Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2017 Páx. 22452

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta do 10 de outubro de 2014 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico singular de Mondoñedo, promovido polo Concello de Mondoñedo nos concellos de Mondoñedo e Abadín (002-PES).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de outubro de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico singular de Mondoñedo, promovido polo Concello de Mondoñedo nos concellos de Mondoñedo e Abadín (002-PES), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico singular de Mondoñedo, promovido polo Concello de Mondoñedo nos concellos de Mondoñedo e Abadín (002-PES)

Examinado o expediente iniciado por solicitude do Concello de Mondoñedo (en diante o promotor) en relación coa autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico singular de Mondoñedo (en diante o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 14 de xullo de 2003 publicouse a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos singulares admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 29 de outubro de 2002 (DOG núm. 147, do 31 de xullo); nesta resolución incluíuse o parque eólico cunha potencia de 3 MW.

Segundo. O 21.2.2005, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 19.5.2006 a delegación provincial informou favorablemente o proxecto de execución do parque eólico.

Cuarto. O 13.6.2006 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu o informe sobre a cualificación ambiental do parque eólico, no cal se conclúe que non procede someter o proxecto ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais.

Quinto. Por Resolución do 19 de xullo de 2006, da Delegación Provincial de Lugo sometéronse a información pública para autorización, declaración, en concreto, de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución as instalacións do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10 de agosto de 2006 e no Boletín Oficial da provincia de Lugo e no xornal El Progreso, ambos do 9 de agosto. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da dita delegación provincial e dos concellos afectados (Mondoñedo e Abadín).

Durante o período de información pública recibiuse unha única alegación presentada por Jesús Candía Rubiños o 17.8.2006.

Sexto. O 22.2.2007 e o 19.10.2009 o Servizo de Enerxía e Minas de Lugo certificou que a área do parque eólico se encontraba afectada polo permiso de investigación Togiza, nº 5531.

Sétimo. O 9.4.2007 a delegación provincial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para a continuación do procedemento.

Oitavo. O 19.11.2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas acordou abrir o trámite de compatibilidade entre os distintos aproveitamentos concorrentes no espazo territorial proxectado para o parque eólico.

Noveno. O 15.2.2010 a Subdirección Xeral de Recursos Minerais emitiu o informe sobre o expediente de compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros da provincia de Lugo.

Décimo. O 14.11.2011 a Consellería de Economía e Industria declarou a caducidade das 115 cuadrículas mineiras do permiso de investigación Togiza, nº 5531.

Décimo primeiro. O 12.4.2012 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emtiu informe favorable ao estudo de avaliación do impacto ambiental do parque eólico.

Décimo segundo. O 23.6.2014 o Servizo de Montes de Lugo emitiu o informe ao que fai referencia o artigo 31.2 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 31.2 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, aplicable ao presente procedemento en virtude da disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Orde do 29 de outubro de 2002 pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos singulares, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación co dereito mineiro afectado polo parque eólico (permiso de investigación Togiza, nº 5531), e tal e como figura no antecedente de feito noveno, o 15.2.2010 a Subdirección Xeral de Recursos Minerais emitiu o informe sobre o expediente de compatibilidade. Neste informe concluíase que «(...) non existiría interferencia entre a instalación do parque eólico Mondoñedo e o permiso de investigación, xa que, aínda que non está declarada a caducidade deste, produciuse por teren expirado os prazos da súa vixencia, polo que tan só restaría a súa declaración».

Posteriormente, o 14.11.2011 a Consellería de Economía e Industria declarou a caducidade das 115 cuadrículas mineiras do dito permiso de investigación.

En vista do anterior, non procede declarar a compatibilidade dos aproveitamentos eólico e mineiro, unha vez que este último está caducado.

Cuarto. Con respecto á alegación presentada durante o período de información pública por Jesús Candía Rubiños, en que manifesta que a parcela nº 40 do parcelario do proxecto non é súa e que o 23.9.2005 asinou un acordo coa sociedade Norvento sobre parcelas da súa propiedade afectadas, entre elas a 39 e a 41 do dito parcelario, tomouse razón da dita alegación e excluíuse o alegante das comunicacións correspondentes á parcela referida.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte acordo:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico singular de Mondoñedo, promovido polo Concello de Mondoñedo nos concellos de Mondoñedo e Abadín, cunha potencia de 3 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico singular de Mondoñedo asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro, colexiado nº 985/201, e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI o 14.2.2005 co número de visado 0424/05. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Concello de Mondoñedo.

Domicilio social: praza do Concello, 1, 27740 Mondoñedo (Lugo).

Denominación: parque eólico singular de Mondoñedo.

Potencia instalada: 3 MW.

Concellos afectados: Mondoñedo e Abadín (Lugo).

Produción anual: 9.600 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 2.337.892,96 euros.

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

MONDOÑ-1

626.783

4.808.946

MONDOÑ-2

627.385

4.808.590

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores tipo Ecotecnia-74 de 1.500 kW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 70 m e diámetro de rotor de 74 m.

– 2 centros de transformación de 2.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente no interior da torre de cada aeroxerador e as correspondentes celas de protección e manobra.

– Rede colectora soterrada a 20 kV de interconexión dos aeroxeradores e destes coa caseta en que se instalarán as correspondentes celas de medida, protección, liña e de transformador de servizos auxiliares.

– Transformador de servizos auxiliares trifásico de 50 kVA, con relación de transformación 20 kV ± 2,5 % ± 5 % / 0,380-0,220 kV.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, o promotor ou entidade beneficiaria constituirá, de acordo co establecido no artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, modificado pola Lei 4/2014, do 8 de maio, unha fianza polo importe de 46.757,86 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro.

2. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor ou entidade beneficiaria constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, una fianza para garantir o cumprimento da obriga de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 17.534 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa exixencia, unha vez depositado o importe correspondente ao aval de restauración en fase de desmantelamento que oportunamente se fixe, conforme o artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas no informe de cualificación ambiental emitido o 13.6.2006 pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

7. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben cando, intentada esta, non se puidese practicar.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.