Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 6 de xuño de 2016 Páx. 22412

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (484/2009).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber:

Que no procedemento de seguridade social número 484/2009 deste xulgado do social, seguido por instancia de Ángel Luis Tubío Filgueira contra a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), RAL Técnica para Laboratorio, S.A., sobre Seguridade Social, se ditou a seguinte resolución:

«Auto

Santiago de Compostela, nove de maio de dous mil dezaseis

Feitos:

Único. A entidade demandante formulou en data 30 de xaneiro de 2015 incidente de nulidade de actuacións, ao non se lle ter dado traslado do resultado da dilixencia para mellor prover efectuado por medio de providencia de data 28 de setembro de 2011, polo que solicita que se decrete a nulidade de actuacións, retrotraendo os autos ao momento da práctica da dilixencia para mellor prover, ou con carácter subsidiario declárese a nulidade da sentenza ditada no presente procedemento.

Do dito escrito déuselles traslado ás partes, as cales deixaron transcorrer o prazo legalmente establecido sen facer ningunha alegación, a quedou pendente da resolución que agora se dita.

Razoamentos xurídicos:

Único. O artigo 227.2 da Lei de axuizamento civil permítelle ao tribunal, de oficio ou por instancia de parte, antes de que houber resolución que poña fin ao proceso, e sempre que non proceda a emenda, declarar, logo de audiencia das partes, a nulidade de todas as actuacións ou dalgunha en particular.

Pola súa banda, o artigo 228 da mesma lei establece que non se admitirán con carácter xeral incidentes de nulidade de actuacións, pero poderán facelo cando se produza vulneración dalgún dereito fundamental dos referidos no artigo 53.2 da Constitución, sempre que non puidese denunciarse antes de se ditar resolución que poña fin ao proceso e sempre que a dita resolución non sexa susceptible de recurso ordinario nin extraordinario. O prazo para pedir a nulidade será de vinte días desde a notificación da resolución ou, en todo caso, desde que se tivo coñecemento do defecto causante da indefensión.

Pois ben, no presente caso, procede estimar o recurso de nulidade interposto, por canto efectivamente tras formalizar a dilixencia acordada para mellor prover non se deu traslado para alegacións á parte demandante e, polo tanto, non se puido observar que a dilixencia non fose efectuada conforme o requirido nela, por canto o Instituto Nacional da Seguridade Social ao practicar o cálculo da base reguladora non recolleu as bases establecidas en demanda, como se pode comprobar cun simple exame das cantidades consignadas nas súas bases, de tal maneira que resulta procedente estimar o recurso de nulidade interposto, ao momento de recibir o cálculo polo INSS. Non obstante, non se considera necesario dar traslado deste á parte demandante, ao ter realizado xa as alegacións sobre a dita dilixencia no recurso de nulidade instado, o que na práctica supón unicamente proceder á nulidade da sentenza ditada e volver ditar esta, tendo en conta as alegacións vertidas pola parte demandante.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva

Dispoño: que debo estimar e estimo o incidente de nulidade de actuacións formulado por Ángel Luis Tubío Filgueira e, en consecuencia, declarar a nulidade de actuacións posteriores a que o INSS presente o cálculo da base reguladora, sen que sexa necesario volver dar traslado á parte demandante das ditas bases, ao se entenderen efectuadas as ditas alegacións coas contidas no recurso de nulidade interposto e, en consecuencia, unicamente procede decretar a nulidade da sentenza ditada para o seu posterior ditado tendo en conta as alegacións vertidas pola parte demandante.

Póñase este auto en coñecemento das partes, ás cales se fai saber que contra este non cabe interpor ningún recurso.

Así, por este auto acórdao, mándao e asínao Sonia Mª Cartamil Obelleiro, xuíza substituta do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela».

E para que sirva de notificación en legal forma a RAL Técnica para Laboratorio, S.A., en ignorado paradoiro, expido o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2016

A letrada da Administración de xustiza