Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 16007

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2017 pola que se publican as normas de funcionamento do Consello de Dirección desta axencia.

O 29 de decembro de 2016 o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aprobou as súas normas de funcionamento, ao abeiro do artigo 6.1.j) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O artigo 15.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, sinala que as normas de funcionamento dos órganos colexiados que diten resolucións que teñan efectos xurídicos fronte a terceiros deberán ser publicados no boletín ou diario oficial da Administración pública en que se integran.

De conformidade coas facultades que teño conferidas en virtude do artigo 10.2.a) do Regulamento da Agader, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 29 de decembro de 2016, polo que se aproban as normas de funcionamento do Consello de Dirección.

O citado acordo incorpórase a esta resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 29 de decembro de 2016, polo que se aproban as normas de funcionamento do Consello de Dirección.

Ao abeiro do artigo 6.1.j) do Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que se aprobou polo Decreto 79/2001, do 6 de abril, apróbanse as normas de funcionamento do Consello de Dirección:

Primeira. No caso de imposibilidade para asistir ás sesións do Consello de Dirección da Agader, os membros deste poderán delegar a súa representación noutro membro do Consello de Dirección.

Segunda. Cando non exista o quórum necesario para a constitución do Consello de Dirección en primeira convocatoria, este constituirase en segunda convocatoria quince minutos despois da hora sinalada para a primeira. En segunda convocatoria quedará validamente constituído coa presenza da persoa titular da Presidencia e mais da Secretaría, ou de quen as substitúa, e da terceira parte dos seus membros.

Terceira. No suposto de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario do Consello de Dirección, este será substituído polo membro asistente que, por proposta da persoa que desempeñe a Presidencia, os membros asistentes acorden ao inicio da reunión.

Cuarta. Estas normas de funcionamento do Consello de Dirección deixan sen efecto as aprobadas o 10 de outubro de 2005 e o 1 de marzo de 2007.