Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Luns, 19 de decembro de 2016 Páx. 55074

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Red Eléctrica de España, S.A.U. as autorizacións administrativas previa e de construción e se recoñece, en concreto, a utilidade pública da instalación de transporte de enerxía eléctrica cuxo proxecto leva por título Instalación CT abonado LAMT e LSMT a 20 kV para servizos auxiliares de SE Regoelle, nos concellos de Vimianzo e Dumbría, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2015/002-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (en diante, REE), con enderezo para os efectos de notificación en Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 29 de agosto de 2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou administrativamente, se aprobou o proxecto de execución e se declarou a utilidade pública, en concreto, da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada subestación Regoelle 220 kV, situada no termo municipal de Dumbría (A Coruña) e promovida por REE (expediente IN407A 2009/299-1).

Segundo. O 19 de decembro de 2014 a empresa REE presentou a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada instalación CT abonado LAMT e LSMT a 20 kV para servizos auxiliares de SE Regoelle, xunto co proxecto de execución, das separatas técnicas para os organismos afectados e da relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Segundo consta no proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto dar subministración eléctrica aos servizos auxiliares da subestación eléctrica Regoelle, queda comprendida nos termos municipais de Vimianzo e Dumbría (A Coruña) e consiste nas seguintes instalacións:

– Tramo LMT de aproximadamente 2.100 m con condutor LA-56 sobre apoios metálicos e tramo de 55 m con condutor RHZ1 12/20 kV 3×240 Al en canalización enterrada. A liña eléctrica ten a súa orixe na LMT VIM-80227836 de Unión Fenosa, entre os apoios 78 e 80 (existente) e final no centro de transformación de 400 kVA para construír.

– Centro de transformación de 400 kVA interior de edificio prefabricado tipo PFU-5.

Terceiro. O 25 de xuño de 2015 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa, de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada instalación CT abonado LAMT e LSMT a 20 kV para servizos auxiliares de SE Regoelle, nos concellos de Dumbría e Vimianzo (expediente IN407A 2015/002-1).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 14 de xullo, no Boletín Oficial da provincia do 8 de xullo e no xornal La Voz de Galicia do 17 de xullo de 2015; e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Vimianzo e Dumbría durante o preceptivo prazo de 20 días (entre o 15 de xuño e o 9 de xullo de 2013).

Así mesmo, a xefatura territorial practicou notificación individual aos propietarios dos predios afectados pola dita instalación eléctrica, que aparecen na RBDA incorporada como anexo á citada resolución pola cal se realizou o trámite de información pública.

Cuarto. Durante o período en que o proxecto de execución da dita instalación eléctrica se someteu ao trámite de información pública, presentáronse os seguintes escritos de alegacións (dos cales se deu traslado á empresa REE, quen presentou a súa contestación):

Alegacións:

Resumo

1

Manuela Pérez Lema, que figura na RBDA como propietaria da parcela nº 13, mediante escrito recibido o 30 de xullo de 2015, comunica para os efectos oportunos que o predio en cuestión non é da súa propiedade.

2

José Caamaño Fernández, que figura na RBDA como propietario da parcela nº 17, mediante escrito recibido o 31 de xullo de 2015, solicita que se revise a cualificación e valoración da parcela.

3

Manuel Reveiro Senra, que figura na RBDA como propietario da parcela nº 41, mediante escrito recibido o 29 de xullo de 2016, solicita que a empresa REE se poña en contacto con el para tentar chegar a un acordo previo á fase de expropiación e, ademais, manifesta que as afeccións ao predio son diferentes ás indicadas.

4

María Cernadas Lema e Carlos Caamaño Cernadas, respecto da parcela nº 53 que figura na RBDA a nome de Manuela Benita Quintas Pérez, mediante escrito recibido o 3 de agosto de 2015, manifestan o seguinte: que son eles os titulares do predio e que, ademais, o predio está erroneamente representado nos planos catastrais, tanto en dimensións como en localización (xuntan levantamento topográfico, mediante GPS).

5

José Senra Suárez, respecto da parcela nº 56 que figura na RBDA a nome de herdeiros de Jacobo Fernández Lerma, mediante escrito recibido o 17 de setembro de 2015, solicita que se valore adecuadamente o prexuízo da obra no seu predio.

6

Isaura Otero García, respecto da parcela nº 57 que figura na RBDA a nome de herdeiros de Jacobo Fernández Lerma, mediante escrito recibido o 3 de agosto de 2015, manifesta o seguinte: o predio está erroneamente representado nos planos catastrais, tanto en dimensións como en localización (xunta levantamento topográfico, mediante GPS).

Quinto. O 26 de xuño de 2015 a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da dita instalación eléctrica, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados: Augas de Galicia, Concello de Vimianzo, Concello de Dumbría e Unión Fenosa Distribución, S.A.

Estas catro entidades presentaron os seus respectivos escritos en que manifestaban a súa conformidade e/ou fixaban o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado á empresa REE, quen presentou a súa conformidade. Non obstante, respecto do informe do Concello de Vimianzo, a empresa REE presentou un escrito cunha serie de alegacións, do cal se deu traslado a ese concello, quen non contestou e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade.

Sexto. O 19 de setembro de 2016 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, e a remisión do expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para que se prosiga coa súa tramitación.

Respecto doutros trámites non reflectidos nos antecedentes de feito anteriores, no dito informe da xefatura territorial faise constar o seguinte:

– En canto ao proxecto de execución, asinado por César Méndez Lorenzo (enxeñeiro técnico industrial, colexiado nº 1350 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industrias da Coruña), consta no expediente declaración responsable na cal se acredita o cumprimento de toda a normativa que lle é de aplicación ás instalacións recollidas no proxecto, segundo o establecido no artigo 35.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– No expediente consta o informe favorable do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo para os efectos previstos no artigo 35 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Realizada a visita de campo para examinar o emprazamento das instalacións, non se apreciou ningunha das limitacións á constitución de servidume, indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, nos predios afectados pola expropiación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa REE e ao resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

– Respecto das alegacións relativas á valoración económica das afeccións (escritos de alegacións nº 2 e 5), indícase o seguinte: non se toman en consideración por non ser obxecto deste procedemento, senón do expediente expropiatorio na súa fase de determinación do prezo xusto. A valoración económica das afeccións substanciarase nesta fase, para o cal se tramitarán as correspondentes pezas separadas do prezo xusto, en que se determinará a indemnización que corresponda e na que o afectado poderá presentar a súa folla de valoración, onde concretará o valor que considera que lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o prezo xusto en cada caso.

– Respecto das alegacións relativas a erros nas afeccións (escritos de alegacións nº 2, 3, 4 e 6), indícase o seguinte: a empresa beneficiaria tomou razón delas. Non obstante, se é o caso, serán apreciadas no momento procedemental oportuno, isto é, no acto de levantamento das actas previas á ocupación. Neste trámite, para o cal serán previamente convocados os afectados, describiranse os bens e dereitos afectados e incorporaranse as súas manifestacións e datos útiles para a correcta determinación das afeccións.

– En canto ao escrito de alegacións nº 1, indícase que a Consellería de Economía, Emprego e Industria procedeu a tratar o titular da parcela nº 13, para futuros trámites, como descoñecido para os efectos de notificación.

– En canto ao escrito de alegacións nº 4, en relación coa titularidade da parcela nº 53, indícase que os alegantes serán considerados como titulares do dito predio para futuros trámites.

Terceiro. Segundo o disposto no artigo 34 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, a rede de transporte secundario está constituída polos seguintes elementos:

– As liñas, parques, transformadores e outros elementos eléctricos con tensións nominais iguais ou superiores a 220 kV non incluídos na rede de transporte primario e por aquelas outras instalacións de tensións nominais inferiores a 220 kV, que cumpran funcións de transporte.

– E aqueles activos de comunicacións, proteccións, control, servizos auxiliares, terreos, edificacións e demais elementos auxiliares, eléctricos ou non, necesarios para o adecuado funcionamento das instalacións específicas da rede de transporte antes definida.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar á empresa REE a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación de transporte de enerxía eléctrica cuxo proxecto leva por título instalación CT abonado LAMT e LSMT a 20 kV para servizos auxiliares de SE Regoelle, nos concellos de Vimianzo e Dumbría (A Coruña).

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación eléctrica.

3. Recoñecer, en concreto, a utilidade pública da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado instalación CT abonado LAMT e LSMT a 20 kV para servizos auxiliares de SE Regoelle, asinado polo enxeñeiro técnico industrial César Méndez Lorenzo (colexiado nº 1350 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña), e no cal figura un orzamento de 113.494,37 €.

Segunda. A empresa REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito quinto da presente resolución), a empresa REE procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas