Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2016 Páx. 46081

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 22 de agosto de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal da Laracha.

O Concello da Laracha remite a modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, conforme a disposición transitoria 2ª.1 da vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello da Laracha dispón na actualidade dun PXOM aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 30.6.2003 ao abeiro da disposición transitoria 3ª da LOUG.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 1.8.2014 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan informes municipais da arquitecta técnica do 18.12.2014, favorable con indicacións, e do secretario do 19.12.2014, previos á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG); e dos mesmos técnicos, do 16.3.2015, en relación coa aprobación inicial, e do 24.2.2016, en relación coa aprobación provisional da modificación.

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) o 27.2.2015.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 25.3.2015. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia, Diario de Bergantiños e El Ideal Gallego do 7 de maio e Diario Oficial de Galicia do 29 de abril de 2015). Deuse audiencia aos concellos estremeiros de Arteixo, Carballo, Cerceda e Culleredo.

6. O Concello de Arteixo remitiu un informe técnico municipal do 4.5.2015 en que se indica que a modificación non afecta o planeamento municipal vixente en Arteixo.

7. En canto aos informes sectoriais, o expediente remitido contén o seguinte:

a) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo: informe do 7.1.2015.

b) Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento: informe favorable do 5.3.2015.

c) Deputación da Coruña: informe da súa xunta de goberno do 30.4.2015, favorable.

d) Delegación do Goberno en Galicia do 28.5.2015.

e) Consellería de Economía e Industria: informes do 25.5.2015 (planificación eléctrica) e do 21.4.2015 (dereitos mineiros existentes).

f) Dirección Xeral de Conservación da Natureza: informe do 15.6.2016, favorable.

g) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 8.7.2015, favorable.

h) Secretaría Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento: informe do 31.8.2015.

i) Augas de Galicia: informe do dominio público hidráulico do 7.9.2015, favorable.

j) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: informe do 25.11.2015, favorable condicionado.

Así mesmo, consta que se solicitou o informe de Montes e Industrias Forestais, sen que fose recibida resposta no Concello.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en pleno do 4.3.2016, antes da entrada en vigor da LSG.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación afecta a ordenación de sete elementos do catálogo de bens arqueolóxicos do plan xeral e ten por obxecto a protección e posta en valor destes que permita a actuación directa da Administración municipal.

2. As actuacións propostas respecto dos elementos en cuestión son:

a) Ampliación da superficie clasificada como solo rústico de especial protección do patrimonio, superposta a outras categorizacións de solo rústico.

b) Ampliación do contorno de respecto de protección arqueolóxica.

c) Cualificación como sistema xeral de equipamento ou de espazo libre dos bens.

d) Delimitación dun ámbito de actuación para cada un dos elementos afectados que comprende os terreos cualificados como sistema xeral e os adxacentes que sexan precisos para completar o acceso ao elemento.

e) Previsión da obtención dos terreos delimitados nas actuacións definidas mediante o sistema de expropiación.

3. Os elementos afectados son GA 15041008 Castro de Montes Claros (folla L-O-07); GA 15041013 Castro de Santa Baia (follas L-O 9, 10, 14 e 15); GA 15041016 Castro da Pena (folla L-O-20); GA 15041017 Torre de Cillobre (folla L-O-07); GA 15041019 O Forno dos Mouros (folla L-O-18); GA 15041021 Pedra Fita (folla L-O-05); e GA 15041025 O Forno dos Mouros-Silvoso (folla L-O-18).

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público da modificación (artigo 94.1 da LOUG): os fins expostos na memoria e normativa do proxecto, relativos á protección e posta en valor dos elementos arqueolóxicos afectados, que permita a actuación directa da Administración municipal no coidado e uso didáctico para o coñecemento e respecto deles, pode conceptuarse como de interese público para os efectos da formulación da modificación do plan xeral.

2. A modificación aprobada provisionalmente dá cumprimento ao sinalado no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27.2.2015.

3. A disposición transitoria 2ª.1 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, sinala que os plans aprobados provisionalmente ata a súa entrada en vigor poderán continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, do que resulta que é posible resolver sobre a aprobación definitiva da modificación proposta sen se adaptar á nova lei.

4. A disposición transitoria 1ª.2.d) da LSG establece que, para o planeamento aprobado definitivamente con anterioridade á súa entrada en vigor e non adaptado á LOUG, ao solo rústico se lle aplicará o disposto na LSG. Non obstante, para esta modificación, que queda adaptada á LOUG, é de aplicación a disposición transitoria 1ª.1.d), que aplica as disposicións da LSG para o solo rústico, mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo rústico contidas na modificación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal da Laracha.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio