Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 15997

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2017 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Santiago de Compostela.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), adoptou o 20.3.2017 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Santiago de Compostela a favor do Concello de Santiago de Compostela.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 20 de marzo de 2017, da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Santiago de Compostela que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO
Acordo do 20 de marzo de 2017 da presidenta da Axencia Galega
de Desenvolvemento Rural (Agader) polo que se cede en propiedade
mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado
no concello de Santiago de Compostela

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é propietaria dun predio integrante dunha masa común, resultado dun procedemento de concentración o reestruturación parcelaria.

O Concello de Santiago de Compostela solicitou a cesión do inmoble, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 17.6.2016 a presidenta de Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto do inmoble.

O 7.7.2016 a Subdirección de Mobilidade de Terras de Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 22.7.2016 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

A Asesoría Xurídica emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble.

O 26.12.2016 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 4.1.2017 a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 26.01.2017 o Consello da Xunta de Galicia, autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11.7.2013 o Consello de Dirección de Agader delegou na persoa titular da Presidencia de Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e logo da proposta do director xeral de Agader.

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Santiago de Compostela, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Santiago de Compostela, que se describe a continuación:

Parcela 906 do polígono 515 da zona de concentración parcelaria de Nemezo-Marantes, no concello de Santiago de Compostela, cunha extensión superficial de vinte e cinco áreas. Limita norte con Albino Vázquez Rodríguez (904), sur con Igrexa católica cemiterio parroquial de S. Vicente de Marantes (905) e camiño, leste con Igrexa católica cemiterio parroquial de S. Vicente de Marantes (905) e camiño, e oeste con Marcelino Vázquez Bello (907).

Sobre a parcela localízanse un parque infantil, unha fonte e muros intermedios.

Referencia catastral: 15079A515009060000FJ.

Titular catastral: masa común figura como titular catastral.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Santiago de Compostela nº 2, a nome de Comunidade Autónoma de Galicia, tomo 1226, libro 268, folio 198, nº rexistral predio 25.280, inscrición 1ª.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a zona de lecer.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes nel que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código Civil. No caso de obras, construcións e instalacións das cales a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que o inmoble, as obras, as construcións e as instalacións sexan dun só titular (ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida). Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. A persoa ceente debe remitir cada tres anos a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no Rexistro da Propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que estas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for o caso, inscrita no Rexistro da Propiedade.

Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán por conta da persoa cesionaria, incluso o Imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando polo tanto á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno de Agader, ou funcionario en quen delegue, e deberá constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.