Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 13 de outubro de 2016 Páx. 46661

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 3 de outubro de 2016 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Hespérides e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Hespérides, adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. Carlos González Guitián, presidente do Padroado da Fundación Hespérides, presentou o 3 de outubro de 2016 a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da dita entidade, adoptado polo seu padroado o 16 de agosto de 2016.

Segundo. A fundación, constituída inicialmente coa denominación de Fundación Fisterrae en escritura pública outorgada na Coruña o 21 de xullo de 2006, co número de protocolo 1961, foi clasificada de interese sanitario por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de outubro de 2006 e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Sanidade do 17 de novembro de 2006. Adscrita ao Protectorado da Consellería de Sanidade, figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co nº 2006/17. Modificou a súa denominación por acordo do Padroado do 26 de setembro de 2012 e pasou a chamarse Fundación Hespérides, mediante acordo protocolizado nº 1453 en escritura pública outorgada na Coruña na mesma data.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos estatutos, a fundación ten por obxecto contribuír á mellora das condicións de saúde en Galicia e ao desenvolvemento da sanidade galega, nos seus medios persoais, reais e procedementais.

Cuarto. Xunto coa solicitude, preséntase a seguinte documentación:

a) Certificado do 17 de agosto de 2016 do secretario, co visto e prace do presidente, en que consta o acordo de extinción da fundación, adoptado co quórum requirido pola normativa de aplicación, na reunión do padroado celebrada o 16 de agosto de 2016.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción por imposibilidade material de realizar o fin fundacional.

c) Documentación contable correspondente ao exercicio pechado en 16 de agosto de 2016, que comprende balance, conta de resultados e memoria de actividades.

d) Proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais.

Primeira. A Consellería de Sanidade exerce o protectorado sobre a Fundación Hespérides de conformidade co disposto no Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Sanidade a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segunda. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceira. O acordo de extinción foi adoptado seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e o proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación, nos termos previstos no artigo 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e na demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Hespérides, adoptado polo Padroado con base na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2016

O conselleiro de Sanidade
P.D. (Orde do 15.6.2009; DOG núm. 119, do 19 de xuño)
Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade