Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 4 de xullo de 2016 Páx. 28310

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Consumo

RESOLUCIÓN conxunta do 1 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convocan os premios aos proxectos de innovación educativa sobre consumo responsable Galicons-net.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta mesma lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo; capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia é, polo tanto, un interese do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dáse acollida ao programa Galicons-net a través do Plan Proxecta, para favorecer a integración das metodoloxías innovadoras a través dos distintos programas e temáticas.

En consonancia con estes principios, o programa Galicons-net ten como obxectivo o desenvolvemento das competencias clave e da educación en valores a través da realización dun proxecto de innovación educativa en materia de consumo responsable.

O programa Galicons-net tenta potenciar a educación para o consumo responsable nos centros docentes non-universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como motivar un traballo activo e colaborativo do alumnado e do profesorado nas distintas etapas educativas, e permite formar cidadáns e cidadás que poidan desenvolverse na sociedade dun xeito responsable, solidario e con sentido crítico, dando preferencia ao «ser» fronte ao «posuír».

Co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polo alumnado e o profesorado no programa Galicons-net e fomentar a participación de novos centros docentes nesta iniciativa conxunta do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na promoción da educación en materia de consumo responsable no ámbito do ensino, establécese a incorporación dunha dotación económica para premiar os proxectos que mellor potencien o consumo responsable en cada centro docente.

Por todo iso, como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e como presidenta do Instituto Galego de Consumo,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular e convocar os premios aos proxectos de innovación educativa sobre consumo responsable Galicons-net, para difundir e promover os valores do consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Destinatarios

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2015/16 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 3. Categorías de participación

Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio de formación profesional e de educación de persoas adultas.

Artigo 4. Características dos proxectos

1. Os centros deberán realizar un proxecto de innovación educativa sobre unha ou varias das seguintes temáticas de consumo responsable que mellor se adapte ás súas necesidades.

a) Consumo e xénero:

– Xoguetes, xénero e publicidade.

– Impacto das relacións de xénero no consumo.

– Consumo e xénero: onte, hoxe e mañá.

b) Linguaxe publicitaria:

– Publicidade na miña contorna.

– Publicidade dirixida á adolescencia.

– Publicidade: onte, hoxe e mañá.

c) Comercio electrónico:

– Hábitos de consumo de comercio electrónico.

– Seguridade no comercio electrónico.

– Comercio electrónico: onte, hoxe e mañá.

d) Servizos financeiros:

– Tipoloxía dos servizos financeiros: captación e investimento.

– Identificación de servizos inseguros: créditos rápidos e cláusulas abusivas.

– Servizos financeiros: onte, hoxe e mañá.

2. O proxecto deberá incluír un título directamente relacionado coa temática seleccionada.

3. O proxecto deberá concretar o proceso de aprendizaxe na elaboración dun produto final que permita expor o coñecemento adquirido e o traballo realizado. Terá formato libre e formalizarase a través de calquera tipo de soporte (textual, audiovisual, informático, virtual, gráfico, campaña de concienciación...).

4. O proxecto deberá basearse nun traballo colaborativo entre o profesorado e o alumnado.

5. O desenvolvemento do proxecto en cada centro deberá servir para acadar os seguintes obxectivos específicos:

a) Concienciar o alumnado da súa condición de persoa consumidora, iniciándoo no funcionamento dunha sociedade de consumo responsable.

b) Fomentar que o alumnado actúe na sociedade de maneira informada, de xeito que poida elixir, con pleno coñecemento, entre os bens e servizos e coñecer os seus dereitos e deberes.

c) Desenvolver no alumnado un pensamento crítico e independente e fomentar a reflexión sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo.

Artigo 5. Apoio aos centros docentes para a realización dos proxectos

Co obxecto de facilitar a realización dos proxectos, os centros docentes poderán solicitar asesoramento ao Instituto Galego de Consumo, poñéndose en contacto coa Escola Galega de Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Artigo 6. Presentación das solicitudes e documentación

1. Cada centro docente poderá presentar un único proxecto por cada unha das categorías de participación sinaladas a continuación. Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.

2. Os proxectos que se presenten irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola dirección do centro conforme o modelo que figura como anexo I desta resolución.

b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Estará elaborada en galego. Terá unha extensión máxima de 5 páxinas; contará, de xeito resumido, o traballo realizado para a elaboración do proxecto e estruturarase do seguinte xeito:

– Portada, que debe indicar o título do proxecto e a temática de traballo escollida.

– Índice.

– Corpo da memoria, que debe explicar de forma resumida as seguintes cuestións relativas ao desenvolvemento do proxecto:

• Os obxectivos iniciais marcados e o nivel de cumprimento.

• As distintas fases do proxecto.

• As conclusións obtidas coa realización do proxecto.

• Os materiais e os produtos creados no proxecto.

• O grao de participación dos axentes implicados na realización do proxecto (profesorado, alumnado, familias, resto da comunidade educativa).

– Anexo bibliográfico, fotográfico e virtual (coas ligazóns ás páxinas en que se poida visualizar o traballo desenvolvido, se é o caso).

c) Documentación, en formato físico ou dixital, que permita visualizar os produtos elaborados.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica están publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 30 de setembro de 2016.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Premios

Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.

Artigo 10. Certificación e recoñecemento

1. Ademais dos premios, os centros recibirán un diploma do Instituto Galego de Consumo que os acredita como gañadores.

2. A persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Artigo 11. Xurado

1. Os proxectos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa na que delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da presidencia do Instituto Galego de Consumo ou persoa en quen delegue.

c) Vogais:

– Un/unha asesor/a de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego de Consumo.

d) Secretaria:

A persoa titular da dirección técnica da Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de estimalo, poderá contar co asesoramento técnico de persoas especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución entre os premiados da contía dos declarados desertos.

Artigo 12. Criterios de valoración

Para a selección dos proxectos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios e puntuacións:

1. A adecuación do proxecto ás temáticas propostas en materia de consumo: ata un máximo de 3 puntos.

2. A coherencia do traballo realizado cos obxectivos do proxecto: ata un máximo de 3 puntos.

3. A calidade, creatividade e orixinalidade dos materiais producidos: ata un máximo de 3 puntos.

4. A claridade da memoria final: ata un máximo de 1 punto.

Artigo 13. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non se resolven no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á presidencia do Instituto Galego de Consumo e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra as resolucións que se diten ao abeiro desta convocatoria, que porán fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Este procedemento realizarase segundo o establecido na Lei 29/1998, da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro dereito que xulguen procedente.

Artigo 14. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 4.500 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2016, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os centros gañadores teñen a obriga de destinar os premios á adquisición de material informático.

3. Os centros gañadores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración posterior nos proxectos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 15. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderán reproducir, publicar e divulgar os proxectos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puidesen resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do proxecto e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou titores legais dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego de Consumo e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales se poderán introducir as variacións que se consideren máis adecuadas para a súa finalidade educativa.

Artigo 16. Retirada da documentación

A dirección do centro docente e/ou as persoas coordinadoras dos proxectos presentados poderán solicitar ao Instituto Galego de Consumo a retirada da documentación e a devolución dos proxectos non premiados na convocatoria, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderase recorrer potestativamente, perante a presidenta do Instituto Galego de Consumo, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 18. Protección de datos de carácter persoal

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego de Consumo, encadrado na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego de Consumo, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida de Gonzalo Torrente Ballester, 1-3-5, baixo, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a
igc.informacion@xunta.gal

Desenvolvemento normativo

Facúltase a presidenta do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016

Sol María Vázquez Abeal

Román Rodríguez González

Presidenta do Instituto Galego
de Consumo

Conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file