Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2017 Páx. 41745

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 85/2017, do 20 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-300, Vilariño-polígono do Salnés, punto quilométrico 9+310-10+270, nos concellos de Cambados e Ribadumia (clave PO/16/062.06).

Antecedentes:

Con data do 15 de decembro de 2016 aprobouse provisionalmente, por resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-300, Vilariño-polígono do Salnés, p.q. 9+310-10+270, de clave PO/16/062.06.

Con data do 5 de maio de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 86) o Anuncio do 24 de abril de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-300, Vilariño-polígono do Salnés, p.q. 9+310-10+270, de clave PO/16/062.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise dos informes e certificacións presentados, o 17 de xullo de 2017 apróbase o expediente de información pública, e definitivamente, o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-300, Vilariño-polígono do Salnés, p.q. 9+310-10+270, de clave PO/16/062.06.

Este proxecto ten por obxecto a creación dunha senda compartida (peoníl e ciclista) no treito da estrada PO-300 que se inicia no tramo urbano do núcleo de Sameiro (Cambados), atravesa polo concello de Ribadumia e remata no último treito no concello de Cambados, onde enlaza coas beirarrúas existentes. Créase un itinerario continuo e seguro que potenciará a mobilidade a pé ou en bicicleta en detrimento do vehículo de motor e mellorará, de xeito colateral, a seguridade viaria na circulación de peóns e ciclistas, que na actualidade non dispoñen de carril específico e circulan pola beiravía ou polo carril de circulación.

A senda executarase en formigón coloreado cunha sección transversal de 3 metros de ancho medio, destinada ao itinerario compartido, 0,5 metros de zona verde (naqueles treitos onde o espazo dispoñible o permita), enmarcada entre bordos de 22 cm de ancho.

As obras previstas comprenden tamén as seguintes actuacións (necesarias para garantir a funcionalidade da senda executada):

– Mellora da rede da drenaxe existente na zona coa prolongación das obras de drenaxe transversal.

– Execución dun prisma para futuras canalizacións eléctricas e de iluminación.

– Mellora da sinalización, balizamento e defensas e reposición de servizos.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xullo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-300, Vilariño-polígono do Salnés, p.q. 9+310-10+270, de clave PO/16/062.06.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda