Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2017 Páx. 53401

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 3 de outubro de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal de Taboadela.

O Concello de Taboadela remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), ao abeiro do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Taboadela, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Taboadela dispón actualmente de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 28.7.2008, que tivo ata o momento unha modificación puntual.

I.2. A tramitación da presente modificación puntual foi a seguinte:

• O 13.1.2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual, decisión publicada no DOG do 11.2.2015.

• Constan informes municipais xurídico, do 23.3.2015, e técnico, do 27.3.2015.

• O Pleno do Concello, en sesión do 30.3.2015, aprobou inicialmente a modificación puntual, e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios nos diarios La Región, do 12.11.2015, e La Voz de Galicia, do 13.11.2015, e no DOG do 3.12.2015. Non se presentou ningunha alegación.

• Consta informe favorable, do 19.10.2015, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

• Constan informes desfavorables, do 3.5.2016; e favorables, do 8.2.2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

• Constan novos informes municipais, técnico e xurídico, do 23.3.2017.

• O Pleno do Concello, en sesión do 30.3.2017, aprobou provisionalmente a modificación puntual número 4 do PXOM de Taboadela.

II. Análise da modificación puntual e consideracións.

II.1. O ámbito da modificación puntual é a normativa do PXOM, afectando a usos, actividades, clasificación de equipamentos e parámetros de edificación en solo de núcleo rural. A modificación tamén afecta unha vía do núcleo de Pasadán, da parroquia do Mesón de Calvos.

II.2. O obxectivo xeral da modificación puntual é a mellora da ordenación dos distintos núcleos rurais; a aclaración e simplificación dos trámites administrativos, para unha implantación máis doada das dotacións públicas e privadas; a emenda de pequenos erros documentais; a mellora do ordenamento municipal, e a consolidación de novas actividades.

II.3. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). En virtude do establecido no punto 2 da disposición transitoria segunda desa LSG, a modificación puntual poderá continuar a súa tramitación a teor da LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á Lei 2/2016, procedemento que se seguiu na tramitación da modificación puntual.

Conforme o artigo 93.4 da LOUG, as modificacións de planeamento xeral que non impliquen nin a reclasificación do solo nin o incremento da intensidade de uso dunha zona nin alteren os sistemas xerais previstos no planeamento vixente non precisarán obter o informe previo á aprobación inicial a que fai referencia o punto 1 do artigo 85.

II.4. Nos planos modificados non está clara a supresión dun camiño público inexistente en Pasadán, tal como se indica no punto 2.2 da memoria, debendo emendarse esta deficiencia para que non haxa lugar a dúbidas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 4 do PXOM do Concello de Taboadela, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento da condición sinalada no punto II.4 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio