Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 11 de outubro de 2016 Páx. 46614

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de setembro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade ao acordo sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Tahume de Muro, do concello de Porto do Son.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade sobre que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 18 de decembro de 2015, adoptou o seguinte acordo en relación coa revisión do esbozo e coa elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Tahume de Muro, do concello de Porto do Son.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Coa denominación de monte Tahume de Muro, da parroquia de San Pedro de Muro do concello de Porto do Son, están integradas cinco parcelas declaradas veciñais en man común mediante resolucións do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, do 28.1.1980, segundo consta no seu expediente de clasificación núm. 158.

Segundo. Con data do 22.4.2015, a presidenta da comunidade veciñal comunícalle ao Xurado que, na asemblea xeral ordinaria do 6.7.2013, se acordou, por unanimidade, que se realice un levantamento topográfico do seu monte Tahume de Muro. O dito traballo foi concluído no informe técnico de marzo de 2015, do cal achega unha copia con este escrito para a súa aprobación por parte do Xurado.

Terceiro. O Servizo de Montes informa o 3.11.2015, por medio do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común, sobre esta proposta de revisión da cartografía actualizada do monte veciñal de Tahume de Muro, en atención ao previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

No seu informe especifica que a revisión topográfica respecta os lindes descritos en letra na resolución do Xurado de Clasificación. O estudo técnico achegado pola comunidade utiliza a acta de apeo do deslindamento total do monte Tahume número 223 do CUP, para transformar o método de medición dos vértices deste, de distancias e ángulos, a coordenadas UTM; no terreo seguen a ser os mesmos, pero a súa localización é moito máis sinxela cos aparellos actuais, co levantamento topográfico do perímetro do monte e dos seus enclaves, para coñecer a situación exacta dos chantos que marcan o seu perímetro e así dispoñer das súas coordenadas para que non existan discrepancias nun futuro, por se desaparecen. A súa superficie varía moi pouco.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segundo. O informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, do 3.11.2015, valida o informe técnico presentado pola comunidade propietaria solicitante.

Logo de ver a planimetría presentada pola comunidade propietaria e o informe sobre esta do responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña, este xurado, por unanimidade dos membros presentes con dereito a voto,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a revisión de esbozo do monte veciñal Tahume de Muro da parroquia de San Pedro de Muro do concello de Porto do Son, presentada pola comunidade propietaria e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, no seu informe do 3.11.2015, e a planimetría que o acompaña e que forma parte desta resolución, de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. O monte veciñal queda coas características seguintes:

Monte: Tahume de Muro.

Comunidade veciñal propietaria: CVMC de San Pedro de Muro.

Superficie: 156,65 ha, no canto das 163,17 ha da resolución da clasificación.

Enclaves: A) 1,05 ha.

B) 1,65 ha.

Total: 2,70 ha.

Estaría composto polas seguintes parcelas:

1. Parcela primeira: monte Abeirada e Pedreira.

Superficie: 104,03 ha no canto das 112 ha da resolución. As súas estremas serían:

Norte: propiedades particulares da veciñanza da parroquia de San Pedro de Muro (concello de Porto do Son).

Leste: propiedades particulares da veciñanza das parroquias de San Pedro de Muro (concello de Porto do Son) e San Martiño de Oleiros (concello de Ribeira).

Sur: MVMC Tahume de Olveira, expediente 164 (concello de Ribeira).

Oeste: propiedades particulares da veciñanza das parroquias de San Pedro de Muro, concello de Porto do Son) e Olveira (concello de Ribeira).

2. Parcela segunda: monte de Laxe.

Superficie: 18,34 ha no canto das 18,03 ha da resolución. As súas estremas serían:

Norte: propiedades particulares da veciñanza das parroquias de San Pedro de Muro e de Olveira.

Leste: MVMC Tahume de Olveira, expediente 164.

Sur: MVMC Tahume de Olveira, expediente 164.

Oeste: camiño público de Seráns a Corrubedo e terreos particulares da veciñanza da parroquia de Olveira.

3. Parcela terceira: monte Pereiro.

Superficie: 2,47 ha no canto das 2,25 ha da resolución. As súas estremas serían nos catro puntos cardinais con propiedades particulares da veciñanza das parroquias de Xuño e Oleiros.

4. Parcela cuarta: monte Alboreda.

Superficie: 5,78 ha no canto das 5,27 ha da resolución. As súas estremas serían:

Norte: propiedades particulares da veciñanza da parroquia de San Pedro de Muro.

Leste: estrada de Xuño a Basoñas.

Sur e oeste: propiedades particulares da veciñanza da parroquia de San Pedro de Muro.

5. Parcela quinta: monte Carballosa.

Superficie: 26,03 ha no canto das 24,72 ha da resolución. As súas estremas serían:

Norte: MVMC Sieira e Castelo, expediente 144.

Leste: MVMC Balteiro, expediente 176.

Sur e oeste: propiedades particulares da veciñanza das parroquias de San Pedro de Muro e Oleiros.

Segundo. Notificar este acordo á comunidade propietaria e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 26 de setembro de 2016

Manuel Rodríguez Vázquez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común da Coruña