Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 28 de setembro de 2016 Páx. 44461

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2016 pola que se aproba definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución da estación de tratamento de augas potables (ETAP) e a súa correspondente captación para a Plataforma loxístico-industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan).

Á vista do proxecto de expropiación forzosa tramitado polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución da estación de tratamento de augas potables (ETAP) e a súa correspondente captación para a Plataforma loxístico-industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan), resultan o expediente os seguintes:

Antecedentes de feito.

1. O Consello da Xunta de Galicia, mediante Acordo do 15 de maio de 2002 (DOG núm. 108, do 6 de xuño), aprobou definitivamente o proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxístico-industrial no solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves (en adiante, Plisan). A aprobación levaba implícita a declaración de prevalencia dos intereses públicos do proxecto sectorial sobre as actuacións previstas para o aproveitamento dos recursos mineiros afectados, a declaración de utilidade pública e interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a súa execución. Con posterioridade, o dito proxecto foi modificado polo Consello da Xunta de Galicia mediante Acordo do 13 de xaneiro de 2011 (DOG núm. 25, do 7 de febreiro).

2. Por resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) do 1 de marzo de 2004, acordouse aprobar inicialmente o proxecto de expropiación forzosa da Plisan polo procedemento de taxación conxunta, así como sometelo a información pública durante o prazo dun mes.

En virtude da resolución da Dirección Xeral de Urbanismo do 20 de xullo de 2004 (DOG núm. 152, do 6 de agosto) aprobouse definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución da Plisan, para os efectos previstos polos artigos 143 e 144 da Lei 9/2002, do 30 de decembro. Esta aprobación definitiva do expediente implicaba a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 144.1 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

Na citada expropiación actúa como Administración expropiante o IGVS e como beneficiarios, ademais do citado organismo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

3. Mediante a Resolución do director xeral do IGVS de data 29 de abril de 2016 (DOG núm. 95, do 20 de maio) acordouse aprobar inicialmente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución ETAP e a súa correspondente captación para Plisan e someter a información pública durante o prazo dun mes. Para os mesmos efectos, déuselle traslado aos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, así como á Delegación Provincial do IGVS en Pontevedra.

Por existencia neste expediente dun único predio con propietario/s descoñecido/s, publicouse un anuncio no Boletín Oficial del Estado (núm. 127, do 26 de maio) para a correspondente notificación aos seus propietarios, de conformidade co artigo 59.5 da citada Lei 30/1992.

Ademais das publicacións anteriores, foi inserido un anuncio no xornal Faro de Vigo do día 20 de maio de 2016 e notificouse ao Ministerio Fiscal a citada Resolución do 29 de abril de 2016, cos titulares descoñecidos e a correspondente folla de valoración do predio en cuestión.

Igualmente, o expediente estivo exposto á disposición dos interesados nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, e na Delegación Provincial do IGVS en Pontevedra.

4. Durante o prazo de exposición pública non se presentou ningunha alegación contra a aprobación inicial deste expediente, polo que non foi preciso emitir ningún informe ao respecto, de conformidade co referido no artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Fundamentos de dereito.

1. De conformidade co artigo 118.6 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, a competencia para aprobar o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle á persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

2. O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, de aprobación do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e no artigo 118 e concordantes da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

3. O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva exixida polo artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia:

a) Delimitación do ámbito territorial, cos documentos que o identifiquen en canto a situación, superficie e lindeiros, coa descrición de bens e dereitos afectados e a relación das persoas titulares.

b) Fixación de prezos, coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

c) Follas de prezo xusto individualizado de cada predio, nas cales se conterá non só o valor do solo, senón tamén o correspondente ás edificacións, obras, instalacións e plantacións.

d) Follas de prezo xusto que correspondan a outras indemnizacións.

A relación de propietarios, predios e superficies é a que figura no anexo desta resolución.

4. Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse aos establecidos no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, de aprobación do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, no Real decreto 1492/2011, do 24 de octubre, polo que se aproba o Regulamento de valoracións da Lei do solo, e no resto de normativa concordante.

Polo exposto, e

Vistas as citadas disposicións legais e as demais normas aplicables a este procedemento,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución da estación de tratamento de augas potables (ETAP) e a súa correspondente captación para a Plataforma loxístico-industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan).

Esta aprobación definitiva do expediente implica a declaración de urxencia de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 118.10 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 118.11 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia).

2. Notificar o contido desta resolución de aprobación definitiva do expediente ao IGVS e, para os efectos establecidos no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, ao Ministerio Fiscal, e xuntar a correspondente folla de valoración.

3. Publicar a presente resolución, así como o seu anexo coa relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no Diario Oficial de Galicia e nos taboleiros de edictos dos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves.

Por existencia neste expediente dun único predio con propietario/s descoñecido/s publicarase un anuncio no Boletín Oficial del Estado, o que servirá de notificación aos seus propietarios, de conformidade co artigo 59.5 da citada Lei 30/1992.

Durante o prazo de vinte días poderán manifestar por escrito dirixido á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por triplicado exemplar, na Delegación Provincial de Pontevedra do IGVS, a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 118.7 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, e entenderase determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade co artigo 118.8 da referida Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

O cómputo do prazo de vinte días comezará desde o día seguinte ao da referida publicación no BOE.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, segundo o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo.

Todo isto, sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días, contados a partir do seguinte da recepción da notificación ou, de ser o caso, das publicacións para manifestala por escrito.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

ANEXO
Relación de titulares e predios afectados pola expropiación

Núm. de predio

Referencia catastral

Polígono

Parcela

Lugar

Concello

Titular

Enderezo/localidade

Superficie total

Superficie expropiada

Uso

01

36034A161001100000WX

161

110

Ceña

As Neves

Descoñecido

Descoñecido

6.540 m2

1.205 m2

Forestal