Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2017 Páx. 41742

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de agosto de 2017 pola que se suprime unha oficina de rexistro auxiliar e se modifican sete oficinas de rexistro auxiliar pertencentes ao Sistema único de rexistro.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada delas está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.es, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

Debido á constitución dunha nova entidade e a variacións de denominación ou de localización xurdiu a necesidade de suprimir, modificar a denominación ou a localización de oficinas de rexistro existentes para reflectir unha nova denominación ou localización.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Supresión dunha oficina de rexistro auxiliar

Suprímese o Rexistro Auxiliar do Consello Galego da Competencia.

Artigo 2. Modificación de oficinas de rexistro auxiliar

Modifícanse as seguintes oficinas de rexistro auxiliar:

a) Modifícase a denominación do Rexistro Auxiliar do extinto Instituto Galego de Consumo, que pasa a denominarse Rexistro Auxiliar do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, con enderezo na avenida Gonzalo Torrente Ballester, 1-5 baixo, Santiago de Compostela.

b) Modifícase a denominación do Rexistro Auxiliar da Delegación en Ferrol do extinto Instituto Galego de Consumo, que pasa a denominarse Rexistro Auxiliar do Servizo de Consumo en Ferrol.

c) Modifícase a denominación do Rexistro Auxiliar da Delegación en Ourense do extinto Instituto Galego de Consumo, que pasa a denominarse Rexistro Auxiliar do Servizo de Consumo en Ourense.

d) Modifícase a denominación do Rexistro Auxiliar da Delegación en Pontevedra do extinto Instituto Galego de Consumo, que pasa a denominarse Rexistro Auxiliar do Servizo de Consumo en Pontevedra.

e) Modifícase o enderezo do Rexistro Auxiliar da Secretaría Xeral de Emigración, que pasa a estar na praza de Mazarelos, en Santiago de Compostela.

f) Modifícase o enderezo do Rexistro Auxiliar do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que pasa a estar no Edificio administrativo San Lázaro, na rúa San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

g) Modifícase o enderezo do Rexistro Auxiliar do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), que pasa a estar no Edificio Administrativo San Lázaro, na rúa San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data, actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza