Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 16002

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2017 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Monterrei.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o 20 de marzo de 2017 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Monterrei a favor do Concello de Monterrei.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 20 de marzo de 2017 da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Monterrei que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO
Acordo do 20 de marzo de 2017 da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) polo que cede en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado no concello de Monterrei

A Agader é propietaria dun predio integrante dunha masa común, resultado dun procedemento de concentración o reeestruturación parcelaria.

O Concello de Monterrei solicitou a cesión do inmoble mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 6 de setembro de 2016 a presidenta da Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, do inmoble.

O 13 de setembro de 2016 a Subdirección de Mobilidade de Terras da Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 27 de setembro de 2016 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 19 de outubro de 2016 a Asesoría Xurídica emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 28 de decembro de 2016 a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 26 de decembro de 2016 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 29 de decembro de 2016 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11 de xullo de 2013 o Consello de Dirección da Agader delegou na persoa titular da Presidencia da Agader as competencias para o alleamento e a cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e despois da proposta do director xeral da Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Monterrei, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Monterrei, que se describe a seguir:

Parcela 209 do polígono 1 da zona de concentración parcelaria de Albarellos-Vilaza, no concello de Monterrei, cunha extensión superficial de vinte e tres áreas e cincuenta e sete centiáreas. Limita, norte con camiño; sur con zona excluída; leste con zona excluída, e oeste con María Mercedes Feijoo Sandoval (208).

Sobre esta parcela localízanse un pozo e dúas portarías de fútbol.

Referencia catastral: 32051B504002090000HA.

Titular catastral: a Sociedade Anónima Xestora Bantegal figura como titular catastral.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Verín, a nome da Sociedade Anónima Xestora Bantegal, tomo 828, libro 141, folio 206, número rexistral do predio 20.038, inscrición 1ª.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase á instalación dunha pista deportiva.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes nel que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións de que a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que o inmoble, as obras, as construcións e as instalacións sexan dun só titular (ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida). Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos á persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas cales se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no Rexistro da Propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for o caso, inscrita no Rexistro da Propiedade.

Todos os custos e impostos que se deriven da cesión serán por conta da persoa cesionaria, mesmo o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando, por tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan as que alude o artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno da Agader ou funcionario en quen delegue, e deben constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. A Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.