Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2017 Páx. 5689

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 18 de xaneiro de 2017 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Mos (Pontevedra).

O Concello de Mos eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación remitida polo Concello de Mos e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

No concello de Mos están actualmente en vigor as normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 23.1.1992, que foron obxecto de sete modificacións puntuais.

En desenvolvemento desas normas, aprobáronse dous plans parciais e un plan especial:

– Plan parcial de San Eleuterio (AD 15.7.1992).

– Plan parcial de Santiaguiño-Arrufana-Louredo (AD 31.1.2000).

– Plan especial de infraestruturas no entorno da área educativa e recreativa de Petelos (AD 7.11.1997).

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O termo municipal de Mos está afectado polos seguintes proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal:

– Proxecto sectorial do gasoduto Vilalba-Tui (AD 26.9.1996. DOG 23.10.1996).

– LAT 220 kV Sub.Pazos-LAT Atios/Mos. Modificación nº 1 (AD 14.11.2002. DOG 4.2.2003).

– Parque empresarial de Mos (AD 19.4.2007. DOG 4.5.2007).

– Modificación puntual do Proxecto sectorial e do Proxecto de urbanización do parque empresarial de Mos (AD 19.11.2009. DOG 3.12.2009).

I.3. Tramitación.

1. Ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 23.5.2012 informe previo á aprobación inicial do PXOM de Mos.

2. Na sesión do 25.10.2012, o Concello acordou aprobar inicialmente o PXOM e sometelo a información pública mediante anuncios no DOG do 9.11.2012 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 10.11.2012; deuse audiencia aos concellos limítrofes e solicitáronse informes aos distintos organismos de carácter sectorial.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM mediante Resolución do 9.12.2015 (DOG 5.1.2016).

4. Con data do 30.12.2015, o Concello acordou aprobar provisionalmente o PXOM e someter o expediente ao órgano autonómico para a súa aprobación definitiva, despois dos informes da Intervención e Secretaría municipais do 14.12.2015.

5. O 19.1.2016, conforme o artigo 85.7 da LOUG, tivo entrada o PXOM de Mos solicitando a súa aprobación definitiva. Formuláronse requirimentos de integridade documental o 3.2.2016, 3.3.2016, 22.4.2016 e 12.5.2016. O Concello achegou documentación complementaria en datas 8.2.2016, 16.3.2016, 7.4.2016, 28.6.2016, 2.8.2016, 9.8.2016, 22.8.2016 e o 26.9.2016.

6. Mediante Orde do 24.10.2016, a CMAOT resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM do concello de Mos, sinalando as deficiencias que se debían emendar.

7. O plan xeral, coas modificacións resultantes da Orde do 24.10.2016, foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 2.12.2016. Constan informes municipais do arquitecto e a enxeñeira (16.11.2016); da Intervención (22.11.2016); e da Secretaría (24.11.2016).

8. Constan no expediente convenios de planeamento asinados para os ámbitos A-1-R01/A-1-R02 e A-4-R05; os sectores SUDR-06, SUDI-01, SUDI-02 e SUDI-09; e o SX-DC-13. Observadas algunhas discrepancias entre os datos das fichas anexas aos distintos convenios e as fichas do PXOM aprobado polo Pleno do 2.12.2016, en todo caso prevalecerán os datos do PXOM, con base no estipulado no artigo 233.3 da LOUG.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación do PXOM de Mos, redactada por Barcovi, S.L. datada en novembro de 2016 e con dilixencia de aprobación provisional do 2.12.2016, púidose verificar o cumprimento das deficiencias sinaladas na Orde da CMAOT do 24.10.2016.

En todo caso, cómpre formular as seguintes consideracións:

II.1. Informes sectoriais.

En relación co informe do Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís de agosto 2013, os planos de clasificación 1:5000 recollen a liña límite de edificación do sistema ferroviario. Nos solos urbanizables, a liña límite da edificación situarase a 50 m da aresta exterior máis próxima á plataforma (en vez de a 20 m).

O informe favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil do 15.4.2014 está condicionado á obriga de solicitar novo informe no desenvolvemento dos solos urbanos non consolidados e dos solos urbanizables e deben constar nas fichas deses ámbitos.

Conforme o informe do Instituto Xeográfico Nacional do 7.12.2012, o límite grafado nos planos de ordenación do PXOM, identificado como límite do IXN, será para todos os efectos o límite administrativo oficial do termo municipal.

II.2. Determinacións do solo urbano.

Conforme o establecido no artigo 12.b) da LOUG, nas zonas de solo urbano consolidado sinaladas na Orde do 24.10.2016, o PXOM prevé unha serie de actuacións, identificadas nos planos de infraestruturas programadas como IB-A/S, que completan as infraestruturas básicas de abastecemento e saneamento e se cuantifican como parte dos sistemas xerais previstos, cando deben ser promovidas polo propio municipio ao abeiro do artigo 124 da LOUG. Entre esas actuacións, incluirase a prevista na rede de saneamento na zona de ordenanza 4 en Campo de Eiró.

II.3. Normativa.

O capítulo V do título I relativo á intervención municipal na edificación e uso do solo, debe adaptarse á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica en Galicia.

O contido do artigo 4.5.9 (sistemas locais nos núcleos rurais) axustarase ao disposto no artigo 93 da LOUG.

As condicións de parcelación do artigo 4.7.1 (solos rústicos afectados por estradas de titularidade autonómica) adaptaranse ao artigo 206 da LOUG.

II.4. Estratexia de actuación e estudo económico.

O sistema de concerto que se prevé para a obtención do SX-DC-13 Atín de 12.522 m² non se axusta aos métodos previstos no artigo 166 da LOUG para o solo rústico. Do convenio urbanístico xuntado resulta a cesión de 10.910 m², e quedan por definir a obtención dos 1.612 m² restantes.

As infraestruturas programadas IB-A4 e IB-S2, grafadas no contorno do núcleo rural da Rúa, non constan no estudo económico.

II.5. Cuestións de índole documental.

A memoria xustificativa referirase ao cumprimento da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade (en vez da Lei 8/1997, xa derrogada). Actualizarase a xustificación sobre o cumprimento da lexislación sobre barreiras arquitectónicas e urbanísticas.

Non consta a superficie do SX-INF-06 Ponte Reguengo.

Falta o plano de ordenación 1:2000 e a ortofoto do núcleo do Castro (Mos).

Incorporaranse na normativa as condicións sinaladas no informe favorable da Secretaría de Estado de Telecomunicacións do 1.6.2016.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no artigo 10.1.b) do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3.4 e coas disposicións adicional 10ª e transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal de Mos, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Mos, 18 de xaneiro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio