Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2017 Páx. 2705

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2017 pola que se convoca concurso de méritos para a provisión de postos de responsabilidade reservados ao persoal laboral de administración e servizos.

Existindo na relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo prazas vacantes dotadas orzamentariamente e cuxa provisión se considera necesaria, esta reitoría, en uso das competencias que ten atribuídas, logo de negociación coas organizacións sindicais, resolve convocar concurso de méritos para a provisión dos postos de responsabilidade que figuran na vixente relación de postos de traballo, reservados aos grupos I, II ou III e que se especifican no anexo I desta resolución, de conformidade coas seguintes bases:

1. Requisitos de participación.

1.1. Poderá participar o persoal laboral fixo de administración e servizos da Universidade de Vigo en servizo activo ou excedencia, que pertenza á mesma categoría profesional que a das prazas para prover, segundo o que se indica no anexo I. Non poderá participar o persoal suspenso en firme mentres dure a suspensión.

1.2. O persoal en excedencia voluntaria deberá presentar xunto coa solicitude unha declaración de non ter sido separado de calquera Administración nin estar inhabilitado para o emprego público.

1.3. Cumprindo os requisitos anteriores, tamén poderá participar o persoal laboral fixo daquelas administracións coas que a Universidade de Vigo teña asinado un convenio de reciprocidade.

1.4. Os requisitos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Solicitudes e documentación.

2.1. As persoas interesadas deben presentar a súa solicitude axustada ao modelo que figura como anexo III, dirixíndoa ao reitor da Universidade de Vigo dentro do prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes de participación poderán presentarse nos rexistros xeral ou auxiliares desta universidade, ou segundo o previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2.2. Os requisitos e os méritos deberán posuírse e estar referidos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e deben acreditarse documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

2.3. A Universidade de Vigo expedirá de oficio e consonte a documentación que conste no respectivo expediente persoal unha certificación dos méritos enumerados na parte I do anexo II, a cal remitirá á Comisión de Valoración e unha copia á persoa interesada.

A valoración dos restantes méritos efectuarase exclusivamente sobre a documentación acreditativa achegada por cada concursante. Os servizos prestados fóra da Universidade de Vigo deberán xustificarse mediante unha certificación na cal, como mínimo, conste a denominación do posto, a clasificación profesional, as principais tarefas, funcións e/ou actividades exercidas e as datas.

2.4. As solicitudes serán vinculantes para o/a peticionario/a e non se admitirán renuncias ás solicitudes formuladas unha vez transcorrido o prazo de presentación establecido. No suposto de solicitar máis dun posto, deberá indicarse.

2.5. Logo de transcorrer o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará unha resolución que se publicará no taboleiro de anuncios do rexistro xeral na cal se declarará aprobada a relación provisional de concursantes admitidos/as e excluídos/as, con expresión das causas que motivaran a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de sete días hábiles, contados a partir do seguinte ao da devandita publicación. Esta resolución tamén se publicará nos taboleiros de anuncios dos rexistros auxiliares e na páxina electrónica http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/internas/laboral/meritos.html, tendo en conta que, para os efectos de notificación e de cómputo de prazos, o taboleiro de anuncios do rexistro xeral é o único válido.

2.6. As persoas concursantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión xustificando o seu dereito a seren incluídas, serán definitivamente excluídas do concurso na resolución reitoral pola que se declare aprobada a relación definitiva de concursantes admitidos e excluídos, que se publicará nos lugares citados.

3. Comisión de Valoración.

3.1. Os méritos serán valorados por unha comisión que terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón do servizo, que estará integrada polos seguintes membros, todos con voz e voto:

Presidente: Manuel Fernández Jáuregui, xerente da Universidade de Vigo.

Vogais:

– Juan Aguiar Fernández, director da Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións da Universidade de Vigo.

– Carmen del Rosario Serra Rodríguez, técnica superior de Microscopia Electrónica da Universidade de Vigo.

– Jorge Millos Alfeirán, técnico superior de Análise Instrumental da Universidade de Vigo.

Secretaria: Margarita González Hernández, xefa da Sección de Emprego e Programas da Universidade de Vigo.

3.2. A Comisión actuará e adoptará os seus acordos consonte o establecido na Lei 39/2015 e poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores para aquelas tarefas que o requiran, que serán nomeados polo reitor.

3.3. Ademais de avaliar os méritos, corresponderalle interpretar as presentes bases e resolver as incidencias que se presenten no desenvolvemento do procedemento; tamén poderá solicitar as aclaracións e a documentación adicional que considere necesarias.

4. Desenvolvemento e resolución do concurso.

4.1. A Comisión de Valoración publicará a proposta provisional de adxudicación de destinos nos lugares previstos na base 2.5 e establecerase un prazo de 7 días naturais a partir do seguinte ao da publicación para consultar o expediente e formular reclamacións ante aquela. Unha vez resoltas, a Comisión remitirá a proposta definitiva ao reitor, que ditará e publicará a correspondente resolución.

4.2. A resolución do concurso motivarase con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e a estas bases. En todo caso, deberán quedar acreditados no procedemento, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido, a valoración dos méritos e as puntuacións acadadas.

4.3. Os destinos adxudicados serán irrenunciables e os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios, polo que non darán dereito a ningún tipo de indemnización.

4.4. Os actos de execución do concurso, incluíndo os prazos de cesamento e incorporación aos novos destinos, serán determinados por resolución xerencial.

4.5. O concurso deberá resolverse nun prazo máximo de seis meses, contados desde a publicación da relación definitiva de aspirantes.

4.6. Os actos derivados desta convocatoria poderán ser impugnados de acordo co previsto na Lei 39/2015.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 4 de xaneiro de 2017

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

T.S.: Técnico superior.

T.M.: Técnico medio.

T.E.: Técnico especialista.

Posto

Categoría

Oficina de I+D

Área de Promoción-Responsable

T.S. de I+D

Área de Valorización-Responsable

T.S. de I+D

Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

– Área de atención a usuarios e equipos persoais

T.E. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable

T.E. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

– Área de soporte á xestión e integración de aplicacións

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable de aplicacións académicas

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable de aplicacións de desenvolvemento e integración

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable de aplicacións de investigación

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable de aplicacións de recursos humanos

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

T.M. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable de ámbito económico

T.M. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

– Área de Operacións

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable de comunicacións

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable de infraestruturas e seguridade

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións-Responsable de servidores de datos e sistemas

T.S. de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

Servizo de Prevención

T.S. de Prevención de Riscos Laborais-Responsable

T.S. de Prevención de Riscos Laborais

Centros de Ciencias Experimentais

Responsable

T.E. de Bioloxía

T.E. de Física

T.E. de Nefelometría e Susceptibilidade Magnética

T.E. de Química (1)

Centros Tecnolóxicos

Responsable

T.E. de Automatización Industrial

T.E. de Electrónica

T.E. de Máquinas Ferramentas

T.E. de Mecánica

T.E. de Mecanizado de Alto Baleiro e P.C.O.

T.E. de Química (2)

E.S.E. Informática-Facultade de Ciencias

Responsable

T.E. de Análise de los Alimentos

T.E. de Física

T.E. de Química

Facultade de Belas Artes

Responsable

T.E. de Medios Audiovisuais

T.E. de Taller de Belas Artes

T.E. de Taller Técnicas Escultóricas e Pictóricas

T.E. de Técnicas de Artes Gráficas

(1) Agás o persoal actualmente adscrito ao Departamento T04

(2) Persoal actualmente adscrito ao Departamento T04

ANEXO II
Valoración de méritos

I. Experiencia profesional. Valorarase cun máximo de 45 puntos.

1. Servizos prestados na mesma ou equivalente categoría nas universidades públicas de Galicia, a razón de 0,125 puntos por mes completo. Terá a mesma consideración a experiencia en categorías equivalentes e nas existentes con carácter previo á transformación no caso da área de servizos xerais e bibliotecas, na Universidade de Vigo.

Ao persoal que, por mor dos procesos de transformación das categorías de auxiliar técnico de bibliotecas, conserxe e auxiliar de servizos de técnico especialista de bibliotecas, técnico especialista de servizos xerais e auxiliar técnico de servizos xerais, respectivamente, estivese ou fose contratado a partir do 16 de marzo de 2001 nas categorías declaradas a extinguir, computaráselle este período como prestado na nova categoría.

2. Servizos prestados en distinta categoría nas universidades públicas de Galicia. Máximo de 10 puntos, a razón de 0,042 puntos por mes completo.

3. Servizos prestados na mesma ou equivalente categoría noutras entidades públicas, a razón de 0,025 puntos por mes completo.

II. Formación. Valorarase cun máximo de 25 puntos.

a) Titulación de carácter y validez oficial (así como títulos propios da Universidade de Vigo): asignaranse 10 puntos. Valorarase unha única titulación.

– Grupo III: por estar en posesión de diplomatura universitaria ou equivalente, grao, licenciado ou equivalente. A superación dos tres primeiros anos dunha licenciatura ou equivalente considerarase como unha diplomatura.

– Grupo II: por estar en posesión de grao, licenciado ou equivalente.

– Grupo I: por estar en posesión de estudos de doutoramento ou mestrado.

b) Programas de mobilidade para o PAS: Erasmus e Stella. Por cada estadía de duración superior a tres días, en distinto destino nos últimos 4 anos: 1 punto, ata un máximo de 3 puntos.

c) Actividades de formación impartidas ou recibidas en centros e organismos oficiais, directamente relacionadas coa categoría e as tarefas do posto.

Duración

Recibidas

Impartidas

Xerais

Específicas

Xerais

Específicas

De 10 a 29 horas

0,5

1,5

0,75

2,25

De 30 a 99 horas

1

3

1,5

4

De 100 a 249 horas

1,5

5

2,25

6,5

De 250 a 499 horas

2,5

7

3,75

8,5

De 500 ou máis horas

3

10

4,5

12

– Non se terán en conta as actividades de duración inferior a 100 horas concluídas antes do 31 de decembro de 2006.

– Valoraranse os cursos organizados ou homologados por calquera Administración pública, colexios oficiais e os impartidos por organizacións sindicais e empresariais, suficientemente acreditados dentro dos programas de formación continua.

– Non se valorarán cursos académicos completos nin por materias de forma illada, nin os cursos preparatorios ou integrantes de procesos de acceso ao emprego público.

– No caso de acreditar varios cursos sobre a mesma materia, só se terá en conta o de nivel superior e, de seren do mesmo nivel, o de maior duración. De acreditarse máis dun grao de coñecemento dun idioma, só se computará o superior.

– Terán carácter xeral (ademais dos que determine a comisión) os cursos de idiomas, materias relativas a procedemento administrativo e laboral, organización, xestión, atención ao público e tecnoloxías da información e comunicación, agás no caso de persoal desta área.

– Terán carácter específico os cursos que a Comisión considere que están directamente relacionados coas actividades que se desempeñen na área e funcións do posto.

III. Memoria. Valorarase cun máximo de 30 puntos. Deberá conter unha descrición detallada do posto, a partir da contida na relación de postos de traballo, e unha análise das características, tarefas, requisitos, condicións e medios necesarios, aspectos que deberá poñer en relación coa súa experiencia, traxectoria profesional, formación e competencias.

Tamén deberá incluír unha proposta de mellora organizativa e/ou funcional do posto e área en que se encadra, identificando os principais obxectivos que se desenvolverán nos dous anos seguintes e propoñendo para cada un deles polo menos dúas accións.

A memoria deberá expoñerse oralmente ante a Comisión de Valoración nun acto público e único para a totalidade de concursantes a un mesmo posto, para o que serán convocados cunha anticipación mínima de 3 días hábiles. O tempo máximo de exposición será de 30 minutos e a seguir deberán responder as preguntas que se lles formulen.

Terá unha extensión máxima de 12 folios, escritos por unha cara, a dobre espazo, letra Times New Roman e tamaño 12; deberá presentarse nun sobre de 36×26 cm, pechado e sen ningún tipo de identificación, no cal apareza só a cabeceira da Universidade de Vigo. Dentro deste sobre incluirase un segundo sobre pechado, coa cabeceira da Universidade de Vigo e tamén sen identificación, no cal a persoa aspirante indicará os seus datos persoais (nome e DNI). Deberá presentarse unha memoria por cada posto a que se concurse.

ANEXO III
Solicitude de participación

NOME E APELIDOS

DNI

CATEGORÍA

GRUPO DE PERTENZA

CENTRO/UNIDADE

LOCALIDADE

TELÉFONO E CORREO ELECTRÓNICO

POSTO/S SOLICITADO/S

A persoa abaixo asinante solicita ser admitida á convocatoria a que se refire esta instancia e DECLARA que son certos os datos consignados nela e que reúne as condicións requiridas especificamente por esta convocatoria, comprometéndose a probar documentalmente todos os datos que figuran nesta solicitude.

......................................., ….....................… de ............................................................... de 2017

(sinatura)

REITOR DA UNIVERSIDADE DE VIGO