Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 28 de setembro de 2016 Páx. 44467

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2016 de modificación da Resolución do 17 de xuño de 2016 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición dos terreos mediante compra para o desenvolvemento das etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Por Resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) do 17 de xuño de 2016 (DOG núm. 123, do 30 de xuño), acórdase realizar unha oferta pública de adquisición dos terreos mediante compra para o desenvolvemento das etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia.

Segundo. Tendo en conta o número, a casuística e o tipo de consultas realizadas polos titulares durante o tempo transcorrido da oferta, nas cales manifestan a dificultade de obter noutros organismos a documentación que precisan, é aconsellable modificar o prazo máximo de presentación das ofertas para os seguintes procedementos que aínda teñen o prazo aberto:

a) Terreos sen elementos susceptibles de ser valorados.

b) Terreos con elementos que valorará unilateralmente a Administración, conforme o anexo I da Resolución do 17 de xuño de 2016, e sen edificacións ou elementos singulares.

Por maior abastanza, tamén os interesados, por ter que apoiarse nun asesoramento técnico-xurídico, deben dispoñer de máis tempo de resposta para aceptaren a oferta que formalice a Administración, no caso da existencia de edificacións ou elementos singulares que requiran dun expediente contraditorio.

Terceiro. Pola súa vez, rematado o prazo de presentación de ofertas para o procedemento de terreos con edificacións e/ou elementos singulares que se valorarán mediante un expediente contraditorio entre os seus titulares e a Administración, en que a maioría das ofertas foron presentadas nos últimos días de prazo, a Administración, para poder realizar a valoración correspondente e, de ser o caso, notificala aos titulares, precisa comprobar os bens existentes nas ofertas; con carácter previo, debe cursar unha comunicación aos seus titulares para que autoricen a entrada ás súas propiedades. A obtención da autorización e a coordinación de visitas ás propiedades está dificultando acometer o traballo da Administración no prazo estipulado na Resolución do 17 de xuño de 2016, polo que é necesario modificar o dito prazo.

Consideracións legais:

Única. Esta resolución mantén as mesmas consideracións legais que as establecidas na Resolución do 17 de xuño de 2016 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición dos terreos mediante compra para o desenvolvemento das etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia.

De conformidade con todo o indicado, acórdase:

Modificar a Resolución do 17 de xuño de 2016 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición dos terreos mediante compra para o desenvolvemento das etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia do seguinte xeito:

Modificación do punto segundo, epígrafe I) «condicións económicas da oferta», da parte resolutoria no relativo aos prazos dos seguintes procedementos:

a) Terreos sen elementos susceptibles de ser valorados:

• Prazo de presentación das ofertas: ata o 31 de outubro de 2016.

b) Terreos con elementos que valorará unilateralmente a Administración, conforme o anexo da Resolución do 17 de xuño de 2016, e sen edificacións ou elementos singulares:

• Prazo para notificar a valoración da Administración, no caso de existir desconformidade coa valoración dos elementos existentes: un (1) mes contado desde o 31 de outubro.

• Prazo de comunicación dos titulares para aceptar a valoración proposta pola Administración: vinte (20) días seguintes ao da notificación.

• Prazo de presentación das ofertas: ata o 31 de outubro de 2016.

c) Terreos con edificacións e/ou elementos singulares que se valorarán mediante un expediente contraditorio entre os seus titulares e a Administración:

• Prazo da Administración para notificar a súa conformidade ou a oferta contraditoria: antes do 31 de outubro de 2016.

• Prazo de comunicación dos titulares se aceptan a valoración proposta pola Administración: vinte (20) días seguintes ao da notificación.

En todo o restante, mantense a plena validez do contido da Resolución do 17 de xuño de 2016, pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición dos terreos mediante compra para o desenvolvemento das etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2016

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo