Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 2017 Páx. 8314

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra

EDICTO (401/2016).

Sentenza número 161/2016.

En Pontevedra, 22 de novembro de 2016.

Vistos por min, Mª del Carmen Novoa Santás, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra, os autos de xuízo verbal seguidos co número 401/2016, en virtude de demanda interposta polo procurador Sr. Portela Leirós, en nome e representación da entidade BBVA Renting, S.A., fronte a Miguel Ángel García Fernández, en situación de rebeldía procesual, e sobre acción de reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O procurador Sr. Portela Leirós, en nome e representación da entidade BBVA Renting, S.A. promove o presente procedemento de xuízo verbal, e solicita que se dite sentenza pola que se condene a demandada ao pagamento á demandante da cantidade de 5.812 euros, xuros legais e custas do preito.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, emprazouse a demandada co fin de contestar a demanda, o que non verifica e foi declarada en rebeldía. Non se solicitou a celebración da vista por dilixencia do 16 de novembro de 2016, e quedaron os autos en poder de SSª pata ditar sentenza.

Terceiro. A presente sentenza dítase dentro do prazo de dez días a partir do seguinte desde a terminación da vista.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A parte demandante sobre a base do art. 1089 e concordantes do Código civil, exerce acción en reclamación da cantidade de 5.812 euros debida polo Sr. García e que deriva do contrato mercantil de arrendamento do 1 de setembro de 2008 (renting) nº 0609809635087126 por un prazo de 60 meses, cunha cota neta de 82,38 euros e bruta de 95,56 euros. Alega que a arrendataria incumpriu as súas obrigacións de pagamento e na actualidade debe a cantidade que é obxecto de reclamación.

Segundo. Ante a ausencia no xuízo do demandado, debemos empezar por expoñer que a súa rebeldía non implica, como sinalou reiterada xurisprudencia, e recolle o artigo 496.2 da LAC, unha avinza ás pretensións da demanda. En consecuencia, o demandante debe desenvolver actividade probatoria suficiente tendente a lograr o convencemento do xulgador e, en consecuencia, o éxito das súas pretensións. Dito o anterior, resulta igual de evidente que a inactividade do demandado e a súa ausencia no preito reducen en numerosas ocasións as posibilidades probatorias da parte reclamante, resultando inxusto que esta rebeldía prexudique a quen acode aos órganos xurisdicionais coa finalidade de solucionar unha controversia. A Sala Primeira do Tribunal Supremo do 19 de novembro de 2007 expón que «conforme reiterada doutrina desta Sala, a circunstancia de que a parte demandada non compareceu en prazo para contestar a demanda e que, por iso, foi declarada en situación de rebeldía procesual, non supón unha admisión dos feitos da demanda, nin exime a parte demandante da carga de acreditar aqueles en que se funde a súa pretensión, conforme as regras distributivas da carga da proba, do mesmo xeito que tampouco queda o tribunal sentenciador exonerado de examinar e valorar o material probatorio para formar a súa convicción acerca de tales feitos. A situación procesual da rebeldía do demandado non supón avinza, nin sequera admisión de feitos e non presenta outro alcance que o meramente preclusivo e o da forma das notificacións –artigos 281 a 283– e a posibilidade brindada ao demandante de solicitar a medida cautelar. Xa o Tribunal Supremo ten declarado que non implica avinza, nin libera o demandante de probar os feitos constitutivos da súa pretensión, que subsiste na demandante o onus probandi, e o silencio da rebelde non significa confesión dos feitos da demanda. Esta regra procesual foi recollida de forma positiva na nova LAC, cuxo artigo 496.2 establece que “a declaración de rebeldía non será considerada como violación nin como admisión dos feitos da demanda, salvo os casos en que a lei expresamente dispoña o contrario”. Non hai, para o caso de autos, previsión legal que estableza o efecto propugnado pola recorrente, polo que se debe aplicar a regra xeral e rexeitar de plano a pretendida admisión dos feitos da demanda, que facilitaría a esta o camiño para conseguir a estimación da súa reclamación económica».

Terceiro. Estamos ante un contrato, o que vincula ambas as partes, complexo e en principio atípico, rexido polas súas específicas disposicións e de contido non uniforme, que xurisprudencialmente é conceptuado como un contrato con base nos principios de autonomía negocial e da liberdade que proclama o artigo 1.255 do Código civil (S. do 26 de xuño de 1989), que, ademais, nada ten que ver nin coa compravenda a prazos, nin co préstamo de financiamento a comprador (Sentenzas do 14 de decembro de 2004, 4 de abril de 2002 e 19 de xullo de 1999), figuras coas cales ás veces foi confundido, xa que a finalidade dos contratos de aluguer que nos ocupa, é dicir, a súa función económica, que constitúe a súa causa, non é outra que permitir aos empresarios que non teñen liquidez ou medios financeiros para adquirir, desde un principio, a propiedade de bens mobles ou inmobles, gozar deles obtendo a cesión do seu uso, unha vez que foron adquiridos para a devandita finalidade, segundo as especificacións do futuro usuario, por unha entidade financeira, a cal, á marxe dos beneficios fiscais que se lles recoñeceron desde a Lei 26/1988 do 29 de xullo, de disciplina e intervención das entidades de crédito, na súa disposición adicional sétima, se constitúe a cambio en acredora dunha contraprestación que debe pagar o arrendatario financeiro, consistente no aboamento periódico de cotas.

No presente caso a parte demandante achega coa súa demanda os documentos en que basea a súa pretensión; así, contrato de renting subscrito con data do 1 de setembro de 2008 polo que a demandante arrenda ao demandado, por un período de 60 meses, o uso e goce das máquinas Vending Jofemar Goya 8 NRO, de serie 7938 e certificado de conformidade co material, así como burofax en que lle comunica e reclama ao demandado a débeda. Estes documentos propios do tráfico mercantil e habituais neste tipo de operacións non foron impugnados de contrario e por iso adquiren plena forza probatoria polo que debe de ser estimada a demanda na súa integridade tendo en conta que consta o cumprimento pola entidade demandante, e o incumprimento da obrigación de pagamento, na cantidade reclamada por parte do demandado (art. 217 LAC).

Cuarto. En canto ás custas causadas, é de aplicación o artigo 394 da LAC; deben impoñerse á demandada, ao ser a sentenza integramente estimatoria das pretensións da demanda.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolución:

SS.ª acorda estimar integramente a demanda interposta polo procurador Sr. Portela Leirós, en nome e representación da entidade BBVA Renting, S.A., e condenar o demandado, Miguel Ángel García Fernández, a aboar á demandante a cantidade de 5.812,00 euros, xuros legais e custas do preito.

Así, por esta sentenza, que non é firme, e contra a cal poderá interpoñerse recurso de apelación ante este mesmo xulgado no prazo de vinte días, logo de constitución de depósito na forma e contía prevista na Lei 1/2009 do 3 de novembro, mándao e asínao Mª del Carmen Novoa Santás, maxistrada xuíza de primeira instancia deste xulgado. Dou fe.