Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 13 de decembro de 2016 Páx. 54384

V. Administración de xustiza

Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña

EDICTO (PA 222/2016).

Ana María Varela Puga, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña, certifico que no procedemento abreviado 222/2016, con data do 31.10.2016, se ditou o auto do teor literal seguinte:

«Auto.

Na Coruña o trinta e un de outubro de dous mil dezaseis.

Antecedente de feito único. Mediante sentenza firme do 28.10.2016, estímase o recurso contencioso-administrativo interposto pola letrada de Sandra Barros Martínez contra a Resolución da directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 12.5.2016, que confirmou a do titular da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña do 1.2.2016, que aplicou o disposto nas instrucións do Servizo Galego de Saúde do 29.10.2001, así como, de forma supletoria, o punto 5 da sexta instrución da Resolución do 24.2.2016, da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Hacienda, coa consecuencia de que se lle denegaron dous dos catro días do permiso retribuído que solicitou pola hospitalización dun familiar de segundo grao noutra localidade; esa sentenza anula a resolución impugnada e recoñécelle á demandante os dous días de permiso que lle restan.

Fundamento de dereito único. Segundo se razoa na sentenza, Sandra Barros Martínez, auxiliar de Farmacia interina con destino no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, solicitou da Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde da Coruña que lle outorgase catro días de permiso retribuído pola hospitalización dun familiar de segundo grao noutra localidade, permiso que se lle recoñeceu tan só por dous días, ao ser os que permanecera o seu familiar hospitalizado; esa resolución, do 1.2.2016, foi confirmada pola da directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 12.5.2016, e ambas foron anuladas mediante a sentenza firme do 28.10.2016.

Nesta razoouse que a norma aplicable era o artigo 108.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, que completaba o parágrafo segundo do artigo 48.a) do texto refundido da Lei do Estatuto do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro (norma básica), en virtude do disposto nos artigos 2.2, 17.1.g) e 61.1 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Así, a teor dos dous primeiros artigos citados, no caso de enfermidade grave que comporte a hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario dun familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o funcionario terá dereito a un permiso de dous días hábiles se o suceso se produce na mesma localidade e de catro días hábiles se se produce en distinta localidade; non obstante, tanto as instrucións do Servizo Galego de Saúde do 29.10.2001 (anteriores a aqueles textos legais), coma o punto 5 da sexta instrución da Resolución do 24.2.2016, da Dirección Xeral da Función Pública (que a resolución impugnada aplicou de forma supletoria), limitan o número de días do permiso aos de hospitalización (tamén de repouso), previsión que para este xulgador vulnera o disposto na norma básica, así como na lei autonómica, que non introducen límite temporal ningún ao desfrute de tal permiso, pois non o concreta ata un máximo de dous ou catro días, senón que o fixa en tal límite, sen excepción ou redución ningunha para o caso de que o familiar estivese hospitalizado ou tivese que gardar repouso por menos días.

Ao respecto debe significarse que cando o artigo 48 do TRLEBEP (norma básica) quere impoñer limitacións ao tempo de permiso, o fai expresamente; así, cando menciona os que se empreguen para concorrer a exames, “durante os días da súa celebración” (alínea d), ou o previsto para realizar probas a embarazadas ou informar os adoptantes, “polo tempo indispensable” (alínea e), ou o de nacemento de fillos prematuros ou situacións similares, “durante un máximo de dúas horas diarias” (alínea g), ou o de coidado de familiares, con “unha redución de ata o cincuenta por cento da xornada laboral (alínea i) ou, finalmente, “polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable” (alínea j).

Diso resulta que a limitación imposta nas instrucións antes referidas mereza a súa anulación que, por non a poder realizar este xulgador, por carecer de competencias para iso (artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa), obriga a formular a cuestión de ilegalidade a que se refiren os seus artigos 27 e 123 a 126.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Parte dispositiva:

Acordo formular a cuestión de ilegalidade fronte á limitación do permiso establecida nas instrucións do Servizo Galego de Saúde do 29.10.2001 e no punto 5 da sexta instrución da Resolución do 24.2.2016, da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, aplicada na Resolución da directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 12.5.2016, que confirmou a do titular da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña do 1.2.2016, na cal denegou a Sandra Barros Martínez dous dos catro días do permiso retribuído que solicitou pola hospitalización dun familiar de segundo grao noutra localidade.

Emprácense as partes para que comparezan ante a Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dentro dun prazo de 15 días.

Este auto é firme, polo que contra el non cabe interpoñer recurso ningún.

Así o pronuncio, mando e asino».

E para que conste, co fin da súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos previstos no artigo 124 LXCA, expido e asino o presente.

A Coruña, 18 de novembro de 2016

A letrada da Administración de xustiza