Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2017 Páx. 22460

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de setembro de 2015, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico singular de Mondoñedo como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de setembro de 2015, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico singular de Mondoñedo, promovido polo Concello de Mondoñedo.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Mondoñedo e Abadín queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificado pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico singular de Mondoñedo.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Relación co planeamento urbanístico local vixente e proposta de modificación.

A infraestrutura do parque eólico singular de Mondoñedo encóntrase, na súa maior parte, no concello que leva o seu mesmo nome. O concello de Abadín vese afectado soamente pola ampliación do raio de curvatura de pequenos tramos dunha vía existente. A seguir analízase a relación coa normativa urbanística vixente.

1.1. Relación co planeamento municipal de Mondoñedo.

1.1.1. Adecuación ao planeamento municipal de Mondoñedo (plano I0045-21-PL 05).

O planeamento municipal está constituído polas Normas complementarias e subsidiarias de planeamento (NSP), aprobadas o 12 de xullo de 1978, as cales cualifican a zona afectada pola implantación da presente infraestrutura como solo non urbanizable con protección especial, máis concretamente, solo non urbanizable de protección da paisaxe, e como solo non urbanizable, segundo o plano nº 5 das Normas complementarias e subsidiarias de Mondoñedo.

A infraestrutura asociada ao parque eólico singular conta cos seguintes elementos no concello de Mondoñedo: vías e gabias de canalizacións (estas últimas non xeran unha afección a maiores ao territorio porque van baixo as vías), tres casetas prefabricadas e dous aeroxeradores coas súas correspondentes plataformas e voos.

A superficie ocupada polo conxunto das instalacións no concello de Mondoñedo é de 8,87 ha respecto da superficie da área de afección urbanístico-territorial de 9,04 ha, o que supón un 98 %.

As NSP inclúense no anexo I do presente proxecto sectorial.

Segundo a normativa municipal vixente:

«...

E5. Normas urbanísticas.

1. Normas xerais.

1.1. Clasificación do solo.

...

1.1.2. Solo non urbanizable.

Intégrase a superficie non considerada como solo urbano do proxecto de delimitación de solo urbano para Mondoñedo.

1.2. Clasificación de superficies.

Dentro desta clasificación de solo, a cualificación de superficies axustarase, se for o caso, ás seguintes definicións:

a) Vías.

b) Zonas libres.

c) Terreos destinados a edificación pública.

d) Terreos destinados a edificación privada.

e) Solo de protección de infraestruturas.

f) Solo non urbanizable con protección especial.

g) Solo non urbanizable sen protección.

...

E55. Normas para solo non urbanizable.

5.1. Cualificación de superficies.

Como figura no número 1.2 do capítulo E5 o solo non urbanizable divídese en dous tipos:

f) Solo non urbanizable con protección especial.

g) Solo non urbanizable sen protección especial.

O tipo f), pola súa vez, comprende tres sectores:

f.1) Solo non urbanizable de protección de infraestruturas.

f.2) Solo non urbanizable de protección paisaxística.

f.3) Solo non urbanizable de protección forestal.

Todos os tipos e sectores están recollidos no plano nº 5 destas normas.

5.2. Normas xerais para todos os sectores.

En todo o solo non urbanizable observarase o disposto no artigo 69.1, segunda e cuarta da Lei 19/1975.

...

Edificios doutro tipo tramitaranse segundo o previsto no artigo 34 da Lei do solo.

Os usos permitidos serán vivenda unifamiliar (con posibilidade de anexos de tipo agrícola) e os de utilidade pública ou interese social que deben situarse no medio rural.

Prohíbese a vertedura libre en calquera uso.

En canto ás condicións estéticas, a composición será, en xeral, libre e nas zonas de protección paisaxística remitirase, ás normas estéticas específicas do devandito sector.

5.3. Normas específicas para os sectores de protección.

5.3.2. Solo de protección da paisaxe.

Neste solo observaranse as seguintes normas estéticas específicas:

5.3.2.1. Normas estéticas.

Non se autorizan edificios con longo superior a 50 m ou altura superior a 6 m salvo que se xustifique que, pola súa situación, non son visibles desde a N-634.

En canto aos materiais de fachada, recoméndanse as recebas e encalados, e para as cubertas lousa ou material de similar aspecto.

5.3.2.2. Puntos de protección especial.

Protexeranse especialmente:

a) Coa cualificación de edificio monumental:

O mosteiro dos Picos.

O pazo episcopal de Masma.

b) Con cualificación de paraxes protexidas:

A piscina e fervenzas da Fervenza, na Toxiza.

As covas do Rei Cintolo.

O Castro do Coto, concedendo especial atención aos mananciais e xacementos celtas.

Os edificios que se constrúan próximos a estes puntos necesitarán para a súa licenza o visto e prace da Comisión Municipal de Protección do Patrimonio Histórico-Artístico ou, mentres non se constitúa tal comisión, a persoa en que delegue o Pleno municipal.

...»

De acordo co establecido nas normas estéticas sinaladas, as casetas son de escasas dimensións (da orde de 11 m2), non superan os 50 m de longo nin os 6 m de altura e, como xa se indicou en puntos anteriores, intégranse perfectamente na contorna.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia, modificada, entre outras, pola Lei 15/2004, do 29 de decembro e, máis recentemente, pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, respecto ao réxime aplicable aos municipios con plan urbanístico non adaptado (que é o caso de Mondoñedo) ao solo clasificado polo plan vixente como non urbanizable ou rústico seralle de aplicación integramente o disposto na devandita lei para solo rústico.

A Lei 9/2002, no seu artigo 33, regula os usos e actividades posibles no solo rústico.

Entre eles inclúense os incluídos no punto:

«m) Infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos ou de produción de enerxía».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, atópase entre os usos relacionados no citado punto.

Os ditos usos, segundo o artigo 36 da Lei 9/2002, recentemente modificada pola Lei 2/2010, están permitidos por licenza municipal directa en solo rústico de especial protección ordinaria (categoría de solo con que se podería corresponder a cualificada como solo non urbanizable polas normas subsidiarias de Mondoñedo).

Segundo o artigo 38 da Lei 9/2002 (modificada pola Lei 2/2010) en solo rústico de interese paisaxístico (categoría a que podería equivaler a denominada solo non urbanizable de protección da paisaxe das normas subsidiarias do concello de Mondoñedo), a produción de enerxía é un uso autorizable pola Comunidade Autónoma a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio.

1.1.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal de Mondoñedo (plano I0045-21-PL 06).

Considérase conveniente propoñer modificacións á normativa urbanística vixente no municipio de Mondoñedo para compatibilizar o parque eólico singular de Mondoñedo proxectado cos usos de solo previstos naquela, posto que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o plan do termo municipal de Mondoñedo ou se adapte á lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano I0045-21-PL 06, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas conforme o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada, entre outras, pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, coa seguinte normativa:

1º. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola poligonal incluída no plano I0045-21-PL 06 destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento.

A área de afección do parque eólico singular de Mondoñedo ao dito concello é de 88.740 m2, é dicir, 8,87 ha.

2º. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar, ademais de coa correspondente resolución ambiental de acordo co previsto na lexislación vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas establecida nas zonas de afección.

3º. Condicións estéticas.

As instalacións proxectadas deberán adaptarse ao ambiente en que se sitúen.

As casetas son prefabricadas, polo que a obra civil é mínima e o movemento de terras e a afección ao terreo son reducidas, tanto na fase de obra como na de desmantelamento.

O uso a que se dedicarán as casetas (uso autorizable) impide a súa adaptación total á tipoloxía tradicional da contorna (vivendas unifamiliares). Aínda así, búscase minimizar o impacto coa contorna e a menor ocupación posible do terreo.

Os aeroxeradores serán de cor gris clara ou similar e acabamento semimate sen arestas vivas nin superficies metálicas reflectoras.

Procederase á revexetación dos noiros, plataformas, cunetas e todas as zonas afectadas polas obras coas especies propias da zona.

4º. Condicións de servizo.

De acordo co previsto no artigo 42.1 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a Lei 15/2004, que a modifica, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver, á súa custa, os servizos de:

Acceso rodado.

Abastecemento de auga.

Saneamento e depuración.

Enerxía eléctrica.

Dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

5º. Limitacións de uso.

As áreas de pleno dominio defínense como aquelas áreas que despois da construción do parque non poderán ser utilizadas polos propietarios dos terreos. É o caso dos terreos afectados polas plataformas e os dous aeroxeradores.

As áreas en réxime de servidume, caso das zonas correspondentes ás vías, ao voo dos aeroxeradores e ás gabias de cableame, teñen as seguintes limitacións ao dominio:

1) Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2) Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar calquera acto que poida danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

3) Manter, renovar ou reparar as instalacións.

4) Prohibición de plantar árbores de gran tamaño a menos de 37 metros de cada aeroxerador.

5) Prohibición de levantar edificacións nas zonas de afección dos aeroxeradores.

1.2. Relación co planeamento municipal de Abadín.

1.2.1. Adecuación ao planeamento municipal de Abadín (plano I0045-21- PL 07).

O Concello de Abadín só dispón de delimitación de solo urbano (D.S.U. 24.1.1992), que neste caso non se vería afectado, polos que resultan de aplicación as Normas complementarias e subsidiarias de plan provincial de Lugo.

A infraestrutura asociada ao parque eólico só afecta o Concello de Abadín con ampliacións de raios de curvatura e pequenas melloras dunha vía xa existente.

A superficie ocupada polas instalacións do parque eólico singular no concello de Abadín é de 657,57 m2 (0,0657 ha), superficie que se corresponde co acondicionamento de vías existentes. Respecto da superficie total da área de afección urbanístico-territorial de 3,65 ha, a afección a este concello redúcese a un 2 %.

No artigo 24 das Normas subsidiarias provinciais, Ordenanza reguladora de solo non urbanizable común, no seu número 6, recóllese como uso permitido o de construcións de utilidade pública ou interese social; e na alínea i) prevese a construción para infraestruturas de produción e transporte de enerxía eléctrica, polo que o uso aquí proposto quedaría incluído.

Por outra banda, de acordo coa disposición adicional segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, nos municipios sen plan aplicarase o réxime de solo rústico establecido pola devandita lei.

De acordo co punto 3.2 da Circular informativa 2/2003, do 31 de xullo, sobre o réxime de autorizacións en solo rústico, nos municipios sen plan urbanístico municipal aplícase o réxime de solo rústico establecido pola Lei 9/2002 aos terreos sen condición de solo urbano ou no ámbito de núcleos rurais, como é o caso dos terreos afectados polo parque eólico singular no concello de Abadín.

Polas súas características de uso, o solo afectado polo proxecto no concello de Abadín, segundo o artigo 32, categorías, da Lei 9/2002, e modificacións, cabe cualificarse como (ver plano I0045-21-PL 07):

Solo rústico de protección agropecuaria constituído polos terreos de alta produtividade agrícola ou gandeira, posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou polas propias características ou potencialidade dos terreos ou das zonas onde se achen, así como polo terreos obxecto de concentración parcelaria a partir da entrada en vigor da Lei 9/2002 e polos terreos concentrados con resolución firme producida nos dez anos anteriores a esta data, agás que deban ser incluídos na categoría de solo rústico de protección forestal. Con todo, o plan xeral poderá excluír xustificadamente desta categoría os ámbitos lindeiros sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais que resulten necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, que serán clasificados como solo urbanizable ou incluídos na área de expansión dos núcleos rurais, respectivamente.

Como se indica noutros puntos do presente documento, o concello de Abadín verase afectado pola necesidade de ampliación e mellora de pequenos tramos dunha vía existente. Trátase dunha vía de concentración parcelaria nunha zona de explotacións agrícolas, de aí a clasificación de solo elixida.

A Lei 9/2002, no seu artigo 33 regula os usos e actividades posibles no solo rústico.

Entre eles inclúense os recolleitos no punto:

«m) Infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos ou de produción de enerxía».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, atópase entre os usos relacionados no último punto.

En solo rústico de especial protección agropecuaria, de acordo co artigo 37 da Lei 9/2002, recentemente modificada pola Lei 2/2010, a produción de enerxía é un uso permitido por licenza municipal directa.

1.2.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal de Abadín
(plano I0045-21-PL 08).

Considérase conveniente propoñer modificacións á normativa urbanística vixente no municipio de Abadín para compatibilizar o parque eólico singular de Mondoñedo proxectado cos usos de solo previstos nela, posto que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o plan do termo municipal de Abadín, ou se adapte á lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano I0045-21-PL 08 cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas conforme o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia, modificada, entre outras, pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, coa seguinte normativa:

1º. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada no plano I0045-21-PL 08 destinadas á instalación dun sistema xeral de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento. A área de afección do parque eólico de Mondoñedo no concello de Abadín é de 657,57 m2.

Esta poligonal de 657,57 m2 queda contida no termo municipal de Abadín segundo a delimitación reflectida na follas 1:5.000 nº 24 6-2, 24 6-3 e 24 7-2, da Dirección Xeral de Urbanismo, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

2º. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar, ademais de coa correspondente resolución ambiental de acordo co previsto na lexislación vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas.

3º. Limitacións de uso.

As áreas en réxime de servidume, como é o caso que nos ocupa, teñen as seguintes limitacións ao dominio:

1) Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2) Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar calquera acto que poida danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

3) Manter, renovar ou reparar as instalacións.

1.3. Prazo.

A adecuación do plan urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse con:

A redacción do planeamento urbanístico municipal.

A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

A adaptación do planeamento á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e á Lei 15/2004, do 29 de decembro, que a modifica.

1.4. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecue o plan municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da Lei 9/2002, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao amparo da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no plan sectorial eólico de Galicia aprobado polo Consello da Xunta do 1 de outubro de 1997 (DOG do 15 de novembro), e na súa modificación aprobada polo Consello da Xunta no 5 de decembro de 2002 (DOG do 3 de xaneiro de 2003) e de conformidade co establecido na disposición derogatoria da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, que modifica o texto da disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións do parque eólico singular de Mondoñedo.

En consecuencia, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no proxecto sectorial que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.