Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2017 Páx. 53404

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 13 de outubro de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Ribeira para incorporar un sistema xeral de infraestruturas contido no Plan de saneamento local da ría de Arousa.

O Concello de Ribeira solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida, ao abeiro do establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante, LOUG), en relación coa epígrafe 2 da disposición transitoria segunda Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante, LSG).

Analizada a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ribeira dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 17.12.2002.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu non someter este proxecto a avaliación ambiental estratéxica, por Acordo do 13.5.2013.

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) o 16.12.2013, con observacións.

4. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 27.1.2014. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 22 de marzo e Diario Oficial de Galicia do 7 de abril de 2014). Non se presentaron alegacións. Os concellos lindeiros, A Pobra do Caramiñal e Porto do Son, manifestaron a súa conformidade coa modificación.

5. Solicitáronse os seguintes informes sectoriais:

a) Demarcación de costas en Galicia: informe favorable, do 5.11.2013 (artigo 117.1 da Lei de costas); informe condicionado, do 13.4.2016; e informe favorable, do 19.12.2016 (artigo 117.2 da Lei de costas).

b) Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas, emitido con data 9.12.2013.

c) Deputación da Coruña, que se emite con data 31.7.2013.

d) Augas de Galicia, que se emite con data 19.12.2013.

e) Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas, de data 29.8.2017, previo á aprobación definitiva (artigo 117.2 da Lei de costas).

f) Constan informes municipais: técnicos, do 5.9.2013, previo á aprobación inicial, e do 23.6.2016 previo á aprobación provisional; e xurídicos, do 20.9.2013 e do 22.1.2014 previos á aprobación inicial, e do 27.6.2016 previo á aprobación provisional.

6. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 26.7.2016.

7. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 27.9.2017, acordou informar favorablemente a proposta de modificación puntual.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación pretende posibilitar urbanisticamente as edificacións definidas no «Proxecto construtivo de colectores xerais e EDAR de Ribeira» derivado do «Plan de saneamento local da ría de Arousa, marxe dereita, concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal», promovido por Augas de Galicia, que consiste no reforzo, mellora e actualización da rede de saneamento existente, e construción dunha nova EDAR, xunto coa súa condución e emisario de vertedura ao mar.

Para eses efectos, delimítase un novo sistema xeral de infraestruturas e inclúese un artigo 101 bis na normativa do PXOM, que define unha nova ordenanza referida ao Sistema xeral de infraestruturas de depuración.

III. Análise e consideracións.

1. Conforme o artigo 94.1 da LOUG, a modificación do planeamento debe de estar motivada en razóns de interese público debidamente xustificadas, o que acontece nas actuacións de mellora da rede de saneamento e de construción de estación depuradora de augas residuais.

2. Foron cumprimentadas as diversas observacións formuladas no informe autonómico urbanístico previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Ribeira para incorporar un sistema xeral de infraestruturas contido no Plan de saneamento local da ría de Arousa, marxe dereita, concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

Segundo. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual do PXOM do concello de Ribeira no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Quinto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio