Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 13 de decembro de 2016 Páx. 54415

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2016, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se somete a información pública o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se regulan os medios de comprobación do valor dos bens inmobles que se utilizarán, dos previstos no artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, no ámbito dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como a normativa técnica xeral.

No ámbito dos ingresos tributarios das comunidades autónomas, os impostos cedidos representan unha parte importante, non só pola recadación que achegan senón tamén polo número dos contribuíntes aos que afectan. Nestes impostos cedidos, os que reúnen principalmente as características anteriormente sinaladas son os impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Estes impostos caracterízanse por ser a súa base impoñible o valor real do ben que se transmite, o que supón a existencia dun concepto xurídico indeterminado que a Administración tributaria ten o deber de determinar en cada caso. Para facer este labor, o artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (LXT), faculta á Administración tributaria para aplicar os métodos de comprobación alí sinalados e regula na súa parte aplicativa o procedemento de comprobación de valores como mecanismo para a súa fixación.

A Orde do 28 de decembro de 2015 regula os medios de comprobación do valor dos bens inmobles a utilizar, dos previstos no artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, así como a normativa técnica xeral aplicable. Na dita normativa técnica detállanse pormenorizadamente os medios de valoración utilizados pola Administración tributaria desta comunidade autónoma, medios que buscan determinar o valor real dos bens obxecto da adquisición, tendo en conta para iso todos aqueles factores que poidan influír no dito valor.

Neste sentido modifícase a Orde do 28 de decembro de 2015 na parte referente ao método de valoración por comparación hipotética, coa finalidade de dotar de un maior rigor e exactitude, na liña coa última xurisprudencia, as correlacións dos valores de bens aos efectos de homoxeneizar as mostras consideradas como comparables, introducindo dous novos coeficientes que contemplan, respectivamente, o tipo construtivo do edificio segundo as calidades dos distintos estándares e o estado de conservación do inmoble debida a unha posible deficiencia de mantemento básico.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública. Neste caso o prazo para presentar alegacións será de sete días hábiles, tal e como prevé a aliña 5 do citado artigo cando razóns debidamente motivadas así o xustifiquen. En efecto, debido á necesidade de analizar un mercado inmobiliario moi volátil e inestable, e coa intención de que queden reflectidas as tendencias máis recentes na evolución dos valores, faise aconsellable tecnicamente dispor dos datos do mercado máis cercanos ao exercicio 2017, de xeito que a análise que contén se aproxime o máximo posible á data da súa entrada en vigor, prevista para o vindeiro 1 de xaneiro. Non foi posible, polo tanto, comezar antes a tramitación do proxecto de orde.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de sete días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o Proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se regulan os medios de comprobación do valor dos bens inmobles a utilizar, dos previstos no artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, no ámbito dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como a normativa técnica xeral.

O proxecto de orde poderase consultar no portal de transparencia e goberno aberto, na páxina web da Xunta de Galicia: http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado a través do citado portal de transparencia e goberno aberto.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2016

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda