Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2017 Páx. 53562

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de novembro de 2017 pola que se autoriza a apertura e funcionamento do centro de ensinanzas deportivas Pontillón do Castro, de Verducido, do concello de Pontevedra.

O representante da Federación Galega de Piragüismo, solicita a apertura e funcionamento do centro de ensinanzas deportivas Pontillón do Castro, de Verducido, Pontevedra, para impartir as ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico Ceportivo en Piragüismo de Augas Bravas, Piragüismo de Augas Tranquilas e Piragüismo Recreativo Guía en Augas Bravas, regulados polo Real decreto 981/2015, do 30 de outubro (BOE do 25 de novembro); e dos títulos de técnico deportivo superior en Piragüismo de Augas Bravas e Piragüismo en Augas Tranquilas, regulados polo Real decreto 983/2015, do 30 de outubro (BOE do 26 de novembro), ensinanzas incluídas no ámbito do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, que establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida polas ordes desta consellería do 12 de abril de 2004 e do 23 de abril de 2004, nas que se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos cos que deben contar estes centros.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización de ensinanzas

Autorizar a apertura e funcionamento do centro de ensinanzas deportivas que se sinala a continuación:

Denominación xenérica: Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas (CAD).

Denominación específica: Pontillón do Castro.

Código do centro: 36024975.

Titular: Federación Gallega de Piragüismo.

Domicilio: rúa Gavián, s/n.

Localidade: Verducido.

Código postal: 36151.

Concello: Pontevedra.

Provincia: Pontevedra.

Ensinanzas que se autorizan:

• As conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Piragüismo en Augas Tranquilas (2 unidades para 30 postos escolares cada unha).

• As conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Piragüismo en Augas Bravas (2 unidades para 30 postos escolares cada unha).

• As conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Piragüismo Recreativo Guía en Augas Bravas (2 unidades para 30 postos escolares cada unha).

• As conducentes á obtención do título de técnico deportivo superior en Piragüismo en Augas Tranquilas (1 unidade para 30 postos escolares).

• As conducentes á obtención do título de técnico deportivo superior en Piragüismo en Augas Bravas (1 unidade para 30 postos escolares).

Artigo 2. Inicio da actividade

Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia no devandito centro, así como o equipamento axeitado.

Artigo 3. Inscrición no rexistro de centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria