Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2016 Páx. 46085

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 24 de agosto de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela no ámbito do sistema xeral e equipamento deportivo ZD-7.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coa disposición transitoria segunda, número 2, da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun PXOM aprobado definitivamente por ordes da CPTOPT de datas 3 de outubro de 2007 (aprobación parcial) e 1 de setembro de 2008.

2. Consta Resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 31 de xullo de 2015 pola que se formula informe ambiental estratéxico en que se determina o non sometimento da modificación á avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

3. Os servizos municipais emitiron informes xurídicos con datas 11 de decembro de 2014, 26 de novembro de 2015, 12 de xaneiro de 2016 e 6 de xuño de 2016, e técnicos con datas 28 de xaneiro de 2015 e 27 de novembro de 2015.

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe conforme o previsto no artigo 85.1 da LOUG con data do 5 de xaneiro de 2016, sen obxeccións á modificación.

5. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 21 de xaneiro de 2016. Sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 18 de marzo de 2016 e DOG do 30 de marzo de 2016) e comunicada aos concellos estremeiros de Ames, Boqueixón, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Teo, Oroso e O Pino, así como ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e aos propietarios catastrais afectados, sen que fose obxecto de ningunha alegación.

6. O Instituto de Estudos do Territorio emitiu informe o 20 de abril de 2016, favorable.

7. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe o 18 de maio de 2016, favorable.

8. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación o 16 de xuño de 2016.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por obxecto establecer as determinacións urbanísticas de aplicación no ámbito da zona da Agra dos Campos (parroquia de Aríns) atinxido pola sentenza do Tribunal Supremo do 16 de xuño de 2014 (procedemento 4275/2008) que anula a ordenación establecida polo PXOM, que cualificaba os terreos como equipamento deportivo de sistema xeral (ZD-7) e os clasificaba como solo rústico de protección ordinaria.

2. A sentenza non encontra xustificado o cambio da clasificación de rústico de especial protección (agropecuaria e forestal) recollida no PXOM aprobado inicialmente a rústico de protección ordinaria con que foi aprobado definitivamente o PXOM.

3. A modificación clasifica o ámbito como solo rústico de protección agropecuaria, en consonancia cos seus valores como soporte dunha explotación gandeira.

4. Desaparece a anterior cualificación como equipamento deportivo de sistema xeral, e redúcense 139.637 m2 dos 2.132.692 m2 previstos no PXOM. Segue a cumprirse o estándar de 5 m2/100 m2 establecido no artigo 47.1 da LOUG (464.736 m2). A obtención do equipamento estaba prevista por expropiación, cun custo de 3.997.920 euros. Agora non se considera prioritaria para o Concello a actuación, pola obtención por cesión da área deportiva de San Lázaro de 40.788 m2 (usos deportivos no ámbito ZD-2).

III. Análise e consideracións.

O proxecto coincide co informe favorable previo á súa aprobación inicial da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, incluíndo agora un anexo coa ordenación dos terreos correspondente ao PXOM de novembro de 1993. Non se encontran obxeccións á modificación fundamentada no cumprimento dunha sentenza xudicial (interese público exixido no artigo 94.1 da LOUG).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM de Santiago de Compostela (A Coruña) no ámbito do sistema xeral de equipamento deportivo ZD-7.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio