Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 20 de setembro de 2017 Páx. 42899

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de setembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 5 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e ás agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

O 29 de maio de 2017 (DOG núm. 100) publicouse a Orde do 5 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e ás agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

No artigo 10.2 da devandita orde establecíase que os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento, antes do 30 de setembro de 2017; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo elevado volume de solicitudes recibidas e os atrasos experimentados na tramitación das emendas, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos por parte das entidades beneficiarias, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario introducir modificacións no artigo 10.2 da Orde do 5 de maio de 2017.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 5 de maio de 2017

Modifícase o artigo 10.2 da Orde do 5 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e ás agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, que queda redactada como segue:

«Artigo 10. Aceptación, xustificación e pagamentos

2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento, antes do 30 de novembro de 2017; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable; de non alcanzarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida. O cumprimento efectivo dos fins para os cales foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación de orixinal ou copia compulsada e unha copia da seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria