Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 37055

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de xullo de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Casas dos Profesores, da parroquia de Currás, no concello de Portas (Pontevedra), solicitada a favor dos veciños da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data 14 de xuño de 2017, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Casas dos Profesores a favor dos veciños da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada, da parroquia de Currás, no concello de Portas (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 24.2.2014, Belén Raposo Pérez en nome da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada, concello de Portas, solicita a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC), da parcela de monte Casas dos Profesores que inclúe un aparcamento ao aire libre pola parte sur onde tamén se sitúan varios galpóns e patios traseiros das casas mencionadas. Coa solicitude xunta:

– Poder notarial que acredita a súa representación da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada.

– Informe pericial e levantamento topográfico realizado por Arias Asesores Forestais. No informe pericial conclúese: –O Concello de Portas interveu de forma directa ata a súa definitiva clasificación como MVMC en 1982, parte dun monte de carácter comunal e catalogado no seu momento como de libre disposición denominado Rapeira propiedade dos veciños de Quenlla, Rapeira e Cachada desde tempo inmemorial–.

– No 1952 o secretario do Concello recoñece o carácter comunal do monte, razón pola que non poden ceder parte do mesmo á escola. É por iso que catro anos despois o Concello rectifica o inventario pasando os montes de ser comunais a propios, co que o Concello tivo carta libre para parcelalo, vendelo, etc., a pesar de que coñecía o seu carácter inalienable como comunal.

Segundo. Con data do 25.4.2014, o xefe da Sección de Topografía informa en resumo que:

– A planimetría permite identificar os terreos solicitados que conteñen unha edificación e ten unha cabida de 0,08 has.

– Non existen afeccións a montes de utilidade pública.

– Segundo os datos que constan no Rexistro de MVMC de Pontevedra, o monte de Quenlla, Rapeira e Cachada non está deslindado. Atendendo ao esbozo da carpeta ficha, os terreos solicitados están fóra das zonas sombreadas.

– A referencia catastral implicada no terreo solicitado é a 36040A01300172.

Terceiro. Con data do 8.2.2016, o Xurado de Montes acorda incoar expediente de clasificación da parcela Casas dos Profesores e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 17.2.2016 ao Concello de Portas e o 12.2.2016 ao promotor da clasificación. Así mesmo, notifícase a suspensión do prazo para resolver o expediente por un período de tres meses segundo o artigo 83 da Lei 30/1992.

Cuarto. Á vista da documentación aportada pola Comunidade e o informe do Servizo de Montes, as parcelas obxecto do presente expediente obedecen á seguinte descrición:

Concello: Portas.

Parroquia: Currás.

Nome do monte: Casas dos Profesores.

Superficie da parcela: 804,74 m2.

Referencia catastral: 36040A013001720001YH.

Subparcela A.

Estremas catastrais:

Norte: 36040A013001720001Y.

Sur: 36040A013001720001YH.

Leste: 36040A013001720001YH

Oeste: estrada.

Estremas físicas:

Norte: MVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada (garaxe e muro de bloques).

Sur: camiño.

Leste: muro de bloques de formigón e escolas.

Oeste: beirarrúas e estradas.

Quinto. Con data do 25.4.2016, o enxeñeiro técnico forestal do Distrito XIX emite informe preceptivo do Servizo de Montes. Os predios actualmente non soportan usos privativos incompatibles co comunal, na visita do axente zonal compróbase que:

– A parcela está urbanizada na maior parte da súa superficie. No seu extremo noroeste existen catro vivendas que constan de planta baixa, primeiro andar e unha serie de patios traseiros xunto cun pequeno pendello situados cara o nordeste do predio. Superficies de 216 m2 e 70 m2 respectivamente. Entre os patios traseiros e o muro do colexio aparece unha única superficie da parcela que non se atopa urbanizada duns 134 m2. A metade sur da parcela está ocupada por unha explanada asfaltada usada como aparcadoiro público duns 315 m2. No seu extremo sur leste existe un pequeno recinto duns 36 m2 ocupado por luminaria e dous bancos.

Os veciños do lugar manifestan que no pasado a parcela solicitada utilizábase para a obtención de leñas, pastos e esquilmos para estrar as cortes dos animais que logo se empregaba de esterco para fertilizar as leiras. Na actualidade os usos da parcela son os de vivenda, aula de formación, aparcamento público e tamén no que fan os deberes os rapaces que van adestrar ao campo de fútbol anexo.

Sexto. Con data 17.3.2016, o Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra certifica que os predios dos que se insta a clasificación, coa información facilitada, non se atopan inscritos no Rexistro. Ordénase a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Pontevedra, notifícase o trámite de audiencia, publícase o edicto no Concello de Portas e no DOG o anuncio do 17 de outubro de 2016 polo que se inicia a clasificación do monte Casas dos Profesores a favor da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada, parroquia de Currás (Portas), (DOG número 210, do 4 de novembro).

Sétimo. Con data do 24.11.2016, dentro do período do trámite de audiencia (notificado o 25.10.2016), o Concello de Portas presenta alegación en contra da clasificación da parcela Casas dos Profesores como monte veciñal en man común, xa que, mantén a súa titularidade veciñal. Establece en resumo que a parcela denominada Casas dos Mestres, vén sendo utilizada polo Concello, como mínimo, desde o ano 1969, ano no que o Concello puxo a dispoñibilidade da Xunta Provincial os terreos para a execución do grupo escolar e as vivendas dos mestres, e xa desde esa época non ten lugar nela ningún aproveitamento madeirable. A día de hoxe, as vivendas dos mestres están afectadas pola Consellería de Cultura e Educación.

Oitavo. Con data 28.11.2016, fóra do período do trámite de audiencia (data de notificación 25.10.2016), Belén Raposo Pérez expón unha serie de cuestións das que cabe destacar:

Que a existencia de usurpacións anteriores (as referidas casas dos mestres) non poden afectar ao carácter comunal do monte, toda vez que o monte veciñal é imprescritible, inalienable e inembargable, de tal xeito que usurpacións anteriores no tempo non puideron privarlle do dito carácter. A recente xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (véxase a sentenza do 31 de outubro de 2016), establece que os casos nos que un terceiro de boa fe edificase sobre o monte común deberá ser este o que deba obter a dispoñibilidade do monte veciñal ocupado, ben mediante a súa permuta, a súa expropiación ou ben mediante un contrato de cesión de uso coa comunidade propietaria.

Noveno. Con data do 30.12.2016, Belén Raposo Pérez volve reiterar: O Concello (Portas) non levou a cabo en ningún momento a expropiación dos terreos, estes continúan sendo comunais, de xeito que o Concello deberá conforme a sentenza citada... expropiar, permutar ou obter o uso do terreo. Mentres tal cousa non suceda, o terreo é comunal e como tal debe clasificarse.

Consideracións xurídicas.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común define o monte veciñal en man común:

Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común, é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común das parcelas Casas dos Profesores, non queda acreditado na actualidade. Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente conste alegación do Concello de Portas á clasificación como MVMC ao acreditar un uso privativo desta parcela demostra que non existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Currás, concello de Portas.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado de xeito unánime

ACORDA:

Non clasificar como veciñal en man común o monte denominado Casas dos Profesores, a favor dos veciños da CMVMC de Quenlla, Rapeira e Cachada, da parroquia de Currás, concello de Portas (Pontevedra).

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 14 de xullo de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra