Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Luns, 19 de decembro de 2016 Páx. 55070

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da planta de coxeración para a estación de augas residuais, EDAR Ourense, que Aguas de las Cuencas de España, S.A. promove en Reza, concello de Ourense.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data 27 de abril de 2015, a sociedade Aguas de las Cuencas de España, S.A. presentou solicitude para a autorización administrativa previa dunha planta de coxeración para a estación de augas residuais, EDAR Ourense, promovida en Reza, Concello de Ourense.

Segundo. Con data 2 de decembro de 2015, a sociedade Aguas de las Cuencas de España, S.A. presentou solicitude para a autorización administrativa de construción da planta de coxeración mencionada.

Terceiro. Mediante Resolución do 9 de decembro de 2015 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense, sométense a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da instalación. Publícase con data 23 de xaneiro de 2016 no Boletín Oficial da provincia de Ourense núm. 18, e con data 25 de xaneiro de 2016 no Diario Oficial de Galicia núm. 15, sen que conste que se presentara ningunha alegación. O equipamento básico da instalación é o seguinte:

Equipamento de coxeración con 1 motoxerador marca Senergie mod. SBG420, subministrado por Altare Energía potencia eléctrica de 420 kW, tensión de xeración 400 V e un consumo de combustible con/sen tolerancia de 1.036/1.088 kW. Conexión eléctrica á rede interior da EDAR, para autoconsumo, a través do cadro de distribución (CDD-1) que está alimentado augas arriba desde un centro de transformación (CT1) e en anel cun 2º centro de transformación (CT2), instalacións estas últimas que non forman parte do expediente de coxeración e se tramitan de xeito singularizado. Orzamento: 423.719,75 euros.

– Motor de biogás Liebherr serie G9512.

– Alternador Leroy Somer serie LSA 49.1-4 polos.

– Bastidor de aceiro con 8 silentblocks.

– Aerorrefrixeradores marca Inditer, disipación máxima: 210 kW circuíto HT/35 kW circuíto LT.

– Sistema gases de escape.

– Rampla de gas, presión de subministración 15-50 mbar.

– Sistema de lubricación de grupo, control de nivel de aceite, depósito equipamento e auxiliares, 1 ud. no bastidor (175 l); 2 auxiliares (750 l/ud.).

– Cadros de potencia e control de grupo e de servizos auxiliares.

– Armario de baterías e unidade de sincronización Woodward EasyGen 3200.

Cuarto. Con data 11 de marzo de 2016, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense emitiu informe favorable sobre a concesión de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción presentada para planta de coxeración de referencia, xuntando informe técnico en que se acredita a suficiencia do proxecto de execución presentado xunto coa solicitude para a autorización administrativa de construción da planta e o cumprimento da normativa legal e regulamentaria de aplicación para este tipo de instalacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que lle atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas previstas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e corresponderalle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Aguas de las Cuencas de España, S.A. para unha planta de coxeración para a estación de augas residuais, EDAR Ourense, promovida en Reza, Concello de Ourense.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción da devandita planta de coxeración segundo o proxecto de execución denominado Instalación de coxeración para a estación depuradora de augas residuais, EDAR Ourense, asinado polo enxeñeiro técnico Luis A. Tizón Cabaleiro, colexiado número 2.449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

Segunda. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas e centros de transformación, así como a demais normativa e as directrices vixentes que sexan de aplicación.

Terceira. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

Cuarta. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Aguas de las Cuencas de España, S.A. e dos condicionados impostos nesta resolución.

Quinta. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de doce meses contados a partir da data de notificación das presentes resolucións. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade destas autorizacións.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto as presentes autorizacións por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliacións e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Sétima. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas