Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 13 de outubro de 2016 Páx. 46664

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2016, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 18 de maio de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 95, do 22 de maio), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio da oposición.

En sesión que tivo lugar o día 5 de outubro de 2016, o tribunal nomeado pola Orde do 13 de abril de 2016, da Consellería de Facenda (DOG núm. 74, do 19 de abril) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, acordou, de conformidade co disposto na base II.2.6 da convocatoria, que o terceiro exercicio da oposición terá lugar o día vinte e sete (27) de outubro de 2016, nas aulas 2 e 6 da Escola Galega de Administración Pública, situada na rúa Madrid, 2-4 (As Fontiñas) de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal, e queda prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir para o desenvolvemento da segunda proba do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo, e das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, reloxos intelixentes, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2016

José Miguel Rey Lama
Presidente do tribunal