Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 37047

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de xullo de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Grobas, da parroquia de Millerada, no concello de Forcarei (Pontevedra), solicitada a favor dos veciños da parroquia de Millerada.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 14 de xuño de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Grobas a favor dos veciños da parroquia de Millerada, no concello de Forcarei (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data de entrada do 19.4.2006, Aquilino Cavadas Soto e Enrique Gil Doval, en representación dos veciños da parroquia de Millerada do concello de Forcarei, presentan unha solicitude de iniciación para a clasificación do monte denominado Grobas como veciñal en man común para os veciños da parroquia de Millerada, xuntando informe técnico e pericial, coa descrición do monte, identificación, superficie, ocupacións, encravados e lindeiros.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, en sesión do 1.8.2006, incoar o expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicítase informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais.

O informe foi emitido o 5.12.2016 pola técnica do Distrito XVI, Rafaela Pérez Romero, no cal se indica, en síntese, o seguinte: o informe baséase nos datos fornecidos polo promotor e nos percorridos de inspección realizados pola técnica Rafaela Pérez Romero e o axente Miguel Garrido, en data 5.12.2006. A situación e o estado das parcelas de que se incoa a clasificación é a seguinte:

Parcela nº 1:

Estado forestal: está poboada por matogueiras.

Servidumes: liña eléctrica de Redesa (N-S; liña eléctrica de parque eólico).

Encravados: ao sur do monte.

Usos e aproveitamentos: pastos.

Estremas:

Norte: monte de Noveliza.

Sur: particulares, río Grobas.

Leste: termo municipal de Lalín.

Oeste: monte de Portela e Fixó (...).

Cuarto. A rexistradora da propiedade da Estrada certifica en data 15.12.06 que o monte solicitado non figura inscrito nese Rexistro da Propiedade, ben que existe inscrita nese Rexistro da Propiedade a seguinte leira de Forcarei número 8680.

Quinto. Á vista da documentación fornecida polo solicitante e o informe do Servizo de Montes e Industrias Forestais, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Forcarei.

Parroquia: Millerada.

Nome do monte: Grobas.

Cabida 200,2 ha (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: MVMC de Noveliza, da parroquia de Acibeiro.

Sur: MVMC de Vilariño, da parroquia de Millerada.

Leste: concello de Lalín.

Oeste: MVMC de Fixó-Portela e montes particulares de Rolas, parroquia de Millerada.

Encravados: existe un encravado, situado no SO, cunha superficie de 7,8 ha, formado pola agrupación de 25 persoas físicas, baixo a denominación de comunidade de propietarios do monte Grobas, cuxo representante é Victoria Madriñán Santorum.

Sexto. Feitas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto o período de audiencia, presentaron alegacións José Antonio Colmenero Fernández, Manuel Aurelio Colmenero Guzmán, Juan José García Fontán, Juan Pablo Martínez Barros e o propio solicitante, alegando o que en dereito lles conviña, e que por extensas e para evitar reiteracións innecesarias por canto son coñecidas polas partes, se dan por reproducidas.

Sétimo. O Xurado, en reunión que tivo lugar no 16.3.2009, resolveu clasificar como veciñal en man común o monte denominado Grobas a favor dos veciños da parroquia de Millerada (Forcarei).

Oitavo. Contra a devandita resolución interpuxo Iberdrola Energías Renovables de Galicia, recurso contencioso-administrativo, que foi resolto polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra no sentido de non admitilo por falta de lexitimación activa do recorrente.

Igualmente, José Antonio Colmenero Fernández e outros interesados interpuxeron recursos de reposición e posteriormente recurso contencioso-administrativo, que o Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra por Sentenza do 15 de setembro de 2011 resolveu a súa estimación parcial declarando a nulidade da resolución e ordenando a retroacción das actuacións ao momento de dar cumprimento ao disposto no artigo 23.1 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, relativo á comunicación da iniciación do expediente de clasificación do monte Grobas e trámite de alegacións ás persoas que figuran inscritas no rexistro da propiedade da Estrada.

Os representantes da comunidade de montes veciñais de Fixó e Portela interpuxeron recurso de apelación contra ela. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por Sentenza do 4 de abril de 2012, confirmou a sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra.

Noveno. En data do 1.4.2013 deuse conta no punto 5.1 da orde do día da sentenza pronunciada pola Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, sección 2, no recurso de apelación nº 4612/11, interposto contra a sentenza do Xulgado do Contencioso número 1 de Pontevedra, ditada no procedemento ordinario número 00270/10.

Para os efectos de dar cumprimento á disposición da sentenza, o Xurado acordou proceder á retroacción das actuacións ao momento de dar cumprimento ao disposto no artigo 23.1 do Decreto 260/1992, de comunicación da iniciación do expediente de clasificación do monte Grobas e trámite de alegacións ás persoas que figuran inscritas no Rexistro da Propiedade da Estrada.

Unha vez feitas de xeito fidedigno as comunicacións a todos os interesados e rematado o prazo de exposición no taboleiro de edictos do Concello de Forcarei, así como no DOG, presentan durante o trámite de audiencia alegacións Juan José García Fontán, José Antonio Colmenero Fernández, Manuel Aurelio Colmenero Guzmán, José A. Gago Torrado, Alberto Gago Torrado, María Elena Moreno González, Manuel Arceo Romero, José María Fonseca Moretón, Celia López Castro, Juan Luís Arceo López, Ramón Barcala Rodríguez, Eligio Manuel Bernández Troitiño, Adolfo Campos Panadeiros, Antonio Rey Soto, José María Cumbraos Dapena, Juan Carlos Valiñas Fiestras, María Paz Fiestras Villaverde, Alfredo Martínez Neira, Juan Pablo Martínez Barros, José Calvo García, Clara Pereiro Toubes e José Enríquez Rodríguez, alegando, en resumo, cuestións de propiedade, negando calquera tipo de aproveitamento ou uso comunal dos veciños da parroquia de Millerada sobre o monte Grobas, así como numerosas descualificacións subxectivas, intolerables por outra parte, que este Xurado non está disposto a permitir, e que nada achegan ao expediente de clasificación máis que a reprobación e descualificación dos propios escritos.

Así mesmo, solicitan a recusación do instrutor con base en simples manifestacións acomodaticias aos seus intereses pero sen ningún valor probatorio.

Formulada a cuestión da recusación do instrutor ao presidente e aos restantes membros do Xurado, acordan de xeito unánime, rexeitar de plano a recusación por entender que o instrutor reúne as debidas garantías de obxectividade, imparcialidade e desinterese persoal, e o seu nomeamento se realizou conforme o disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e o artigo 13 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989.

Tamén presentan, durante do trámite de audiencia, alegacións Luis Liñares Medela e José Canda Rodríguez, en representación dos veciños do lugar de Bustelos (Lalín), manifestando, en resumo, que parte do monte que pretenden clasificar os veciños de Millerada se superpón pola parte noroeste co monte de Bustelos.

Do mesmo xeito, presenta alegacións o promotor do expediente ratificando o uso e aproveitamento veciñal do monte solicitado.

Na data do 9.10.2013, Gonzalo Barreiro Barbeito, fóra do prazo de alegacións, presenta un escrito solicitando copia da planimetría.

Tomando en consideración os datos e numerosos documentos incluídos no prolixo expediente administrativo de referencia, así como as alegación feitas de contrario, emítese a seguinte resolución con base nas seguintes:

Consideracións xurídicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro:

“Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

A xurisprudencia contencioso-administrativa (SSTS do 27.2.1998, 20.1.1999 e 24.4.2000, en relación cos montes veciñais en man común e, en concreto, a STS do 27.2.1998 cuxos argumentos recolle a STSXG do 28.12.2000) logo de recordar unha reiterada doutrina que considera os ditos montes como aqueles en que a titularidade, nunha comunidade xermánica sen asignación de cotas, vén atribuída a determinados veciños como núcleo social, establece como notas significativas que caracterizan os indicados montes as seguintes: por un lado, o aproveitamento consuetudinario dun monte ou parte del en man común; por outro, atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social fáctico determinado.

Cómpre lembrar que o acto de clasificación que ditará o Xurado se limita a declarar a constatación da existencia do aproveitamento consuetudinario do monte polo grupo social e a recoñecer a conseguinte titularidade dese aproveitamento a prol do grupo que o vén desfrutando (ou, pola contra, a declarar a non constatación del), ben que ese recoñecemento de titularidade poderá ser revisado pola xurisdición ordinaria no tocante a cuestións de dominio e demais dereitos reais sobre os montes, segundo resulta do artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común (así, entre outras, as SSTS do 12.7.1999, 24.4.2000 e 7.2.2001). Daquela, o tema debatido non debe remitirse a unha confrontación de titulacións e inscricións, senón ao exame dos distintos elementos que constan no expediente para chegar a acadar un convencemento nun e noutro senso, ao respecto da realidade do aproveitamento (STSX de Galicia, do 2.11.2000).

Entón, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Terceiro. Entrando no fondo do asunto, en canto ás alegacións presentadas polos titulares rexistrais durante a tramitación do expediente, teñen que ser desestimadas, xa que os alegantes expoñen principalmente cuestións relativas á propiedade, non presentan proba concluínte que desacredite o uso veciñal do monte nin xustifican, pola contra, ese pretendido aproveitamento ou uso exclusivamente privativo a que fan referencia. Os numerosos escritos presentados baséanse en apreciacións subxectivas carentes de consistencia ningunha, acompañadas de diversos informes técnicos; respecto dos informes que presentan, sublíñase que incorren en evidentes contradicións co manifestado nos escritos de alegacións (a modo de exemplo: informes periciais -folios 781, 783 e 834- nos cales se conclúe que non se aprecia ningún tipo de proba que evidencie un uso para pastos ou para outros calquera relativos ao gando, -folio 832: no momento do recoñecemento non se observou pastoreo de ningún tipo de animal (bovino, ovino, équido...) nin restos de feces de animais, nin arbustos comidos parcialmente ou mordidos; circunstancia normal, xa que, debido á pendente excesiva e á escaseza do mato fai inviable calquera tipo de alimentación (...), informes que quedan desvirtuados polas propias manifestacións realizadas polos opoñentes á clasificación, -folio 882: pois tanto o sr. Manuel da Noveliza, como a sra. Asunción de Masgalán contan co meu permiso para baixar desde Acibeiro coas súas vacas ata o lugar de Grobas, -folio 932: na leira existe un aproveitamento para pastoreo de gando vacún, pero non é veciñal, senón de dúas persoas de Acibeiro, -folio 805: a leira de Grobas é desfrutada e cuidada unicamente polos seus lexítimos propietarios, e sempre foi así. No seu día polos que alí vivían (e que evidentemente eran da parroquia de Millerada), e desde a súa venda polos que a compramos legalmente.

Respecto ao feito de que son titulares rexistrais do monte Grobas, nº 8680, cunha cabida de cincocentas hectáreas, hai que sinalar que a existencia da inscrición no Rexistro da Propiedade a nome de determinadas persoas non supón obstáculo para que se clasifique o monte, logo de dar cumprimento ao disposto no referido artigo 23.1.b) do Decreto 260/1992 e sempre que se cumpran os restantes requisitos previstos no artigo 1 da Lei de montes veciñais para a súa clasificación, tal e como dispón o artigo 27 do Decreto 260/1992, non será obstáculo á clasificación dun monte como veciñal en man común o feito de estar incluído nalgún catálogo, inventario ou rexistro público con asignación de diferente titularidade, salvo que os asentos se practicasen en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo.

As alegacións presentadas por Luis Liñares Medela e José Canda Rodríguez tamén deben ser rexeitadas dado que en ningún momento cuestionan o aproveitamento ou uso veciñal do monte senón que expoñen un tema de deslindamento entre ambos os montes, alleo ao expediente de clasificación. O monte en cuestión descríbese e sitúase dentro do termo municipal de Forcarei, non no termo municipal de Lalín.

Cuarto. O aproveitamento e uso en man común do monte solicitado, tense suficientemente acreditado tanto historicamente segundo os datos reflectidos na carpeta ficha do monte Grobas -procedencia foral do monte- e mais a documentación presentada polo solicitante (informe técnico, declaracións xuradas, documentos de explotación de gando vacún dos veciños de Millerada), como polo informe do Servizo de Montes e Industrias Forestais emitido pola técnica do distrito forestal de Deza-Tabeirós, Rafaela Pérez Romero, en que constata a existencia de usos e aproveitamento, en concreto, para pastos por parte dos veciños da parroquia de Millerada, así como pola visita xirada que o instrutor realiza o 13.6.2008 na cal se aprecia a existencia de pastoreo de gando vacún.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado de xeito unánime

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte denominado Grobas, a favor dos veciños da parroquia de Millerada, do concello de Forcarei, de acordo coa descrición reflectida no feito quinto e na planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 13 de xullo de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra