno, en sesión que tivo lugar o día 26.10.2017, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Ratificar como definitivo, dentro da competencia propia do Concello Pleno, ao non ser obxecto de alegacións durante o período do seu sometemento a información pública, o texto do borrador do convenio asinado, con data do 7.6.2017, entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, para a construción dun novo CEIP no sector de solo urbanizable delimitado Lugo S-5.R do vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente pola Orde do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) con data do 29.4.2011 (barrio do Sagrado Corazón). Significando a súa natureza de convenio urbanístico de planeamento (artigo 166 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, LSG, artigo 399 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, RLSG e artigo 123.1.I) da LBRL) e sen prexuízo da súa ratificación pola Xunta de Goberno Local, dentro da súa propia competencia, dada tamén a súa natureza xurídica de convenio urbanístico para a execución do planeamento (artigo 167 da LSG, artigo 400 do RLSG e artigo 127.1.d) da LBRL).

Segundo. Proceder á súa sinatura polas dúas partes, Concello e Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en cumprimento do establecido no artigo 168.4 da LSG e 402.2 do RLSG, unha vez fose ratificado o seu texto por ambos os dous órganos competentes (Xunta de Goberno Local e Concello Pleno).

Terceiro. Proceder á publicación deste acordo co texto íntegro do convenio no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do establecido no artigo 403.1 do RLSG.

Cuarto. Contra este acordo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo (artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, segundo redacción dada pola disposición adicional décimo cuarta da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial), no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación (artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa). Non obstante o anterior, e con carácter previo, contra a devandita resolución, poderán interpoñer o recurso potestativo de reposición previsto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ante o órgano que o ditou e no prazo dun mes, contado, así mesmo, desde o día seguinte ao da notificación deste acto. No caso de que se interpuxese o recurso de reposición, non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación do devandito recurso de reposición tal e como establece o artigo 123 da Lei 39/2015.

Transcríbese no anexo literalmente o texto definitivo do convenio ratificado polos acordos anteriormente transcritos.

Lugo, 21 de decembro de 2017

A alcaldesa
P.D. (Decreto 16008543)
Xosé Daniel Piñeiro Villares
Tenente de alcalde delegado da Área de Desenvolvemento Sustentable e Persoal

ANEXO
Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo
para a construción dun novo CEIP no polígono do Sagrado Corazón

Lugo, 22 de novembro de 2017

Reunidos:

Dunha parte o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, que actúa en virtude das facultades atribuídas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e, de acordo co seu nomeamento polo Decreto 148/2016, do 13 de novembro, e no uso das atribucións que lle confire o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Doutra parte a alcaldesa-presidenta do Concello de Lugo, Lara Méndez López, designada na sesión do Pleno da Corporación do día 13 de xuño de 2015, e que actúa en representación do Concello, de acordo cos artigos 21.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local 7/85 (en diante LBRL) e o artigo 61.1.a) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (en diante Lalga).

Ambas as partes recoñécense mutuamente capacidade legal suficiente para subscribir o presente convenio de colaboración, e para tal efecto

Expoñen:

Primeiro. Que as administracións das comunidades autónomas poden realizar convenios de colaboración coas corporacións locais ou con outros entes de dereito público e con persoas físicas ou xurídicas suxeitas ao dereito privado, ao abeiro do disposto no artigo 48 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

Segundo. Que segundo o artigo 193 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (Lalga), as entidades locais galegas e a Xunta de Galicia adecuarán a súa actuación aos principios de colaboración, cooperación e auxilio que puidesen precisar coxunturalmente para o eficaz cumprimento das súas tarefas.

A colaboración entenderase como o deber de todas as administracións públicas de ponderar e respectar, nas súas respectivas actuacións, a totalidade dos intereses públicos implicados, así como, no traballo en común para a solución daqueles problemas que puidesen exporse máis alá da concreta repartición competencial.

Terceiro. O artigo 25.2.m) e n) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (LBRL), modificada pola Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local (LRSAL), establece que o municipio exercerá, en todo caso, como competencias propias, nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma, entre outras, “a promoción da cultura e equipamentos culturais”, así como de “participar na vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria e cooperar coas administracións educativas correspondentes na obtención dos soares necesarios para a construción de novos centros docentes. A conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, de educación primaria ou de educación especial”. Estas competencias asúmense pola Comunidade Autónoma de Galicia, respecto dos municipios do seu ámbito territorial, en virtude das letras n) e ñ) do artigo 80.2 da Lalga.

As disposicións adicionais primeira e cuarta da Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da LRSAL, dispoñen que as competencias atribuídas ás entidades locais pola lexislación autonómica anterior á entrada en vigor da LRSAL continuarán exercéndoas elas, rexéndose pola indicada lexislación ou, se é o caso, polo dereito estatal aplicable como supletorio, sen prexuízo do disposto nas disposicións adicionais cuarta e quinta da LRSAL. As competencias que debe asumir a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, saúde e servizos sociais en cumprimento das disposicións da LRSAL, continuarán prestándose polos municipios en tanto non se dean as condicións previstas para o seu traspaso na normativa básica e, en particular, o establecemento do novo sistema de financiamento autonómico e das facendas locais previsto na mesma.

Así mesmo, a disposición adicional décimo quinta, punto 4, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina que os municipios cooperarán coas administracións educativas correspondentes na obtención dos predios necesarios para a adaptación ou construción dos centros docentes.

Cuarto. Que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en harmonía co artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten as atribucións que veñen reflectidas no artigo 1 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Quinto. Que co fin de materializar a cooperación para potenciar o desenvolvemento do sistema educativo galego, en especial no que atinxe á comunidade escolar da entidade local, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Concello de Lugo acordan subscribir o presente convenio de colaboración para a construción dun novo CEIP no polígono do Sagrado Corazón.

Sexto. Conscientes da antedita necesidade, as partes intervenientes acordan unir os seus esforzos para acadar o obxectivo sinalado. Por iso, e co fin de levar adiante o proxecto no Concello de Lugo, é necesaria a concorrencia de medios e achegas de ambas as dúas partes interesadas, polo que é preciso determinar o contido da mencionada colaboración, froito das conversas e reunións mantidas por representantes das dúas institucións durante o segundo semestre do ano 2016, co fin de acadar un encaixamento da actuación dentro do marco normativo en vigor.

Así, e co fin de acadar o obxectivo exposto, ambas as partes, de común acordo, conforme ao artigo 57 da LBRL, declaran a súa vontade de subscribir o presente convenio, de acordo coas seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto do convenio

Constitúe o obxecto do presente convenio o establecemento dos mecanismos de colaboración necesarios entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Lugo para a construción dun novo Centro de Educación Infantil e Primaria no polígono do Sagrado Corazón, de acordo co establecido na cláusula segunda do presente convenio.

Segunda. Compromisos e achegas

• Polo Concello de Lugo:

– O Concello como propietario duns terreos, cunha superficie total de dez mil corenta e seis metros cadrados (10.046 m2), no polígono do Sagrado Corazón, sector solo urbanizable delimitado Lugo S-5.R, pon á disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria os terreos descritos anteriormente para a construción dun novo CEIP, mediante Decreto 16005868 do 27.7.2016, da tenente de alcalde delegada de área. Estes terreos teñen a condición de Sistema xeral de equipamento (SGSUZ-E-3) nunha superficie de 6.282 m2, segundo o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente con data do 11 de abril de 2011, e dan fronte á vía pública, rúa Venancio Senra. A restante superficie ata acadar os 10.046 m2, pertence ao sector de solo urbanizable delimitado Lugo S-5.R do PXOM vixente.

– Na medida en que se trata dunhas obras de interese público, pero non de carácter supramunicipal, entende a Consellería que non é de aplicación a Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, sendo exixible a obtención da preceptiva licenza municipal con carácter previo ao inicio das obras. Así, o Concello de Lugo comprométese á concesión da licenza para fase I de construción do novo CEIP (edificio principal do novo colexio), dentro do ámbito do Sistema xeral de equipamento (SGSUZ-E-3), en aplicación do establecido no artigo 95.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que en solo urbanizable require a previa aprobación do plan parcial do sector correspondente, salvo que o plan xeral estableza a ordenación detallada, como é o caso do SGSUZ-E-3, delimitado como Sistema xeral de equipamento, sendo de aplicación a ordenanza equipamento comunitario do PXOM de Lugo.

– Así mesmo, e para os restantes terreos, o artigo 28.2 da mesma lei, establece que en solo urbanizable, mentres non se aprobe a correspondente ordenación detallada, non poderán realizarse construcións, salvo as que vaian executarse mediante a redacción de plans especiais de infraestruturas e as de carácter provisional, nas condicións establecidas no artigo 89. En aplicación deste artigo o Concello aprobará un plan especial de infraestruturas, co fin de que estes terreos acaden as condicións axeitadas para ser edificados nunha fase II, que comprenderá un polideportivo cuberto, pista descuberta, patios e espazos libres do CEIP. En todo caso, os técnicos municipais valorarán a posible concesión dunha autorización para instalacións de carácter provisional, que permitan o uso deportivo e de lecer nestes terreos, acondicionando o chan e permitindo estruturas de cubrición de carácter temporal, sendo estas as mínimas imprescindibles para permitir unhas instalacións facilmente desmontables, e sempre que se cumpran as determinacións establecidas no artigo 89 da Lei 2/2016, do solo de Galicia e artigo 204 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016.

– As licenzas de edificación necesarias para construción do novo CEIP, segundo se recolle nos dous puntos anteriores, serán outorgadas polo Concello, sempre que as obras proxectadas cumpran as determinacións da lexislación e do planeamento urbanístico de aplicación. Para este fin, achegarase proxecto básico e de actividade, así como proxecto de execución, revisados polo servizo de supervisión de proxectos da Consellería, nos que se encontrarán claramente xustificadas as condicións urbanísticas e toda a normativa técnica de aplicación ao tipo de edificación que se pretende construír. Como as obras se destinan ao desenvolvemento dunha actividade, o proxecto técnico deberá incorporar a documentación que exixe o artigo 364 do Decreto 143/2016.

O Concello de Lugo achegará á Consellería a documentación que se relaciona no anexo I deste convenio de colaboración.

– Será responsabilidade do Concello de Lugo garantir que os terreos onde se pretende a execución da obra en fase I estean dotados, ao pé da parcela, dos usos urbanísticos e das infraestruturas adecuadas para o servizo educativo (abastecemento de auga, subministración eléctrica, saneamento e rede de sumidoiro), tal e como se establece no anexo II, con carácter previo ao inicio das obras, así como dos correspondentes permisos e autorizacións necesarias para levalas a cabo.

– A entidade local comprométese a aprobación dos proxectos técnicos comprobando que estes cumpren todos os requisitos técnicos e administrativos para a súa aprobación, conforme o establecido nos artigos 95.3 e 28.2 da Lei 2/2016, e demais normativa de aplicación.

– Na medida en que se trata dunhas obras de interese público, o Concello e en exercicios futuros habilitará crédito cando menos en contía equivalente aos importes aboados ao Concello en concepto de taxa por licenza urbanística e do imposto municipal sobre construcións, instalacións e obras que teña a súa orixe nelas, para execución de obras de mantemento dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil e de educación primaria.

– O mantemento e conservación do centro corresponderán ao Concello. Para tal fin, unha vez rematadas as obras, e con carácter previo á súa recepción, a Consellería recadará a aprobación do informe final de obra, sen prexuízo da necesaria ulterior formalización da correspondente acta de entrega.

– Unha vez formalizada a acta de entrega, o Concello asumirá a obriga de conservación e mantemento das instalacións destinadas a un uso educativo.

• Pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

– Realizados polo Concello os trámites sinalados anteriormente e logo do informe favorable dos técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sobre a idoneidade dos terreos obxecto da posta á disposición, a Consellería elaborará, se é o caso, supervisará e aprobará o proxecto básico e de execución para a obra de construción do CEIP en dúas fases, fase I de construción do edificio principal do novo CEIP, e fase II para equipamento deportivo (pista e polideportivo), así como patios e espazos libres.

– Unha vez formalizada a posta á disposición e supervisado o proxecto básico e de execución, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciará a tramitación da contracción do gasto con cargo aos seus orzamentos, así como a tramitación dos correspondentes expedientes de licitación, dirección e execución das obras de construción da fase I do CEIP, supeditándose o inicio da execución das obras á concesión da correspondente licenza de obra.

– Respecto da execución da fase II, unha vez conste autorización do Concello ao efecto, para execución das instalacións deportivas e de lecer, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciará a tramitación do expediente de licitación, dirección e execución das obras, conforme o xa especificado no punto anterior para a fase I.

– Para a execución e posta en funcionamento do CEIP, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comprométese a solicitar e dispor de todos os títulos habilitantes de natureza urbanística e autorizacións sectoriais que sexan procedentes.

Terceira. Mecanismos de seguimento

Co fin de realizar o seguimento e a avaliación do grao de execución do convenio, así como a interpretación e cumprimento do convenio, ambas as partes conveñen a constitución dunha comisión mixta paritaria, composta por tres representantes de cada unha das partes signatarias.

A comisión de seguimento reunirase sempre que o solicite algunha das partes, así como, no caso en que xurda algún tipo de controversia durante a súa execución.

Cuarta. Vixencia e resolución

O presente convenio entrará en vigor na data da súa sinatura e estará vixente ata o momento en que rematen as actuacións previstas na cláusula segunda.

Ademais da expiración do seu prazo de vixencia, serán causas de extinción do convenio o mutuo acordo das partes asinantes ou a decisión unilateral dunha parte por incumprimento da outra parte ou porque existen causas excepcionais e xustificadas que dificulten ou obstaculicen o cumprimento das estipulacións que constitúen o seu contido, logo de denuncia cun prazo de dous meses de antelación.

Quinta. Natureza e xurisdición

Este convenio ten natureza administrativa, sendo o réxime xurídico aplicable a este o establecido no capítulo VI, título preliminar da LRXSP.

Calquera cuestión que se suscite en canto á aplicación, interpretación e efectos do convenio, que non queden solventadas pola comisión mixta de seguimento prevista na cláusula terceira serán resoltas polos órganos da xurisdición contencioso-administrativa.

E en proba de conformidade, asinan o presente convenio por duplicado no lugar e data indicados, quedando un exemplar en poder de cada unha da partes asinantes.

Pola Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria
Román Rodríguez González

Polo Concello de Lugo
Lara Méndez López
Alcaldesa-presidenta

ANEXO I
Ao convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo
para a construción dun novo CEIP no polígono do Sagrado Corazón

Documentación achegada polo Concello no expediente de posta á disposición dos terreos:

1. Certificación do acordo do órgano con competencias na posta á disposición dos terreos que debe conter os extremos seguintes:

a) Posta a disposición, libre de cargas e gravames, sen reserva ningunha, das parcelas descritas na cláusula segunda deste convenio.

b) A asunción das obrigas económicas que, se é o caso, deriven do convenio.

c) A obriga de asumir, unha vez recibidas as obras e logo da comunicación da Consellería, o mantemento e conservación das instalacións do centro educativo.

2. O Concello achega, ademais, a seguinte documentación:

– Certificación da persoa titular da Secretaría da corporación, na que se fai constar que os terreos que se poñen á disposición, son titularidade do Concello, pendentes de inclusión no inventario de bens da dita corporación.

– Plano topográfico coas súas medicións características, así como certificación urbanística acreditativa das condicións de uso, edificabilidade e de ocupación da parcela, que permitan comprobar a súa idoneidade para a construción dun centro docente en fase I conforme o establecido na cláusula segunda deste convenio, e a viabilidade da execución da fase II, cos condicionantes establecidos na mesma cláusula segunda.

ANEXO II
Ao convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo
para a construción dun novo CEIP no polígono do Sagrado Corazón

Determinación dos usos urbanísticos e infraestruturas (abastecemento de auga, subministración eléctrica, saneamento, acceso rodado, etc.) da parcela fase I, que se vai realizar con carácter previo ao inicio das obras:

– Abastecemento de auga.

– Acometida con subministración eléctrica a pé de parcela, coas características e potencia necesaria para o funcionamento do centro e que figurarán no proxecto de instalación eléctrica que lle será facilitado pola dirección de obra.

– Saneamento e rede de sumidoiro.

– Eliminación de calquera servidume que grave a parcela e de calquera obstáculo que impida o normal funcionamento do referido centro».