Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 1 de xuño de 2016 Páx. 21199

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO do 10 de maio de 2016, da Secretaría Xeral do Pleno, relativo á aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións na rúa de Antón Fraguas, na unidade de actuación número 35 do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 18.4.2016, adoptou, entre outros pronunciamentos, o seguinte acordo que, na súa parte dispositiva, literalmente di:

«(...) Primeiro. Prestar aprobación, con carácter definitivo, ao documento texto refundido do Plan especial de infraestruturas e dotacións na rúa Antón Fraguas (Pontevedra), na unidade de actuación 35 do PXOU, instrumento urbanístico formulado por este concello e redactado pola arquitecta municipal adscrita á Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento, con data de decembro de 2015, para execución da sentenza ditada o 23.6.2011, no procedemento ordinario 4601/2007, pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, confirmada pola Sentenza do Tribunal Supremo do 9 de maio de 2014, ditada no recurso de casación número 5634/2011, e que conta con informe favorable da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, do 18.3.2016.

Segundo. Notificar este acto administrativo aos interesados/propietarios dos terreos afectados segundo a relación catastral incorporada ao expediente e, particularmente, ás entidades mercantís Construcciones y Obras Veteris, S.L. e a Tejima España, S.A., á cal se ten como constituída en parte e interesada no expediente; notificación que se fará por medio de anuncios no taboleiro de edictos do concello e no BOE cando sexan descoñecidos, sexa ignorado o lugar de notificación ou, tentada esta, non se puider efectuar e, asemade, comunicarllo á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dándolle traslado, a esta última, dunha copia autenticada de dous exemplares, en formato dixital, do instrumento aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que integran o plan sobre os cales recae o acordo de aprobación definitiva, debidamente dilixenciados pola Secretaría Xeral do Pleno do Concello. Farase constar a devandita circunstancia.

Terceiro. Dispor a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva no prazo dun mes no Diario Oficial de Galicia, facendo constar a remisión da documentación á consellería, así como o enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público e, logo da inscrición, se procede, no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, a publicación do contido íntegro do plan na web http://www.pontevedra.gal e do documento que conteña a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia, para acadar a súa eficacia e executividade, consonte o establecido na lexislación de réxime local, concretamente, nos artigos 70.2, 70 ter e 65 da Lei reguladora das bases do réxime local (...)».

Faise constar expresamente que, con data do 10.5.2016 tivo entrada no Rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a documentación amentada, dirixida á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Así mesmo, faise constar que nestas datas xa se atopa publicado na páxina web municipal (www.pontevedra.gal) o contido íntegro do documento aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación.

Recursos procedentes.

Contra este acordo poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998). Isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme a dereito.

Pontevedra, 10 de maio de 2016

José Luis Mato Rodríguez
Secretario xeral do Pleno