Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2017 Páx. 53558

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 26 de outubro de 2017 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Trazo.

O Concello de Trazo eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ao abeiro da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello e vista a proposta literal que, nesta mesma data, eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta o seguinte:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

No Concello de Trazo está actualmente en vigor o Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente en sesión plenaria do 17 de xuño de 2000.

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

Consta a Resolución do 24 de xullo de 2012 pola que se aproba o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Pedras Longas (Diario Oficial de Galicia do 5 de setembro).

I.3. Tramitación.

1. O 17 de abril de 2013 iníciase na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Na fase de consultas do documento de inicio recibiuse resposta do ente público Augas de Galicia, da Subdirección Xeral de Residuos e Solos Contaminados, da Cámara Oficial Mineira de Galicia e do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. Con data do 14 de xuño de 2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite o documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica.

3. Ao abeiro do artigo 85.1 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), constan os informes municipais: técnico, do 12 de agosto de 2013, e da Secretaría, do 14 de agosto de 2013, respecto da conformidade do plan coa ordenación.

4. Con data do 3 de xaneiro de 2014, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial (en diante, IPAI), de conformidade co disposto no artigo 85.1 da LOUG.

5. O 18 de xullo de 2014, o Concello Pleno de Trazo aprobou inicialmente o PXOM e someteuno a información pública durante dous meses mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia (8.9.2014) e nos xornais El Correo Gallego (19.8.2014) e La Voz de Galicia (20.8.2014). Logo publicouse unha corrección de erros da aprobación inicial no Diario Oficial de Galicia do 15 de outubro de 2014, e nos xornais La Voz de Galicia (26.9.2014) e El Correo Gallego (28.9.2014) e ampliouse o prazo de información pública. Simultaneamente, deuse audiencia aos concellos limítrofes de Tordoia, Val do Dubra, Oroso e Santiago de Compostela, e solicitáronse os informes sectoriais.

6. Mediante a Resolución do 19 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, faise pública a memoria Ambiental do PXOM de Trazo (DOG do 11.3. 2016).

7. O Concello Pleno do 18 de marzo de 2016 aprobou provisionalmente o PXOM, tras a emisión dos informes municipais: técnico, do 14 de marzo de 2016, e da Secretaría, do 15 de marzo de 2016.

8. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu orde sobre a aprobación definitiva do PXOM de Trazo o 1 de decembro de 2016 en que denega a aprobación definitiva e solicita a corrección dunha serie de deficiencias.

9. O Concello Pleno do 31 de abril de 2017 aproba provisionalmente o PXOM e remíteo á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a súa aprobación definitiva.

10. O 29 de maio de 2017 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu o Concello de Trazo para a obtención dun informe complementario favorable respecto das condicións sinaladas polo organismo Augas de Galicia no seu informe do 12 de febreiro de 2015, suspendendo o prazo para resolver sobre a aprobación definitiva.

11. O 16 de outubro de 2017 tivo entrada ese informe complementario de Augas de Galicia.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación do Plan xeral de ordenación municipal de Trazo, elaborada por OAU Oficina de Arquitectura, Urbanismo y Planificación, S.L.P., datada en marzo de 2017, aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello do 31 de abril de 2017, púidose verificar o cumprimento das deficiencias sinaladas na anterior Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 1 de decembro de 2016, ben que cómpre sinalar as seguintes puntualizacións:

1. Segundo os informes de Augas de Galicia do 12 de febreiro de 2015 e complementario do 16 de outubro de 2017, deberase incluír no documento a codificación dos leitos e as captacións de abastecemento humano das zonas protexidas.

2. En función da demanda que se xustifique polo estudo de viabilidade establecido na ficha do solo urbanizable industrial SUD-1, o plan parcial que o desenvolva deberá dividir o sector en máis dun polígono de execución, e a execución dos sucesivos polígonos quedará condicionada á colmataxe dos anteriores.

3. Ao abeiro do artigo 32.2.a) da LOUG, os terreos obxecto de concentración parcelaria a partir da entrada en vigor desa lei e os concentrados con resolución firme nos dez anos anteriores a esta data deberán ser categorizados como solo rústico de protección agropecuaria.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Trazo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Trazo no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio