Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 1 de agosto de 2017 Páx. 36386

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Betanzos

EDICTO (102/2017).

Sentenza: 97/2017

Divorcio contencioso (DCT) 102/2017

Sobre: divorcio contencioso

Demandante: Sandra Isabel Blanco Lizarazo

Procurador: Carlos Javier García Brandariz

Avogado: Pablo Jato Díaz

Demandado: Elvis Jesús Colmenares Antias

Betanzos, 4 de xullo de 2017

Vistos por Carmen López Moure, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Betanzos, os presentes autos de xuízo de divorcio seguidos co número 102/2017 por instancia de Sandra Isabel Blanco Lizarazo, maior de idade, representada polo procurador Sr. García Brandariz e baixo a dirección letrada do Sr. Jato Díaz, contra Elvis Jesús Colmenares Antias, maior de idade, o cal non compareceu malia a súa citación en legal forma, ditouse a presente resolución en nome do rei.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O procurador Sr. García Brandariz, na representación xa indicada, presentou demanda de divorcio matrimonial contra Elvis Jesús Colmenares Antias, a cal lle correspondeu por quenda ante este xulgado en data 2 de marzo de 2017, e alegou no seu escrito os feitos e os fundamentos de dereito que considerou convenientes e aplicables ao caso, finalizando co suplico de que se ditase sentenza pola cal se acordase o divorcio do dito matrimonio, por concorrer a causa prevista no artigo 86 do Código civil.

Segundo. Tívose por parte o citado procurador na representación que acreditaba, con quen se entenderían as sucesivas dilixencias no modo e maneira que a lei prevén, e admítese a trámite a demanda formulada, que se tramitaría polos trámites do xuízo verbal coas especialidades previstas no artigo 753 da LAC, tras o cal se deu traslado da citada demanda á parte demandada para que a contestase no prazo de 20 días, despois de ser declarado en situación procesual de rebeldía o demandado ao non ter contestado a esta.

Terceiro. Ao acto da vista compareceu a demandante, e ratificouse no seu escrito de demanda, e practicáronse as probas propostas e admitidas co resultado que consta nas actuacións, e quedou o procedemento visto para sentenza.

O demandado foi declarado en situación de rebeldía procesual conforme o previsto no artigo 442.2 da LAC, ao non ter comparecido ao acto da vista.

Cuarto. Na tramitación do presente procedemento observáronse as prescricións legais, incluído o prazo para ditar sentenza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Sandra Isabel Blanco Lizarazo e Elvis Jesús Colmenares Antias casaron na localidade de Betanzos (A Coruña) o día 29 de xullo de 2011 (certificación do matrimonio que consta en autos como documento número 1 da demanda), de cuxo matrimonio non houbo fillos.

O artigo 85 do Código civil dispón que o matrimonio se disolve por divorcio, seguidamente o artigo 86 do mesmo texto legal, redactado conforme a modificación introducida pola Lei 15/2005, sinala que: “decretarase xudicialmente o divorcio por petición dun dos cónxuxes se concorren os requisitos e circunstancias do artigo 81 do CC”, precepto que exixe que teñan trascurrido tres meses desde a celebración do matrimonio, requisito que si concorre, pois os cónxuxes se casaron no ano 2011.

Segundo. Á vista do desenvolvido no presente procedemento, o que quedou claro é a vontade de ambos os dous cónxuxes de divorciarse polo continuado cesamento da convivencia conxugal, independentemente da quen puidese reprocharse culpa de tal consecuencia. Isto é que está acreditado a quebra de toda convivencia conxugal por unha profunda desafección entre os esposos que exteriorizan a súa vontade de non continuar unidos. Desta forma, do examinado constátase un estado de tensión, desafección e profunda discordia entre os esposos que deu lugar á quebra da convivencia matrimonial cunha vulneración dos deberes conxugais de respecto, axuda e socorro mutuos que impoñen os artigos 67 e 68 do Código civil, o cal constitúe base legal bastante para acordar a disolución por divorcio do matrimonio formado por Sandra Isabel Blanco Lizarazo e Elvis Jesús Colmenares Antias.

Por todo iso procede acordar o divorcio interesado pola parte demandante e ao que non se opuxo a parte demandada.

Terceiro. Como consecuencia inherente á disolución do vínculo conxugal, o artigo 95 do Código Civil establece que “A sentenza firme producirá, respecto dos bens do matrimonio, a disolución do réxime económico matrimonial. “

Ao ser o de sociedade de gananciais o réxime económico matrimonial que rexía durante o matrimonio, e de conformidade co disposto no citado precepto e no artigo 1392 do mesmo corpo legal, procede acordar a disolución deste.

Cuarto. Non cabe facer especial pronunciamento sobre as custas procesuais, a teor da causa do procedemento.

Decisión.

Que debo estimar e admito integramente a demanda formulada por Sandra Isabel Blanco Lizarazo fronte a Elvis Jesús Colmenares Antias, e declaro disolto o matrimonio existente entre as partes por divorcio, con todos os pronunciamentos a iso inherentes coa adopción das medidas seguintes:

1. Acórdase a disolución da sociedade de gananciais

2. Non facer especial pronunciamento en materia de custas.

Unha vez que sexa firme esta resolución, remítase testemuño dela ao encargado do Rexistro Civil competente.

Notifíqueselles a presente ás partes, facéndolles saber que contra esta cabe recurso de apelación, que se interporá ante este xulgado no prazo de vinte días contados desde o seguinte á súa notificación para ser resolto pola Audiencia Provincial da Coruña. Será necesario que para iso se ingrese na conta de depósitos e consignacións deste xulgado o depósito establecido pola Lei orgánica 1/2009, do 3 de novembro.

Así o acordo mando e asino, Carmen López Moure, maxistrada-xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Betanzos e os do seu partido xudicial.

Publicación. No mesmo día da súa data a anterior sentenza foi lida e publicada pola mesma xuíza que a ditou estando a celebrar audiencia pública. Dou fe.