Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2016 Páx. 46088

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 30 de agosto de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros na rede viaria do PERI Rialta.

O Concello de Oleiros remite a modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal, e solicita a súa aprobación, conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coa disposición transitoria segunda, punto 2, da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros conta cun PXOM aprobado definitivamente pola Orde da CPTOPT do 11.3.2009 e Orde da CMATI do 11.12.2014.

2. A Orde da CMATI do 11.12.2014 establece, no seu punto II.2.C que as alteracións do PERI de Rialta que o Concello pretendía considerar como corrección de erros do PXOM deben ser obxecto, se é o caso, dunha modificación puntual do plan xeral.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu no 22.10.2015 non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

4. O arquitecto municipal emitiu informes o 24.7.2015 e o 19.11.2015. Constan informes xurídicos da coordenadora de servizos urbanísticos do 7.8.2016, 12.11.2015, 9.11.2015, 26.4.2016 e 6.5.2016. A secretaria municipal emitiu informe o 1.12.2015.

5. A modificación non precisou ter o informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1 da LOUG, conforme o disposto no segundo parágrafo do artigo 93.4 desa lei.

6. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 14.12.2015. Sometida a información pública por dous meses (El Ideal Gallego e La Voz de Galicia do 24 de decembro de 2015 e DOG do 7 de xaneiro de 2016) e comunicada aos concellos estremeiros de Culleredo, Cambre, Sada e A Coruña sen que fose obxecto de alegacións.

7. O Instituto de Estudos do Territorio emitiu informe con data 17.3.2016, favorable.

8. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 26.5.2016.

II. Obxecto e descrición do proxecto. Análise e consideracións.

1. O PXOM de Oleiros considerou, por medio da súa disposición transitoria primeira, o PERI da urbanización Rialta como subsistente, incorporando as súas determinacións ao plan xeral, mais non mantivo nos planos da ordenación a aliñación prevista neste PERI para a rúa Santo Domingo e conservou a aliñación do PXOM de 1997 que alterou a primeira. A aliñación do PXOM de 1997 incrementaba a sección da vía desde a existente fisicamente ata 16 metros, ao incluír esta rúa nun novo trazado viario de comunicación ente o norte e o sur do municipio.

2. A previsión dese novo trazado viario desaparece no vixente PXOM, ao ser substituído polo viario xa executado da Vía Ártabra, en desenvolvemento do correspondente plan sectorial.

3. A modificación ten por obxecto recuperar a aliñación da rúa Santo Domingo determinada no PERI de Rialta, que corresponde coa vía executada, unha vez desaparecida a motivación que deu lugar a ser modificada no PXOM.

4. Considérase como razón de interese público (artigo 94.1 da LOUG) o recoñecemento da realidade existente, unha vez demostrada a innecesariedade da súa alteración, polo que, canto ás competencias urbanísticas autonómicas, non se observa obxección á modificación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e no artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros (A Coruña) na rede viaria do PERI Rialta.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio