Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2017 Páx. 23838

V. Administración de xustiza

Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (3/2016).

Sentenza 19/2016

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2016.

Vistos por min, Cristina Bustabad Pérez, xuíza do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela, os autos de xuízo de divorcio contencioso seguidos co número 3/2016, por instancia de María Jesús Vidal Álvarez, representada pola procuradora María Aurora Gosende Gómez e asistida pola letrada María Jesús Loredo Conde, contra Manuel Alfredo Iglesias Brea, declarado en situación de rebeldía procesual.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 28 de xaneiro de 2016, a procuradora María Aurora Gosende Gómez, en nome e representación de María Jesús Vidal Álvarez, presentou demanda de divorcio contra Manuel Alfredo Iglesias Brea. Na dita demanda alegou os feitos e fundamentos que considerou de aplicación e terminou suplicando ao xulgado que se declarase a disolución do seu matrimonio, con todos os efectos legais inherentes a tal declaración. Acordáronse como definitivas as seguintes medidas: 1) Fixación de pensión de alimentos en favor da filla Diana, que deberá aboar o pai e consistente en 80 euros mensuais mentres aquela se encontre traballando e 150 euros mensuais para o momento en que cese no traballo. A nai queda obrigada a comunicar e acreditar de maneira fidedigna e inmediata calquera variación na situación sociolaboral da filla común; 2) Atribución a María Jesús e á súa filla do uso e desfrute do primeiro piso da vivenda sita no lugar de Loureda, nº 10, de Boqueixón.

Segundo. O 5 de febreiro, a letrada da Administración de xustiza ditou decreto polo que se admitiu a trámite a demanda e deuse traslado dela ao demandado para a súa contestación no prazo de 20 días.

Terceiro. Tras ter sido emprazado o demandado e ter transcorrido o prazo para contestar a demanda sen se ter presentado ningunha contestación, a letrada da Administración de xustiza ditou dilixencia de ordenación do 19 de xullo pola que declarou o demandado en situación de rebeldía procesual e sinalou data para a celebración da vista, que tivo lugar o pasado 28 de setembro, nos termos que constan nas actuacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 85 do Código civil (en diante, CC) sinala que “o matrimonio queda disolto polo divorcio” e o artigo 86, que “se decretará xudicialmente o divorcio, por petición dun só dos cónxuxes, de ambos ou dun co consentimento do outro, cando concorran os requisitos exixidos no artigo 81”, que se refiren á necesidade de que transcorresen tres meses desde a celebración do matrimonio. Resulta probado pola documental achegada, en concreto polo certificado de matrimonio que figura como documento número 1 da demanda, que transcorreron eses tres meses, polo que se debe decretar a disolución do matrimonio contraído entre María Jesús Vidal Álvarez e Manuel Alfredo Iglesias Brea.

Segundo. No caso que nos ocupa a demandante solicita, no que se refire aos efectos derivados da disolución do matrimonio, que se acorden como medidas definitivas as seguintes: 1) Fixación de pensión de alimentos en favor da filla Diana que deberá aboar o pai, consistente en 80 euros mensuais mentres aquela se encontre traballando e 150 euros mensuais para o momento en que cese no traballo. A nai queda obrigada a comunicar e acreditar de maneira fidedigna e inmediata calquera variación na situación sociolaboral da filla común; 2) Atribución a María Jesús e á súa filla do uso e desfrute do primeiro piso da vivenda sita no lugar de Loureda, nº 10, de Boqueixón.

En relación coa primeira das medidas solicitadas, relativa á pensión de alimentos en favor da filla, cabe destacar que é idéntica á xa vixente e acordada na recente sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia de Santiago de Compostela o 16 de novembro de 2015, no procedemento de modificación de medidas definitivas nº 803/2015, e pola que se modificaron as medidas acordadas no seu día mediante sentenza de separación ditada polo mesmo xulgado o 23 de novembro de 2009. E en canto á segunda das medidas solicitadas, a relativa ao uso da vivenda, débese significar que esa medida foi a acordada na citada sentenza de separación do 23 de novembro de 2009, pola que se lle atribuíu o uso do baixo da dita vivenda a Manuel Alfredo e o do primeiro piso a María Jesús e á súa filla, que a viñeron ocupando ata o momento actual.

Así pois, xa que se adoptaron con anterioridade medidas sobre as cuestións solicitadas e que o demandado non compareceu para alegar cuestións relativas a un posible cambio de circunstancias que faga necesaria a adopción de medidas diferentes ou que aconselle a súa modificación, procede acordar como definitivas as medidas solicitadas pola demandante.

Terceiro. Non procede facer expresa imposición de custas, xa que, como ten reiterado a xurisprudencia, a condena en custas debe excluírse naqueles procesos relativos a cuestións que afectan a filiación, a capacidade de obrar, o estado civil das persoas e, en xeral, cuestións que requiren un pronunciamento que as partes non poden conseguir no ámbito extraprocesual, posto que exixen unha declaración xudicial, mesmo no caso de que non exista controversia.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que debo estimar e estimo a demanda interposta pola procuradora María Aurora Gosende Gómez, en nome e representación de María Jesús Vidal Álvarez, contra Manuel Alfredo Iglesias Brea, en situación de rebeldía procesual, e debo declarar e declaro disolto o matrimonio existente entre ambos, con todos os efectos legais inherentes, coa adopción das seguintes medidas definitivas:

1. Fixación dunha pensión de alimentos que Manuel Alfredo deberá aboar á súa filla Diana, na cantidade de 80 euros mensuais mentres aquela traballe e 150 euros mensuais cando deixe de facelo, con obriga por parte de María Jesús de comunicar a Manuel, de maneira fidedigna, calquera cambio na situación laboral da súa filla.

2. Atribución a María Jesús e á súa filla Diana do primeiro piso da vivenda sita no número 10 do lugar de Loureda, Boqueixón.

Todo isto sen facer expresa imposición de custas.

Comuníquese a presente sentenza, para a súa inscrición marxinal, ao Rexistro Civil de Santiago de Compostela, onde consta inscrito o matrimonio cuxo divorcio se decreta.

Notifíquese esta resolución ás partes e fágaselles saber que non é firme e que contra ela poderán interpor ante este xulgado, no prazo de vinte días contado desde o seguinte ao da súa notificación, recurso de apelación que será resolto, de ser o caso, pola Audiencia Provincial da Coruña.

Expídase e únase certificación desta sentenza ás actuacións, con inclusión da orixinal no libro de sentenzas.

Así, por esta miña sentenza, o pronuncio, mando e asino. Cristina Bustabad Pérez, xuíza do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela».