A Axencia Galega de Infraestruturas é, segundo o previsto no Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se crea e se aproba o seu estatuto, unha entidade pública instrumental adscrita á consellería competente en materia de infraestruturas que ten como obxectivo básico impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas e outras infraestruturas.
A disposición derradeira primeira do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, levou a cabo unha profunda reorganización da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de adaptar a súa estrutura e funcións ás novas tarefas que nos últimos tempos lle son obxecto de encarga polos distintos departamentos da Xunta de Galicia. Así, redefiniu as áreas da Axencia para, por unha banda, dar cabida ás novas funcións que esta asume en materia de obras de edificación, e por outra, optimizar a asignación de funcións que esta desenvolve no ámbito das estradas.
Esta reorganización estrutural da Axencia Galega de Infraestruturas comporta un incremento na concentración de funcións na persoa titular da súa presidencia, circunstancia que, dado o seu volume, aconsella acudir á figura da delegación de competencias en prol de facer máis áxil e eficiente a xestión administrativa, de xeito tal que redunde en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.
En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 9.3 do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas,
RESOLVO:
Primeiro. Representación da Axencia Galega de Infraestruturas
Delegase na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas o exercicio da facultade de representación legal e institucional da Axencia fronte a terceiros nas actuacións relativas aos seus bens e dereitos patrimoniais.
Segundo. Recursos e reclamacións
Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda o exercicio da facultade de resolución dos recursos administrativos atribuídos á Presidencia, así como as solicitudes de suspensión que se formulen.
Terceiro. Criterios complementarios
Na aplicación da delegación teranse en conta os seguintes criterios:
1. O exercicio da competencia que se delega axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
2. En calquera momento a persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Infraestruturas poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan.
3. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
Cuarto. Revogación
Queda revogada a Resolución do 16 de decembro de 2014, da Presidencia da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se delega o exercicio de competencias na Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, e a Resolución do 4 de febreiro de 2013, da Presidencia da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se delega o exercicio de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Quinto. Eficacia da delegación
Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2017
Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas