Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 20 de setembro de 2017 Páx. 42889

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería.

O 10 de abril de 2017 entrou en vigor o Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O dito departamento será o responsable de materializar as políticas impulsadas pola Xunta de Galicia no eido competencial en materia de infraestruturas, mobilidade e vivenda. Para este fin, a nova organización da Consellería de Infraestruturas e Vivenda aposta, por un lado, por profundar nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas, e polo outro, por desenvolver os criterios de mellora continua e de colaboración dentro do sector público reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, na actividade desta, en prol de facer máis áxil e eficiente a xestión administrativa.

Por estas razóns e, dado que a acción da Consellería de Infraestruturas e Vivenda leva consigo unha concentración de funcións na súa persoa titular, é aconsellable, dado o seu volume, acudir á delegación de competencias en diversos órganos e entidades públicas dependentes dela, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

A nova organización desta consellería, así como as funcións atribuídas aos distintos órganos e entidades dela dependentes, perseguen facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa, o que, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización da Administración, require efectuar unha delegación de competencias que ordene a actuación administrativa.

En consecuencia, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público,

DISPOÑO:

Artigo 1. Administración de persoal

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que lle corresponden ao titular da consellería en materia de persoal, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento de persoal eventual e as que lles correspondan a outros órganos.

2. Así mesmo, delégase no/na secretario/a xeral técnico da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito pleno á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia; do/da director/a xeral, do/da presidente/a do Xurado de Expropiación de Galicia, dos/das xefes/as territoriais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica da consellería, así como da persoa titular da dirección do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito pleno a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

4. Delégase na persoa titular da presidencia do Xurado de Expropiación de Galicia o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

5. Delégase nos/nas xefes/as territoriais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito pleno a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial.

Artigo 2. Contratación

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) O inicio do expediente de contratación.

b) A aprobación dos pregos de cláusulas administrativas particulares.

c) A aprobación do expediente de contratación, así como a aprobación e disposición do gasto correspondente.

d) Dispoñer, de ser o caso, a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro.

e) A adxudicación e formalización dos contratos.

f) O exercicio da prerrogativa da súa interpretación e a resolución das dúbidas que ofreza o seu cumprimento. A aprobación das súas modificacións cando concorran os supostos previstos na normativa de contratación.

g) Acordar a súa resolución e determinar os efectos desta; así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se delegan expresamente no punto terceiro deste artigo.

h) As atribuídas á persoa titular da consellería pola normativa vixente en materia de encomendas de xestión.

2. No ámbito das competencias da Secretaría Xeral Técnica, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, respecto dos contratos menores.

b) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

3. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade da consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación, no ámbito de competencias desta dirección xeral:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, respecto dos contratos menores.

b) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

c) A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

d) A realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento.

e) A súa dirección, inspección e control. Poderá ditar as instrucións oportunas para o cumprimento fiel do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 97 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

4. Delégase na persoa titular da presidencia do Xurado de Expropiación de Galicia o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación, no ámbito de competencias dese órgano:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, respecto dos contratos menores.

b) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

c) A súa dirección, inspección e control. Poderá ditar as instrucións oportunas para o cumprimento fiel do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 97 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

Artigo 3. Xestión financeira e orzamentaria

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento das obrigas e propoñerlle á persoa titular da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos:

a) Aos gastos de persoal.

b) Aos gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos, que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Os créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos, agás os derivados de contratos menores correspondentes a competencias delegadas na persoa titular da dirección xeral.

2. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no punto número un deste artigo en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación.

b) Cos créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

3. Deléganse na persoa titular da presidencia do Xurado de Expropiación de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no punto un desta disposición, en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación.

b) Cos créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do órgano.

4. Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a da consellería, na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade e na persoa titular da presidencia do Xurado de Expropiación de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de «gastos por xustificar», sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

5. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos e corresponderalles ás persoas titulares dos órganos directivos da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen a simple actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Artigo 4. Xestión patrimonial

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da consellería.

2. Asemade, tamén se delega na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da consellería en materia de recursos de expropiación forzosa.

Artigo 5. Axudas e subvencións

1. Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a da consellería o exercicio das facultades que a normativa en materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva lle atribúe á persoa titular da consellería, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

2. Delégase nas persoas titulares dos órganos directivos da consellería o exercicio da competencia para iniciar e resolver, nos seus respectivos ámbitos competenciais, o procedemento sancionador por infraccións leves e graves en materia de axudas e subvencións.

Artigo 6. Recursos e reclamacións

1. Delégase no/na secretario/a xeral técnico da consellería o exercicio das facultades seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da consellería e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Iniciar e resolver os procedementos de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Iniciar e resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Presentar e dar resposta aos requirimentos que, con carácter previo á vía contencioso-administrativa, se susciten entre a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e outras administracións públicas e presentar os recursos que, de ser o caso, procedan.

2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio da competencia para resolver os recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas en materia de transportes polos órganos territoriais e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

Artigo 7. Delegacións específicas de competencias en órganos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade as seguintes facultades:

a) A formalización das resolucións, acordos e convenios que se produzan en desenvolvemento e aplicación do Plan de transporte metropolitano de Galicia, agás a dos convenios entre administracións públicas mediante os cales se acorde a constitución das áreas de transporte metropolitano de Galicia.

b) A resolución dos procedementos administrativos que a Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos de Galicia, atribúe á persoa titular da consellería.

c) A licitación, adxudicación e formalización dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte por estrada, ou doutros instrumentos mediante os cales se formalice a imposición de obrigas de servizo público, así como todas as actuacións da Administración derivadas da execución destes.

d) A aprobación dos expedientes de modificación dos contratos de xestión de servizos públicos de actividades auxiliares e complementarias do transporte.

Artigo 8. Delegacións específicas de competencias en órganos da Axencia Galega de Infraestruturas

1. Deléganse na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas as seguintes facultades:

a) Aquelas competencias que lle atribúan regulamentariamente a Administración titular da rede no procedemento de tramitación dos plans sectoriais de estradas e das súas modificacións.

b) Resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e o informe das administracións afectadas.

c) Aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, agás nos casos en que a competencia para a súa aprobación lle corresponde ao Consello da Xunta de Galicia.

d) Emitir informe sobre as propostas de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

e) Aprobar a redución excepcional das distancias establecidas con carácter xeral para a liña límite de edificación.

2. Delégase nas persoas titulares dos servizos provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á Administración expropiante no ámbito da expropiación forzosa para a ocupación dos bens e/ou dereitos obxecto de expropiación e fixación do seu prezo xusto, agás os recursos en materia de expropiación forzosa.

Artigo 9. Delegacións específicas de competencias en órganos do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas das áreas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo as resolucións de concesión ou denegación provisional e as definitivas en materia do Programa de renda básica de emancipación, así como os recursos potestativos de reposición a que estas resolucións dean lugar.

Artigo 10. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia.

b) En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación no/na secretario/a xeral técnico/a da consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra todas as resolucións que diten por delegación.

d) Atribúeselle ao/á secretario/a xeral técnico/a desta consellería o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación, non estean expresamente delegadas noutros órganos.

e) As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

f) As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

g) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición derradeira primeira. Revogación

Quedan revogadas as delegacións de competencias conferidas pola Orde do 4 de decembro de 2015 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda; pola Orde do 4 de febreiro de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e na Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas e pola Orde do 23 de xuño de 2010 pola que se delegan competencias en materia de vivenda e solo nos xefes territoriais da consellería e nos xefes de área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como todas aquelas delegacións de competencias que se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda