Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 23 de novembro de 2016 Páx. 52309

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Curtis

ANUNCIO de aprobación definitiva do proxecto de expropiación do polígono número 1 do sector urbanizable do SUD-3 do Plan xeral de ordenación municipal.

Á vista do expediente tramitado do proxecto de expropiación do polígono nº 1 do sector urbanizable do SUD-3 do PXOM de Curtis, procédese á publicación do Decreto da Alcaldía nº 384/2016, do 25 de outubro, que a seguir se transcribe:

«Decreto nº 384.

Aprobación definitiva de proxecto de expropiación do polígono nº 1 do sector urbanizable do SUD-3 do PXOM de Curtis.

Javier Fco. Caínzos Vázquez, alcalde do Concello de Curtis, provincia da Coruña, emite o seguinte decreto de acordo co que segue:

Antecedentes.

O Concello Pleno, en sesión ordinaria celebrada o 26 de xuño de 2014, acordou a aprobación definitiva do documento do Plan parcial do sector do urbanizable do SUD-3 do PXOM de Curtis e publicouno no BOP nº 130, do 10.7.2014, e no DOG nº 139, do 23.7.2014.

Con data do 7.11.2014 apróbase inicialmente, mediante Decreto da Alcaldía nº 326, o proxecto de estatutos e de bases de actuación da Xunta de Compensación do Polígono nº 1 do Sector Urbanizable do SUD-3 do PXOM de Curtis.

Logo do trámite de información pública, aprobouse definitivamente por Decreto da Alcaldía nº 373, do 22 de decembro de 2014, o dito proxecto de estatutos e de bases de actuación.

Con data do 19.7.2016 apróbase, mediante Decreto da Alcaldía nº 261, a escritura de constitución da Xunta de Compensación do Polígono 1 do Sector SUD-3, Curtis, outorgada en Betanzos ante o notario Gonzalo Freire Barral, con data do 27 de maio de 2016.

Alberto de Artaza Varasa, na súa condición de presidente da Xunta de Compensación do Sector SUD-3, o 26.7.2016 (nº RE 2229) presenta escrito en que expón que, unha vez finalizado o proceso de constitución da Xunta de Compensación, se constata a existencia de propietarios de terreos dentro do ámbito de actuación que non se incorporaron á xunta nos prazos previstos legalmente, polo que achega un proxecto de expropiación para que se proceda á súa tramitación ata a súa aprobación definitiva.

Mediante Decreto da Alcaldía nº 273, do 3 de agosto de 2016, acordouse a aprobación inicial do dito proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, e sometela a información pública polo prazo dun mes.

Publicouse o anuncio no DOG nº 168, do 5.9.2016, e no diario La Opinión o 13.8.2016, ademais das notificacións individuais aos titulares dos bens que se van expropiar. Por existencia no expediente de predios de propietarios descoñecidos ou varios herdeiros, publicáronse os correspondentes anuncios no BOE nº 205, do 25.8.2016, e no nº 224, do 16.9.2016.

Durante o prazo de exposición pública non se presentou ningunha alegación, agás a presentada por Julio Sánchez Sánchez (RE 2616 do 31.8.2016), na cal manifestaba que o predio que se lle atribuía non era seu, polo que tivo lugar o segundo dos anuncios publicados no BOE. Ante a falta de alegacións propiamente ditas non foi preciso emitir ningún informe ao respecto, de conformidade coo referido no art. 118 da LSG.

Normativa aplicable:

– Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

– Texto refundido da Lei do solo (Real decreto 2/2008, do 20 de xuño).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (LEF).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (REF).

– Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (LRBRL).

– Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (Lalga).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. De conformidade co art. 118.6 da LSG, a competencia para aprobar o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta corresponde ao órgano municipal. Entre as competencias que lles corresponden aos concellos para o cumprimento das finalidades que lle son propias, segundo o art. 4.1.d) da LRBRL, está a potestade expropiatoria, maniféstase no mesmo sentido o art. 6.1.d) da Lalga e o art. 2.1 da LEF.

Segundo. O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, de aprobación do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e no art. 118 e concordantes da LSG.

Terceiro. O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva exixida polo art. 118 da LSG:

a) Delimitación do ámbito territorial, cos documentos que o identifiquen en canto á situación, superficie e lindeiros, coa descrición de bens e dereitos afectados e a relación das persoas titulares.

b) Fixación de prezos, coa valoración razoada do solo segundo a súa cualificación urbanística.

c) Follas de prezo xusto individualizado de cada predio, nas cales se conterá non só o valor do solo, senón tamén o correspondente ás edificacións, obras, instalacións e plantacións.

d) Follas de prezo xusto que correspondan a outras indemnizacións.

A relación de propietarios, predios e superficies é a que figura no anexo desta resolución.

Cuarto. Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse ao establecido no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, de aprobación do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana; no Real decreto 1492/2011, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de valoracións da Lei do solo, e no resto de normativa concordante.

Á vista de todo o exposto, e das competencias atribuídas no art. 21.1 da LRBRL e demais normas aplicables a este procedemento,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos terreos incluídos no polígono nº 1 do sector urbanizable do SUD-3 do PXOM de Curtis.

Esta aprobación definitiva do expediente implica a declaración de urxencia de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no art. 118.10 da LSG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do art. 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (art. 118.11 da LSG).

Segundo. Outorgar ás persoas interesadas titulares de bens e dereitos que figuran no dito proxecto un prazo de vinte días, durante o cal poderán manifestar por escrito dirixido ao órgano expropiante a súa desconformidade coa valoración fixada no expediente aprobado, conforme dispón o art. 118.7 da LSG.

En tal caso, daráselle traslado do expediente e da folla de valoración impugnada ao Xurado de Expropiación de Galicia, para os efectos de fixar o prezo xusto, que, en todo caso, se fará de acordo cos criterios de valoración establecidos na lexislación vixente.

Terceiro. Advertir os interesados de que, transcorrido o citado prazo sin que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente e determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade co art. 118.8 da LSG.

Cuarto. Esta resolución notificarase individualmente ás persoas interesadas titulares dos predios obxecto desta expropiación e procederase, así mesmo, á publicación dun anuncio no BOE, o que servirá de notificación aos propietarios descoñecidos que non reciban a notificación individual ou no caso de que se trate de varios herdeiros, conforme os art. 44 e 45 da Lei 39/2015.

O cómputo do prazo de vinte días comezará desde o día seguinte ao da referida publicación no BOE ou, se é o caso, desde o seguinte a que se reciba a notificación individual.

Quinto. Notificar o contido desta resolución de aprobación definitiva ao Ministerio Fiscal, para os efectos establecidos no artigo 5 da LEF, e adxuntar a correspondente folla de valoración dos predios dos titulares descoñecidos.

Sexto. Publicar a presente resolución no DOG e na páxina web do Concello de Curtis, coa indicación dos recursos pertinentes, para garantir unha maior difusión.

Así o manda e asina o alcalde en Teixeiro-Curtis, vinte e cinco de outubro de dous mil dezaseis».

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá optar por:

a) Interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, ante o mesmo órgano que a ditou, conforme o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de 2 meses desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, conforme o establecido no artigos 8.1, 25.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pode exercer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Curtis, 27 de outubro de 2016

Javier Fco. Caínzos Vázquez
Alcalde presidente