Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2016 Páx. 46077

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 30 de xuño de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Portomarín para ampliar os usos permitidos no solo urbano e reordenar un dos seus ámbitos (expediente PTU-LU-13/093).

O concello de Portomarín remite proxecto de modificación puntual das normas subsidiarios de planeamento (NSP) datado en xaneiro de 2016, subscrito pola arquitecta Patricia López González, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, consonte o establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, pola que poderá continuar a súa tramitación segundo o teor do disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) En cumprimento do artigo 85.7 da LOUG, con data do 25.1.2016 emitiuse Orde da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, na cal se indicaban unha serie de deficiencias que se debían emendar.

Con anterioridade, a S.X. de Calidade e Avaliación Ambiental emitira unha decisión (5.7.2013) eximindo a modificación de avaliación ambiental estratéxica, e emitíranse informes municipais, técnico (18.7.2013) e xurídico (23.7.2015).

b) Posteriormente, o Concello realizou os seguintes trámites:

Emisión do informe sectorial pola D.X. de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do referido ministerio (16.2.2015).

Emisión de informe técnico municipal do novo proxecto técnico de modificación (25.2.2016).

Aprobación provisional por acordo municipal plenario do 17.3.2016.

II. Aspectos xerais. Contido.

A modificación propón distintas alteracións do planeamento vixente:

a) Amplía os usos admitidos nas distintas zonas edificables do solo urbano, incorporando o uso hoteleiro e outros usos económicos (comercios, almacéns, talleres artesanais, oficinas, etc.).

b) Introduce cambios na ordenación no quinteiro definido pola avenida de Chantada, estrada de Sarria (LU-633) e camiño da Capela:

– Altera a rede viaria proposta polas NSP, eliminando unha vía prevista que atravesaba o quinteiro e incorporando á rede viaria pública dous tramos viarios existentes no seu interior. Así mesmo, reaxusta as aliñacións das vías perimetrais do quinteiro adaptándoas á realidade.

– A máis dos cambios de zonificación que derivan das novas determinacións viarias, a modificación altera os límites das zonas verdes previstas polas NSP dentro do quinteiro e suprime a zona de equipamento-miradoiro das NSP recualificando os terreos que formaban parte dela como vías públicas e edificación unifamiliar illada.

– Altera a cualificación e condicións edificatorias nos terreos do novo quinteiro configurado entre as vías recoñecidas, nas cales actualmente rexe a ordenanza de edificación unifamiliar illada, e nos cales se pasaría a aplicar unha nova ordenanza, de edificación unifamiliar aliñada, creada pola modificación.

c) Tamén se altera a regulación da condición de altura na ordenanza de edificación unifamiliar illada das NSP.

III. Análise e consideracións.

Analizado o proxecto de modificación puntual das NSP datado en xaneiro 2016, que foi obxecto de aprobación provisional por acordo municipal plenario do 17.3.2016, e posto en comparación coas observacións formuladas na Orde CMAOT do 25.1.2016, púidose observar:

– Punto III.1.a) e b) da orde: incorporouse o informe en materia de telecomunicacións e remitíronse os documentos técnicos debidamente asinados.

– Punto III.2.a): no punto II.I.3 elimináronse as referencias que a versión anterior facía á realización das obras de urbanización polos particulares e suprimiuse a referencia á aplicación de contribucións especiais.

– Punto III.2.b): os terreos que a modificación destina a zonas verdes identifícanse no plano O07 e nos puntos II.2.1 e II.2.3 estímase o seu custo de urbanización e adquisición. No punto 1.2 da estratexia de actuación maniféstase que se adquirirán mediante a aplicación dos mecanismos previstos no artigo 166.1 da LOUG.

– Punto III.3: nos puntos I.8.1 (memoria) e III.1.3 (ordenanzas) introdúcense correccións, restrinxindo os cambios de uso nas zonas cualificadas polas NSP como equipamento, cualificación que as NSP aplican a zonas de titularidade pública e a outras privadas destinadas a usos terciarios, admitindo en todas elas os seguintes usos públicos: administrativo, cultural, relixioso, benéfico-sanitario, espectáculos, de relación e deportivo.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias do concello de Portomarín para ampliar os usos permitidos no solo urbano.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio