Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2017 Páx. 1273

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO das bases para a prestación de servizos tributarios aos concellos da provincia.

Na sesión plenaria do día 30 de setembro de 2016, a Corporación Provincial acordou modificar o texto da base cuarta das bases para a prestación de servizos tributarios aos concellos da provincia.

No Boletín Oficial da provincia número 190, do 5 de outubro de 2016, publicouse o anuncio da apertura do prazo de reclamacións. O dito prazo rematou sen que se presentase ningunha, polo que o acordo se converteu en definitivo.

Procédese agora á publicación do texto íntegro das bases. A modificación acordada entrará en vigor o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial da provincia.

Bases para a prestación de servizos tributarios aos concellos da provincia

Primeira. Obxecto da delegación

A Deputación Provincial da Coruña asume, por delegación expresa, as competencias en materia tributaria que se concretan máis adiante, en relación con tributos, prezos públicos e outros ingresos de dereito público de carácter municipal, mediante a adhesión particular e expresa do Concello titular destes ás presentes bases.

Segunda. Réxime xurídico

O exercicio das competencias en materia tributaria delegadas polos concellos rexerase, en primeiro termo, polo disposto nas presentes bases e, ademais:

a) Pola Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais.

b) Pola Lei 230/1963, do 28 de decembro, xeral tributaria.

c) Polo Real decreto lexislativo 1091/1988, do 23 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral orzamentaria.

d) Pola Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

e) Polo Real decreto 1684/1990, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación.

f) Polo Real decreto 939/1986, do 25 de abril, polo que se aproba o Regulamento xeral da inspección dos tributos.

g) Pola Ordenanza fiscal xeral da Deputación Provincial da Coruña.

h) Polas normas específicas de cada recurso, se as ten.

i) Polas normas que desenvolvan, complementen ou modifiquen as anteriores.

j) Polas demais normas de obrigada aplicación á materia.

Terceira. Contido e alcance da delegación

1. Contido mínimo.

Os concellos que desexen delegar na Deputación competencias en materia tributaria terán que delegar, polo menos, as seguintes:

• Xestión e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre bens inmobles, tanto de natureza rústica como urbana, ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro.

• Xestión e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre actividades económicas ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro, así como a facultade para, de acordo co previsto no artigo 92 da Lei reguladora das facendas locais, solicitar da Administración tributaria do Estado a delegación das funcións de xestión censual e inspección, e establecer coa devandita Administración as oportunas fórmulas de colaboración en materia de inspección en relación con este mesmo imposto.

• Xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre vehículos de tracción mecánica ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro, salvo que o impidan compromisos ineludibles adquiridos con anterioridade polo concello ou este xestione o tributo directamente e non desexe delegalo.

2. Contido opcional.

Os concellos que deleguen o contido mínimo poderán, ademais, delegar na Deputación as seguintes outras competencias:

• A facultade, de acordo co previsto no artigo 78 da Lei reguladora das facendas locais, para establecer acordos ou convenios coa Administración tributaria do Estado en materia de colaboración e inspección en relación co imposto sobre bens inmobles.

• Xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana.

• Recadación voluntaria e executiva de taxas e prezos públicos de carácter periódico anual e notificación colectiva mediante padrón. O dito padrón anual poderá fraccionarse en dúas cotas semestrais, sempre que o concello titular da taxa ou prezo público recolla esta circunstancia na correspondente ordenanza fiscal municipal. En calquera caso, a determinación dos períodos de cobranza será competencia da Deputación.

• Recadación voluntaria e executiva das sancións municipais por infraccións da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, incluíndo a colaboración previa cos concellos para a identificación dos propietarios dos vehículos con que se cometeron as infraccións.

• Recadación en período executivo de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de dereito público de carácter non periódico ou de periodicidade inferior ao ano.

• Xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo ou voo das vías públicas, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministracións de interese xeral. A xestión que pode ser obxecto de delegación tanto pode afectar o suposto xeral do artigo 24 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, baseado no 1,5 % dos ingresos brutos obtidos no termo municipal, como o suposto especial da telefonía móbil.

• A liquidación, recadación e revisión tanto en período voluntario como en período executivo dos ingresos de dereito público resultantes da instrución dos expedientes de reintegro e sancionadores derivados do control financeiro, realizado pola Deputación como consecuencia da delegación desta función.

Durante o período de vixencia da delegación, os concellos que o desexen poderán ampliar o seu contido, dentro do marco establecido nesta base. Para iso, deberá seguirse o mesmo procedemento de tramitación utilizado inicialmente. Esta ampliación terá efectos desde a data da súa aceptación pola Deputación ata a finalización da vixencia da delegación inicial.

3. Alcance do exercicio das competencias delegadas.

A delegación de competencias suporá que a Deputación asumirá a totalidade das funcións e atribucións necesarias para levar a cabo o exercicio das competencias de xestión, inspección e recadación en cada caso.

En particular, será competencia da Deputación o exercicio das seguintes funcións:

• Tramitación, concesión e posterior seguimento de aprazamentos e/ou fraccionamentos de pagamento.

• Declaración de insolvencias e de créditos incobrables.

• Representación do concello nos procedementos xudiciais de quebra ou suspensión de pagamentos en que resulte afectado algún expediente executivo.

4. Avocación.

Os concellos poderán avocar para si, mediante comunicación escrita e razoada dirixida á Deputación, a tramitación de determinados expedientes recadatorios en curso, debido a circunstancias tales como a repercusión económico-social que a súa execución poida ter no municipio.

Neste suposto, a Deputación formulará data das liquidacións afectadas e quedará exenta de calquera responsabilidade que puidese producirse no futuro con respecto a elas. As ditas liquidacións non poderán ser cargadas de novo á Deputación para continuación do procedemento.

Cuarta. Colaboración dos concellos

De conformidade co disposto nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 8 da Lei reguladora das facendas locais, e co obxecto de facilitar o exercicio das competencias delegadas á Deputación, os concellos deberán prestar a esta a colaboración necesaria, especialmente nos seguintes aspectos:

• A localización de suxeitos pasivos, contribuíntes, obrigados ao pagamento ou debedores, certificando ou informando respecto da súa veciñanza ou non no termo municipal, a posesión ou carencia de bens e o exercicio ou non de actividades.

• Pór ao dispor dos servizos tributarios da Deputación os seus rexistros e bases de datos que conteñan información de interese tributario, respectando en todo caso o que establecen a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e as normas que a desenvolven.

• A exposición pública no taboleiro de anuncios do Concello e outros lugares de costume, dos edictos que se diten no exercicio das competencias delegadas.

• Informar dentro do prazo, nos expedientes de solicitude de aprazamento ou fraccionamento de pagamento e noutros en que se lles solicite.

Os concellos ou outros entes locais poderán formalizar convenios coa Deputación provincial co fin de colaborar con esta na inspección do imposto sobre actividades económicas e de calquera outro tributo ou ingreso de dereito público en que o ente local asuma entre outras funcións as de:

1) Colaborar, mediante traballos desenvolvidos por funcionario público, na realización de visitas de inspección tributaria e emisión de informes de tipo técnico, nas actuacións que o exixan, nos expedientes tramitados no marco do convenio de colaboración e sempre dentro das súas competencias, podendo desenvolver as tarefas non reservadas legalmente aos funcionarios mediante os contratos de servizos previstos na lexislación de contratos do sector público.

2) Estas funcións consistirán, entre outras, en propoñer actuacións á Deputación, recollida de documentación e información aos obrigados tributarios, control dos requirimentos non atendidos ou atendidos dun xeito incompleto ou incorrecto, actuacións no local onde se desenvolve a actividade, elaboración de modelos e realización de tarefas administrativas, informáticas, etc., baixo a dirección da unidade de inspección da Deputación ou do servizo provincial que corresponda.

Quinta. Subministración de información aos concellos

No primeiro semestre do exercicio seguinte, a Deputación enviará aos concellos os estados demostrativos da xestión recadatoria do exercicio anterior, para a súa conformidade ou reparos. A facturación e xustificantes que dan orixe aos estados demostrativos será posta ao dispor dos concellos para o seu exame nas oficinas centrais do Servizo de Recadación, dado o elevado volume da documentación; no entanto, por pedimento do concello interesado, poderanse facilitar copias en casos concretos.

Tamén se fará chegar anualmente aos concellos, ademais dos padróns dos impostos cuxa xestión estea delegada na Deputación, unha listaxe comprensiva das liquidacións de contraído previo e ingreso directo e de contraído simultáneo e das anulacións de liquidacións aprobadas.

A Deputación establecerá un procedemento informático que permita aos concellos que deleguen competencias tributarias facer un seguimento global da xestión que realicen os distintos servizos tributarios da Deputación, así como o acceso ás bases de datos dos devanditos servizos para obter a información individualizada que cada concello precise para o exercicio das súas funcións, todo iso dentro do marco definido pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, das normas xerais que a desenvolvan e da normativa específica que no seu cumprimento teña aprobada a propia deputación.

Sexta. Taxas por prestación de servizos delegados

As taxas que aboarán os concellos que deleguen competencias serán recollidas na ordenanza fiscal número 5 da Deputación. O seu importe non poderá superar os seguintes límites:

• O 5 % do importe das cotas recadadas en período voluntario.

• O 75 % do importe das recargas de constrinximento recadadas en período executivo.

• O 50 % do importe das sancións que deriven da xestión e inspección da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo ou voo das vías públicas, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministracións e interese xeral, recadadas en período voluntario e executivo. No caso de que os devanditos importes fosen recadados en período executivo, cobrarase tamén o 75 % das recargas do período executivo recadadas.

Sétima. Entregas á conta, liquidacións provisionais e liquidación anual da recadación

1. Entregas á conta.

A Deputación realizará entregas mensuais á conta da recadación de cada exercicio dos tributos comprendidos no contido mínimo da delegación, así como da taxa por recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos a aqueles concellos que deleguen a súa recadación.

O importe das entregas á conta será do 95 % da recadación no período voluntario das liquidacións de contraído previo e notificación colectiva por padrón estimada para o exercicio polos tributos arriba mencionados, repartido en once mensualidades. Para o cálculo da recadación estimada teranse en conta as circunstancias particulares de cada concello e concepto.

No caso de que a Deputación tivese que realizar operacións de tesouraría para atender ao pagamento das devanditas entregas á conta, observarase o disposto no artigo 149.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

2. Liquidacións provisionais.

Da recadación en período voluntario por liquidacións de contraído previo e ingreso directo, liquidacións de contraído simultáneo e autoliquidacións practicaranse liquidacións provisionais de periodicidade trimestral.

Coa mesma periodicidade, practicaranse liquidacións provisionais da recadación en período executivo.

3. Liquidación anual.

1. No mes de decembro, unha vez formalizados os ingresos en período voluntario procedentes das liquidacións de notificación colectiva, procederase a practicar un anticipo da liquidación anual.

2. No primeiro trimestre do exercicio seguinte, practicarase a liquidación anual e definitiva do exercicio anterior. O importe que se entregará a cada concello calcularase deducindo da recadación íntegra os seguintes importes:

• Entregas á conta, liquidacións provisionais e anticipo da liquidación definitiva.

• Devolucións de ingresos indebidos.

• Taxas por prestación dos servizos obxecto destas bases.

• Outros importes que procedan, relacionados coas competencias delegadas, debidamente xustificados.

Se a algún concello lle resultase unha liquidación definitiva con importe negativo, practicaránselle deducións nas posteriores entregas mensuais e anticipos da recadación.

Oitava. Vixencia da delegación

A delegación polos concellos de competencias en materia tributaria na Deputación Provincial da Coruña que se regula nestas bases entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2002 e terá un período de vixencia de 10 anos, contados a partir da dita data. No caso de que posteriormente algún concello acorde a súa adhesión ás presentes bases, o período de vixencia da delegación de competencias será igualmente de 10 anos, contados a partir da data de formalización do acordo e ata o 31 de decembro do ano en que se cumpra o dito período de vixencia.

Este prazo inicial de delegación poderá prorrogarse tacitamente por períodos iguais, se ningunha das partes comunica á outra, cun mínimo dun ano de antelación ao seu vencemento, o seu desexo de deixar sen efecto a delegación, o que deberá ser formalizado polo mesmo órgano e procedemento que levou a cabo a delegación.

Nos casos daqueles concellos que, na mencionada data do 1 de xaneiro de 2002, tivesen aínda en vigor convenios de delegación de competencias en materia tributaria coa Deputación e non acepten as presentes bases, seguiranse aplicando os ditos convenios, nos seus propios termos, ata a súa finalización.

No caso daqueles concellos que durante a vixencia das presentes bases acorden un novo período de delegación de dez anos contados a partir da fin da súa vixencia, deberán acordar esta modificación cos mesmos trámites e procedemento establecidos na base novena.

Cando o dito acordo de delegación sexa definitivo e, por tanto, estean cumpridos todos os trámites establecidos na devandita base novena, farase efectivo a partir do mes seguinte con relación ao concello ou concellos que así o acorden, o previsto na base sétima en canto a que a porcentaxe das entregas á conta pasará do 80 % ao 90 % da recadación estimada de acordo cos criterios da dita base.

A delegación da liquidación, recadación e revisión tanto en período voluntario como en período executivo dos ingresos de dereito público resultantes da delegación do control financeiro dos concellos e a correspondente instrución dos expedientes de reintegro e sancionadores derivados destes estará vixente mentres o estea a dita delegación do control financeiro na Deputación e mentres non se culminen os procedementos de recadación afectados.

Novena. Acordos de delegación e de aceptación

O procedemento para formalizar a delegación na Deputación as competencias e funcións que se detallan nas presentes bases será o seguinte:

1º. Acordo provisional de delegación de competencias, adoptado polo pleno do concello delegante.

2º. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia, abrindo un prazo mínimo de 30 días hábiles, para xeral coñecemento e presentación de alegacións.

3º. Acordo adoptado polo pleno do concello delegante, resolvendo as alegacións recibidas ou elevando a definitivo o acordo provisional se non hai ningunha.

4º. Traslado do acordo definitivo da delegación á Deputación, mediante certificación expedida polo secretario do concello delegante.

5º. Acordo adoptado polo Pleno da Deputación, aceptando a delegación se o acordo municipal se axusta ás presentes bases.

6º. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento, de acordo co previsto no artigo 7.2 da Lei reguladora das facendas locais.

Os acordos municipal de adhesión e provincial de aceptación da delegación deberán estar definitivamente aprobados antes do 1 de xaneiro de 2002 ou, se é o caso, do exercicio en que esta deba entrar en vigor, para posibilitar así a elaboración pola Deputación dos padróns dos tributos que se recadan por ese sistema.

Décima. Normas de desenvolvemento

Facúltase o presidente da Deputación para aprobar, mediante resolucións, as normas que sexan necesarias para o cumprimento e desenvolvemento das presentes bases.

A Coruña, 1 de decembro de 2016

Valentín González Formoso José Luis Almau Supervía

Presidente da Deputación Secretario xeral da Deputación

Provincial da Coruña Provincial da Coruña